Desde o Instituto de Estudos Miñoráns:
“O Instituto de Estudos Miñoráns, coa colaboración do Concello de Gondomar, organiza o obradoiro literario “SOÑA TIFÓNS UNHA NEANDERTHALENSIS NA BOCA DA PANTERA” impartido por Antón Blanco Casás, gañador do XVI Certame de poesía Victoriano Taibo. O obradoiro, de carácter gratuíto, constará de seis sesións presenciais que se desenvolverán os sábados 25 de xaneiro, 15 de febreiro e 15 de marzo de 2025 en sesións dobres de mañá (de 11 a 14 h) e tarde (de 16 a 19 h) na sede do IEM en Gondomar. O prazo de inscrición comezará este xoves 5 de decembro e permanecerá aberto ata completarse as prazas dispoñibles.
Preténdese que as/os asistentes poidan crear novas composicións ou incluso mellorar as que xa teñen, mediante o análise e uso das técnicas que levaron a Antón a vencer na última edición do xa senlleiro certame miñorán.
O grupo PUGA do IEM espera que o obradoiro sirva tanto para a promoción do uso do idioma galego mediante a poesía así como a creación dunha canteira de poetas da que poidan saír futuras/os participantes e gañadoras/es do Certame de poesía Victoriano Taibo.
As inscricións faranse preferentemente no formulario da ligazón seguinte https://forms.gle/xrKMtgrCrTv8dKS59 ou no código QR anexo. O proceso é moi sinxelo e pode facerse dende o propio móbil.”
Arquivos da etiqueta: Concello de Gondomar
Antón Blanco Casás, gaña o XVI Premio de Poesía Victoriano Taibo con Bosque
Desde Galaxia (foto da propia Editorial Galaxia):
“Reunido o xurado do XVI premio de Poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e coa Editorial Galaxia, integrado pola filóloga e tradutora Emma Lázare, en representación do Lucenza-Ateneo de Nigrán; por Yaiza Peixoto, mestra e Presidenta de Espazo Lectura; por Masha Álvarez, profesora e poeta gañadora da edición anterior; por Tamara Andrés, escritora e tradutora en nome da Editorial Galaxia; e por Miguel Anxo Mouriño, en representación do Instituto de Estudos Miñoráns, resolve por unanimidade que o poemario gañador desta XVI edición sexa o presentado baixo o lema Eu, belida, titulado Bosque, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Antón Blanco Casás.
O xurado valora a enunciación a través dunha voz épica e lírica a un tempo, a concepción da escrita como un oco a través do que se abre un bosque cunha capacidade de evocación insólita e a concepción da vida fluída e circular que integra corpo, natureza e escrita nunha relación intimamente ligada e horizontal.
Por outra banda, o xurado decide nomear finalistas os poemarios presentados baixo os lemas Antes da xabreira, e A illa sen reloxo, querendo destacar tamén a numerosa participación e o alto grao de calidade das obras concorrentes.
A obra gañadora será publicada baixo na colección Dombate de Editorial Galaxia. O acto de entrega do premio e a presentación do libro, celebrarase no mes de marzo de 2025, no cabodano do pasamento do poeta Victoriano Taibo. Antes diso, no primeiro trimestre de 2025, o gañador impartirá un obradoiro de poesía para o que se abrirá o prazo de inscrición durante o mes de decembro.”
Gondomar: “Os medios e o poder a debate”
Gondomar: presentación de Rotas, de Montse Fajardo
Gondomar: “O Campo das Laudas de Cerdedo. A memoria recuperada”, con Calros Solla
Gondomar: presentación de Valentín Arias. Non pasou de baleiro polo mundo, de Xulián Maure e Xavier Senín
Bases do XVI Premio de poesía Victoriano Taibo
O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), en colaboración co Concello de Gondomar e a Editorial Galaxia, convoca o XVI Premio de poesía Victoriano Taibo, dotado con unha escultura conmemorativa de Fino Lorenzo e até 4000 €, dos que 3000 € serán en concepto de adianto por dereitos de autoría e 1000 € no caso de que a persoa gañadora acepte impartir o obradoiro mencionado no punto 9 das seguintes bases:
1. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, de temática libre, non poderán ser adaptacións nin estar premiados noutro certame no momento da decisión do xurado. Estarán escritos en lingua galega, de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003).
2. Cada traballo consistirá nun ou varios textos poéticos, cunha extensión non inferior a 400versos con unidade temática, non podendo superar as 250 páxinas.
3. Os traballos presentaranse con letra de corpo 12 a través do Formulario de Participación, ao que se pode acceder a través da seguinte ligazón:
https://forms.gle/c17myKtyxhJhzG1eA
Nese formulario indicarase o título co que se presenta a obra e pseudónimo escollido pola autora ou autor. Tamén se cargará un arquivo coa obra en formato PDF. O arquivo en PDF non poderá conter datos ou metadatos que identifiquen a súa autoría real.
Enviarase tamén unha copia en papel, con letra de corpo 12 nun sobre pechado identificado polo pseudónimo e o título indicados no formulario. Así mesmo, dentro deste sobre, xunto co traballo, incluirase outro sobre pechado identificado co devandito título que conterá os datos persoais (nome, apelidos, copia de DNI, teléfono de contacto e enderezo electrónico). O xurado só o abrirá no caso de ser premiado.
Os traballos enviaranse por correo ao seguinte enderezo:
XIV Premio de Poesía Victoriano Taibo
Instituto de Estudos Miñoráns
Apartado 30
36380 Gondomar (Pontevedra)
4. O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 30 de setembro de 2024.
5. Os traballos presentados non serán devoltos e destruiranse tras o fallo do premio.
6. O xurado estará constituído por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario.
7. A obra premiada será publicada pola Editorial Galaxia na súa colección Dombate e non xerará dereitos de autor durante os primeiros 1000 exemplares editados.
8. O premio outorgado será único e indivisible. O xurado poderá declaralo deserto se estima que a calidade das obras presentadas así o aconsella.
9. O premio consistirá en até 4000 €, dos que 3000 € serán en concepto de dereitos de autoría e 1000 € adicionais condicionados a que a persoa gañadora imparta un obradoiro totalmente presencial de poesía en Gondomar entre os meses de xaneiro e marzo de 2024. O obradoiro terá unha duración de 18 horas e non suporá compensación adicional por gastos de ningún tipo á parte do importe en metálico do premio. O obradoiro poderá facerse de forma telemática no caso de que a persoa gañadora resida fóra de Galicia, feito que deberá acreditarse debidamente. A persoa gañadora pode renunciar a impartir o curso segundo as condicións do punto seguinte.
10. No caso de que a persoa gañadora no imparta o obradoiro do punto anterior, xa sexa por renuncia voluntaria ou calquera outra causa, incluídas as de forza maior, recibirá únicamente os 3000 € en conceptos de dereitos de autoría. Nese caso, o Instituto de Estudos Miñoráns comprométese a utilizar os 1000 € restantes na organización dun obradoiro de similares características impartido por unha persoa de recoñecido prestixio na poesía galega. Terán preferencia as persoas gañadoras de edicións anteriores do Premio Victoriano Taibo de Poesía que non impartisen aínda o obradoiro.
11. A persoa gañadora tamén se compromete sen custo a formar parte do xurado na seguinte edición do premio en caso de ser solicitado pola organización.
12. Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.
13. O feito de participar supón a aceptación destas bases.”