Actos expansivos 25 anos con Lois Pereiro

Compostela: XIII Simposio O Libro e A Lectura: Ler para comprender o mundo, os 15 e 16 de decembro

Desde asociacion-galega-de-editorasa Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras celebra o XIII Simposio O Libro e A Lectura: Ler para comprender o mundo, os días 15 e 16 de decembro, no Auditorio do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. A continuación pódese consultar o programa completo:

Xoves 15
16:30 h. Inauguración.
Xosé Ballesteros, Presidente da AGE.
Ramón Villares, Presidente do CCG.
• Manuel Dios, Concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago.
17:00 h. Conferencia.
Xabier DoCampo: Ler na escola: o risco de prender lume. Presenta: Paz Castro, Kalandraka Editora.
18:00 h. Café.
18:30 h. Conferencia.
Quico Cadaval: Ler para crer. Presenta: Bea Campos, actriz

Venres 16
10:00 h. Mesa redonda I: Compartindo lecturas, abrindo fiestras.
Modera: Belén López, Baía Edicións, secretaria da AGE.
• Cristina Novoa, Bibliotecas escolares de Galicia.
• Carmen García Paz, CIFP Ánxel Casal de Monte Alto.
• Gracia Santorum, Club de Lectura, IES Laxeiro de Lalín.
11:00 h. Café.
11:30 h. Mesa redonda II: Compartindo lecturas, abrindo fiestras.
Modera: María Xesús Gómez, Editorial Rodeira, tesoureira da AGE.
Mercedes Queixas, Secretaria xeral da AELG.
• Carlos Coira, Libraría Trama.
• Ánxeles Roca, Bibliotecaria.
13:00 h. Conferencia.
Gustavo Martín Garzo, O territorio do lobo. Presenta: Henrique Alvarellos, Alvarellos Editora, vicepresidente da AGE.
14:00 h. Clausura.

O XIII Simposio O Libro e a Lectura: Ler para comprender o mundo conta coa colaboración de CEDRO, CCG e a Concellaría de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago.
As persoas interesadas en asistir ao Simposio poderán realizar a inscrición de balde no seguinte enderezo electrónico: s.tecnica@editoresgalegos.org

Entregarase un diploma sempre que se acredite un 75% a asistencia ao evento.”

Lalín: presentación de As horas roubadas, de María Solar

OMaría Solar venres 4 de novembro, ás 20:30 horas, no Museo Ramón María Aller Ulloa, en Lalín (Rúa Ramón Aller, 9), terá lugar a presentación da novela As horas roubadas, de María Solar, publicada por Xerais. No acto, organizado en colaboración co Concello de Lalín, participa, xunto á autora, Gracia Santorum.

Lalín: presentación de Penúltimas tendencias, de Carlos Negro

O xoves 8 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Vagalume (Rúa D, 20) de Lalín, preséntase Penúltimas tendencias, de Carlos Negro, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Gracia Santorum e Fran Alonso.

Armando Requeixo: “A prol dunha educación literaria”

Artigo de Armando Requeixo no seu blog Criticalia:
“Onte e antonte, na controvertida Cidade da Cultura, desenvolvéronse as I Xornadas de Literatura e Ensino baixo o título xeral A Literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo. Organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG), estas xornadas reuniron un escolleito grupo de didactas, estudosos, creadores e críticos literarios que, organizados en diversas mesas redondas, analizaron diferentes aspectos relacionados co presente e o posible futuro da nosa literatura nos centros educativos.
A conferencia inaugural da xuntanza correu a cargo do escritor Xosé Miranda quen, co seu oficio e saber característicos, disertou con construtiva retranca sobre Que vén sendo iso de ensinar literatura?, ofrecendo unhas moi útiles Instrucións de uso para docentes nos biosbardos.
A mesa redonda que seguiu estivo coordinada por Mercedes Queixas Zas e nela participaron o narrador Antón Riveiro Coello, o poeta Xavier Seoane e mais a estudosa Pilar Ponte Patiño quen, dende ancos complementarios, abordaron o complexo tema A literatura galega nas aulas do século XXI centrándose nas que cada un deles crían podían ser axeitadas Estratexias de sedución coas que atraer o alumnado e facer agromar nel o pracer da lectura.
Para rematar coas actividades deste primeiro día Queixas Zas levou a cabo unha suxestiva Presentación do Espazo didáctico virtual da AELG na que deu noticia do grande número de recursos que a asociación ofrece ao profesorado na súa web, na que é posible atopar unidades didácticas, obradoiros literarios, roteiros e outros materiais de grande proveito para o traballo nos centros.
A xornada sabatina principiou cunha mesa centrada nos Tópicos, prexuízos e puntos de fuga que tiven o pracer de moderar e na que participaron a ensaísta e especialista en bibliotecas escolares Pilar Sampedro Martínez, o profesor e narrador Manuel Lourenzo González (recentísimo gañador do Premio Blanco Amor) e mais o escritor e editor Fran Alonso. Todos tres achegaron unha moi ampla panorámica sobre do tema proposto e, amais de combater os numerosos lugares comúns cos que tantas veces se simplifican as cuestións referidas a este asunto, foron respondendo tamén múltiples interrogantes e expoñendo cales podían ser as actitudes coas que afrontar os retos que se abren para o seu futuro.
A mesa coa que se pechou a mañá tiña designado como coordinador o escritor Marcos Calveiro e como relatores convidados o profesor R. Nicolás, o narrador e teórico do feito literario infantoxuvenil Xabier P. Docampo e mais a escritora Marilar Aleixandre. Os catro articularon intervencións nas que se ocuparon dos Itinerarios lectores durante a adolescencia e, sobre todo, dos Criterios de selección dos mesmos, deténdose en espiñentos temas como, poño por caso, a importancia da educación en valores á hora da selección de títulos para o alumnado ou a (in)conveniencia de tratar certos tabús nas obras literarias que a este se destinan.
A quenda da tarde comezou cunha nova mesa redonda, desta volta a propósito do tema Os ‘irmáns pequenos’ no universo da aula: a poesía, o teatro e a literatura de tradición oral. Coordinados polo escritor Carlos Negro —quen fixo de cada un deles unha magnífica presentación en verso—, a dramaturga Teresa González Costa, o poeta Antonio García Teijeiro e mais o narrador e investigador Antonio Reigosa ocupáronse, respectivamente, do papel que o teatro, a poesía e a literatura de raiceira e tradición popular podían (e deberían) xogar nas aulas, equilibrando, así, a súa presenza coa escrita narrativa, xénero preferente para o traballo do profesorado.
Como despedida das xornadas, a mesa A escola e outras literaturas: álbum ilustrado, novela gráfica e banda deseñada, moderada por F. Castro, reuniu as profesoras Gracia Santorum e Ánxeles Abelleira e mais o artista gráfico e ilustrador Jacobo Fernández Serrano para reflexionar sobre as posibilidades que o mundo do cómic e outras fórmulas visotextuais ofrecen no proceso de aprendizaxe do noso alumnado.
O considerable número de asistentes (que se achegou ao centenar), así como a intensa participación nos debates que se suscitaron tras cada unha das mesas redondas entre o público e os relatores dan fe do interese certo que estas I Xornadas de Literatura e Ensino, meritoriamente organizadas pola AELG coa colaboración da AS-PG, espertaron entre a comunidade educativa, polo que haberá que facer votos para que nos vindeiros anos a iniciativa se consolide.