Premio Cunqueiro ás principais receitas do legado culinario galego

Desde Galicia Confidencial:
“O libro Cociña galega tradicional (receitas, tradición, historia e evolución), de Matilde Felpeto Lagoa, vén de proclamarse como a obra gañadora da XXIV edición do Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro. O traballo foi o mellor valorado polo xurado entre as 22 propostas que se presentaron á convocatoria deste ano.
O volume gañador recolle as principais receitas do legado culinario de Galicia, relatando, en cada caso, a historia principal do prato e as distintas maneiras de preparalo. (…)
O segundo premio do XXIV Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, dotado con 1.000 euros, recaeu en O equilibrio dos opostos, unha longametraxe documental dirixida e producida por Alberto Baamonde Bello, autor que xa o ano pasado obtivera o primeiro premio deste certame co filme Cociñando na fin do mundo. O documental foi estreado no Festival internacional de cine documental PLAY-DOC, de Tui, o 22 de marzo de 2017. (…)”

Lalín: entrega do XLII Premio Modesto R. Figueiredo

Coñécense as obras premiadas no XLII Certame Nacional de Narracións Breves Premio Modesto R. Figueiredo

Desde Sermos Galiza (foto do Concello de Lalín):
“(…) A vinganza de Valdedeus valeulle ao escritor e xornalista Miguel Anxo Martínez Oubiña o Premio Modesto R. Figueiredo, organizado pola Fundación Padroado do Pedrón de Ouro, que nesta ocasión acolle o Concello de Lalín.
Nun comunicado de imprensa, a concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, que formou parte do tribunal, salienta a “unanimidade na escolla”. O relato do premiado resultou, segundo a edila, “o favorito de todos os representantes cando se fixo a posta en común”. O texto vencedor do que se considera o certame literario máis antigo de Galiza está dotado cun premio en metálico de 1.000 euros.
Aliás, o xurado concedeu dous accésits -dotados con 400 euros cada un- ás autoras Iris María Gey López por Cranios privilexiados, e a Emma Pedreira, por Poder de alumear.
A entrega dos premios terá lugar o día 3 de febreiro ás 20:30 horas, na Biblioteca municipal Varela Jácome.
Composición do xurado
O xurado que seleccionou as obras estivo formado por Carlos Negro, Adolfo Caamaño, Luís Menéndez, Lara Rodríguez Peña e por David Otero, secretario de O Pedrón de Ouro, con voz pero sen voto.
En total, presentáronse ao concurso 75 traballos. Os relatos elixidos son publicados nun libro cada dúas edicións.”

Lalín: presentación de As horas roubadas, de María Solar

OMaría Solar venres 4 de novembro, ás 20:30 horas, no Museo Ramón María Aller Ulloa, en Lalín (Rúa Ramón Aller, 9), terá lugar a presentación da novela As horas roubadas, de María Solar, publicada por Xerais. No acto, organizado en colaboración co Concello de Lalín, participa, xunto á autora, Gracia Santorum.

Bases do XLII Certame Nacional Galego de Narracións Breves Premio Modesto R. Figueiredo 2016

BASES

1. FINALIDADE DO PREMIO. A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración do Concello de Lalín (Pontevedra) organiza o Certame Nacional Galego de Narracións Breves baixo o nome de Premio Modesto R. Figueiredo. Este certame organízase coa finalidade de promover a literatura narrativa en lingua galega e homenaxear ao seu artellador, o pontevedrés Modesto R. Figueiredo.

2. REQUISITOS PARA PARTICIPAR. Poderán participar todos os autores e todas as autoras de calquera nacionalidade, con unha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e non se presentasen antes a ningún outro certame literario.

3. TRABALLOS QUE SE PODEN PRESENTAR. Os traballos deben ter un mínimo de cinco e un máximo de trinta páxinas mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas de tamaño DIN-A4. Non obstante, o Xurado poderá reconsiderar esta base se entendese que a temática ou desenvolvemento lóxico do argumento o precisasen.

4. TEMPO E MODO DE PRESENTACIÓN. As persoas que participen deberán enviar os seus traballos por quintuplicado sen remite, ou outra forma de identificación, antes do 18 DE NOVEMBRO de 2016 a algún destes enderezos:
FUNDACIÓN DO PADROADO DO PEDRÓN DE OURO
Apdo. de Correos, 627. Santiago de Compostela
CONCELLO DE LALÍN.
Praza de Galicia, 1 -36500- Lalín-Pontevedra
Para a identificación das persoas premiadas ou para aquelas autoras ou aqueles autores de obras que o Xurado considere apropiadas para publicar, todos os traballos deberán engadir un sobre pechado, cos seus datos (nome, apelidos, enderezo, teléfono ou correo electrónico) e o currículo vitae se o considera oportuno. No exterior do sobre só aparecerá o título ou lema da obra.
(***) Con respecto aos traballos que o Xurado considere merecentes de publicación poderán abrirse as plicas correspondentes para poñerse en contacto cos autores e autoras para que dean o consentimento para publicalos.

5. PREMIOS. A obra gañadora será premiada con 1000€ ( suxeito ás obrigadas retencións fiscais). Porén, se o Xurado considera de calidade outras obras, dúas delas máis poderán obter segundos premios que serán de 400 € cada un (e asemade tamén suxeitos ás obrigadas retencións fiscais). Ademais, o Xurado poderá recomendar a publicación daqueles traballos que así o considere (aínda, que non contarán con premio económico)(***).
(***) En todo caso, a publicación destas obras soamente será posíbel co consentimento das súas autoras ou dos seus autores.

6. XURADO E DECISIÓN. O Xurado estará composto por especialistas en crítica literaria designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións de Escritoræs (AELG e PEN CLUBE DE ESCRITORES DE GALICIA) e do Concello de LALÍN (PONTEVEDRA). Así, a Fundación do Pedrón de Ouro reservarase os postos de presidente/a, e secretario/a (este último con voz, pero sen voto).
(***) Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.
O Xurado reunirase na segunda quincena do mes de decembro e dará a coñecer a obra ou obras premiadas coa apertura de plicas diante dos medios de comunicación. Finalmente, ao remate da decisión do Xurado o/a secretario/a redactará a acta que asinarán todos os membros deste.

7. ENTREGA DE PREMIOS. Os premios que obteñan as obras seleccionadas entregaranse nun acto organizado polo Concello de Lalín (Pontevedra) en día e data que se dará a coñecer oportunamente. Os/as autores/as premiados/as terán que recoller persoalmente os seus galardóns.

8. OBXECIÓNS E NORMAS DE INTERESE. A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro reservarase o dereito exclusivo de publicar as obras premiadas na súa primeira edición. O/a autor/a ou autores/as, ao aceptaren estas bases, renuncian voluntariamente aos seus dereitos en favor da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro.
A partir da seguinte edición, as obras son da total propiedade das súas autoras e autores, os/as cales terán a obriga de facer constar que a obra foi premiada no Premio Modesto R. Figueiredo da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. As obras non premiadas seranlles devoltas aos seus autores e ás súas autoras se as requiren antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado. Se ninguén as require, serán destruídas.
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro é a única entidade con capacidade para decidir en última instancia calquera dúbida que puidese suscitar a interpretación das bases deste certame.

O feito de concursar xa obriga ás autoras e aos autores a aceptar as presentes bases deste Certame.”

Lalín: presentación de Masculino singular, de Carlos Negro

OCarlos Negro venres 27 de maio, ás 20:30 horas, no Museo Ramón María Aller de Lalín, terá lugar a presentación do libro Masculino singular, de Carlos Negro, publicado por Xerais. No acto, organizado polo Concello de Lalín e a editora, participan, xunto ao autor, Lara Rodríguez e Mario Pereira.