Nome: Bonita, gañadora do Premio Mondoñedo10 na modalidade de Teatro

“Ao entender do xurado, Nome: Bonita, de Vanesa Sotelo, revela unha voz dramática moi sólida caracterizada por un lirismo que entronca coa dramaturxia do mindoniense Álvaro Cunqueiro. O xurado destaca que a obra manifesta o valor testemuñal ao respecto das mulleres represaliadas ao longo da historia. Nun entrecruzamento de linguas e culturas, a partir da figura da cangaçeira brasileira, a autora crea un arquetipo universal da muller loitadora. A acción dramática está atravesada polos conceptos da identidade, a memoria e a ecoloxía como metáfora.
A Asociación As San Lucas en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o Concello de Mondoñedo convocaron esta terceira edición do galardón co obxectivo de establecer vínculos permanentes entre a cidade e o concello que lles dá nome coas mellores obras de creación cultural producidas en Galicia e en galego nos últimos dez anos.
O prestixio decantado ao longo dos séculos por institucións e persoeiros de ascendencia
ou residencia mindoniense, así como a recoñecida achega destes á cultura galega en xeral, xustifican a creación destes galardóns que se entregarán anualmente co fin de contribuír a salvagardar para a memoria do presente e do futuro da lingua e da cultura galegas aquelas obras que a xuízo do xurado merezan este recoñecemento.

Xurado
A composición do xurado nesta terceira edición do Premio Mondoñedo10, que distingue á mellor obra dramática publicada en Galicia e en galego entre os anos 2008 e 2017 estivo formado por Antonio Reigosa Carreiras, Cronista oficial de Mondoñedo, que actuou como Presidente. Os vocais foron Olivia Rodríguez González, en representación da Real Academia Galega (RAG); Dolores Vilavedra Fernández, en representación do Consello da Cultura Galega; Afonso Becerra Arrojo, en representación da sección de literatura dramática da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG); Antonio Salgado Rodríguez, en representación da Asociación de Actrices e Actores de Galicia (AAAG); Tareixa Campo Domínguez, en representación da Asociación Galega de Editoras (AGE); Diego Vázquez Meizoso, en representación da Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas Escena Galega e Francisco Piñeiro González, en representación do concello de Mondoñedo. Exerceu a secretaría do xurado por designación da organización o mindoniense Fran Bouso.

Acto de entrega
O auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo acollerá o vindeiro domingo, 21 de outubro ás doce e media do mediodía o acto de entrega do Premio Mondoñedo10 2018 Teatro no transcurso dun acto no que o grupo de teatro da Asociación Cultural Alexandre Bóveda representará dúas breves pezas teatrais, unha de Rafael Dieste e outra de Álvaro Cunqueiro baixo a dirección de Lino Braxe.”

Finalistas Premio Mondoñedo10 2018, Teatro

A Asociación As San Lucas en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o Concello de Mondoñedo veñen de convocar a 3ª edición do galardón denominado Premio Mondoñedo10 que nesta ocasión, ano 2018, se concederá na modalidade de TEATRO á mellor obra escrita orixinalmente en galego e cuxa primeira edición fose publicada, editada ou representada en calquera soporte nos 10 anos anteriores ao desta convocatoria; ou sexa, entre 2008 e 2017, ambos inclusive.

REUNIÓN DO XURADO E FALLO DO PREMIO
O xurado designado para elixir a obra gañadora reunirase en Mondoñedo o domingo, 14 de outubro.
A entrega do premio ao autor/es ou autora/s da obra gañadora terá lugar en acto público a celebrar no Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo o domingo, 21 de outubro, a partir das 12:15 h.

PREMIO
O premio que se entregará ao/á autor/a da obra seleccionada, ou, en caso de falecemento ou outra causa, a un representante designado polos herdeiros ou titulares dos dereitos da obra premiada, consistirá nun diploma acreditativo deseñado polo debuxante mindoniense J. Pedro Gómez, e unha obra artística orixinal e única, creación do artista, tamén mindoniense, Xosé Vizoso.

COMPOSICIÓN DO XURADO
Composición do xurado para a edición correspondente ao ano 2018, modalidade TEATRO.
Presidente: Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo.
Vogal designado polo Consello da Cultura Galega.
Vogal designado pola Real Academia Galega
Vogal designado pola Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG).
Vogal designado pola Asociación Galega de Editoras.
Vogal designado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
Vogal designado por Escena Galega, Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas.
Vogal designado polo concello de Mondoñedo.
Secretario: Fran Bouso, designado pola asociación convocadora deste premio.
Os nomes faranse públicos unha vez fallado o premio. Nin o presidente do xurado nin o secretario poden propoñer nin votar obras.

OBRAS FINALISTAS
Unha vez recibidas as propostas de todos os membros do xurado faise pública a listaxe das 11 obras finalistas:
1.- Onde andas, Karl?
Autor: Rubén Ruibal
Embora, 2009
2.- Flores de Dunsinane
Autor: Manuel Lourenzo
Xerais, 2010
3.- As do peixe
Autor: Cándido Pazó
Contraproducións, 2013
4.- Sempre quixen bailar un tango
Autora. Teresa González Costa
Xerais, 2009
5.- Eroski Paraíso
Autor: Chévere
Kalandraka 2016
6.- Suite Artabria
Autor: Manuel Lourenzo
Xerais, 2017
7.- O refugallo
Autora: Paula Carballeira
Xerais, 2013
8.- Os cans non comprenden a Kandinsky
Autora: Avelina Pérez
Erregueté, Revista Galega de Teatro, nº 91, 2017.
9.- Voaxa e Carmín
Autora: Esther F. Carrodeguas
Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2016
10.- Raclette
Autor: Santiago Cortegoso
Xerais, 2015
11.- Nome: Bonita
Autora: Vanesa Sotelo
Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música, 2015.

PREMIOS 2016 e 2017 (Recordatorio)
Na primeira edición correspondente ao ano 2016 o xurado elixiu como mellor obra na modalidade de Narrativa publicada en galego entre os anos 2006 e 2015 Os libros arden mal da autoría de Manuel Rivas, publicada por Edicións Xerais de Galicia, 2006.
Na segunda edición correspondente ao ano 2017 o xurado elixiu como mellor obra na modalidade de Poesía publicada en galego entre os anos 2007 e 2016 Hordas de escritura da autoría de Chus Pato, publicada por Edicións Xerais de Galicia, 2008.

Mondoñedo, 6 de outubro de 2018″

Mondoñedo é Poesía 2018, o 1 de maio

Mondoñedo é poesía chega este ano á súa 5ª edición convocando para o vindeiro 1 de maio en Mondoñedo (Capital galega da poesía) a aqueles e aquelas que aman a poesía dita, recitada, cantada, musicada ou visual.
Esta actividade enmárcase, como sempre, dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas que se celebran desde 1541 (hai xa 477 anos) en Mondoñedo.
Celebramos esta quinta edición, amais de cos tradicionais recitais na rúa e no Auditorio Pascual Veiga, cunha homenaxe aos 200 anos da chamada Escola Poética do Seminario e coa edición do libro Mondoñedo é poesía 2014-2018.
A isto hai que engadir outras dúas novidades importantes: a participación no recital por primeira vez dun poeta foráneo (?), o berciano Juan Carlos Mestre, e o recitado dun poema desde… (con conexión en vivo e en directo, agás contratempos técnicos) a cidade galesa de Bangor. Alí estará Lorena Souto (1º Premio Leiras Pulpeiro 2017).
O cartel oficial deste ano é da autoría do grande artista, Fillo Predilecto de Mondoñedo, Xosé Vizoso.

RECITAL na RÚA
17:00 h.- Praza do Seminario
Homenaxe á Escola Poética do Seminario
Breve acto de homenaxe aos 200 anos da Escola Poética do Seminario (EPS) e de reivindicación para que a RAG lle dedique sen tardanza o Día das Letras Galegas.
Interveñen: Félix Villares Mouteira, principal estudoso da obra poética en galego dos poetas membros da EPS e autor do libro Un alpendre de sombra e de luar; Miguel Lustres, poeta pertencente á EPS, así como alumnado do CEIP Álvaro Cunqueiro e membros da Rondalla O Pallarego que darán a coñecer poemas inéditos dalgúns poetas adscritos á EPS.
17:30 h.- Praza da Catedral (a carón da estatua de Cunqueiro)
Recitan: Moncho Bouzas, Jaime Fernández, e Iria Rivas, Carmen Pavón Souto e Chema Merino, alumnado ou exalumnado do IES San Rosendo.
18:00 h.- Praza Jaime Cabot (a carón do Auditorio Pascual Veiga)
Recitan: Mª Belén Senín, Iris Carro, X. Ramón Sánchez Varela, Carme Cociña e Javier F. Rouco.

RECITAL no AUDITORIO PASCUAL VEIGA
18:30 h.
No Auditorio Pascual Veiga escoitaremos os versos de Juan Carlos Mestre, Chus Pato (Premio Mondoñedo10-modalidade poesía 2017), Olga Novo, Antón Lopo e Lorena Souto. Ugía Pedreira ofrecerá un espectáculo poético-musical. Proxectarase un vídeo-poema da autoría de Nachok con texto de Eduardo Estévez. A música póñena Rebeca Maseda e Miguel Lustres. A presentación, con guión de Clara Vidal, corre a cargo de Marina Oural Villapol_MOV

Agasallos aos asistentes
Ao remate do recital os asistentes serán agasallados con carteis da autoría de Vizoso e sortearanse 150 exemplares da publicación Mondoñedo é poesía 2014-2018.

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS
EDICIÓN LIBRO CONMEMORATIVO: Mondoñedo é poesía 2014-2018
Edita: Asociación As San Lucas
Patrocina: Deputación de Lugo
Reúne en 210 páxinas biografías e poemas dos 91 escritores e músicos que participaron (algúns en máis dunha ocasión) nalgunha das 5 edicións.
Tirada: 600 exemplares.
A ilustración de portada é de Xosé Vizoso. Contén os carteis das edicións precedentes, así como debuxos e detalles gráficos de Bernardino Vidarte, Alicia Puchades, Caxigueiro, Ernesto González Torterolo, Ignacio Castro ‘Nachok’, Antón Caxoto e Vizoso.
TENDAL VIRTUAL: A POESÍA DAS PEQUENAS COUSAS
Montaxe foto-poética elaborada polo alumnado do IES San Rosendo. Proxectarase na sala de entrada do Auditorio Pascual Veiga e intermitentemente durante o transcurso do recital no salón de actos do Auditorio.

Organizan: Asociación As San Lucas e Colectivo Mondoñedo É …
Patrocinan: Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Mondoñedo.
Colaboran: CEIP Álvaro Cunqueiro, IES San Rosendo, Seminario Santa Catalina e Rondalla O Pallarego.

Xeopoética de Cunqueiro

Entrevista de Daniel Salgado e Armando Requeixo en Sermos Galiza:
“A xeografía da literatura é ambigua. O mundo real do escritor e os seus mundos imaxinados manteñen estrañas relacións. Por veces, a conexión entre eles resulta directa, evidente. Outras, semellan compartimentos estancos. A exploralos con vocación didáctica e proselitista dedica o crítico Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) a súa última monografía, Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo. Guía Literaria.
Un dobre propósito alimentou o proxecto. “Dunha banda, responde ao que é propiamente unha guía, procurar cubrir as expectativas para a xente que chega a Mondoñedo”, explica Requeixo, “e que mellor embaixadora que a voz do poeta”. Ao mesmo tempo, os “cunqueiriófilos tamén poderán ler o libro con sabor. Quería que o acrisolado espazo creativo de Cunqueiro, a súa xeopoética, quedase recollido”.
A obra preséntase como un itinerario pola histórica vila e a súa contorna. Trinta e cinco puntos xeográficos cosen as historias e os días do autor de Merlín e familia. “Cunqueiro deixou dito algunha vez que, independentemente do lugar de que estivese a falar, sempre estaba falando das rúas e os tipos de Mondoñedo”, sinala Requeixo.
A zona da obra cunqueiriá máis celebrada a día de hoxe ten a ver coa fantasía e un singular realismo máxico avant la lettre. Mais o Mondoñedo material está tamén aí. “É case unha redundancia. Todo o seu universo creativo atópase en Mondoñedo”, engade.
Entre o Campo da Feira ou a Nosa Señora dos Remedios e a Cova do Rei Cintolo ou a Taberna de Póngalas, a guía de Requeixo procura cumprir coa cita de Cunqueiro que a encabeza: “Eu non me cansaría de recomendar, se fixese unha Guía de Mondoñedo para poetas, que o visitante se mesturase co silencio enorme da cidade e do val e da pausa do noso cotián vivir”. Por Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo, dotado dun frondoso e completo aparato gráfico, desfilan ademais os outros “príncipes” das letras mindonienses, “sempre á luz da súa relación con el”: Leiras Pulpeiro, Marina Mayoral, Antonio Noriega Varela ou Xosé Díaz Jácome.
A esa prescrición remite Armando Requeixo para expoñer as razóns do seu traballo. “Eu entendo que Cunqueiro soñou escribir algo así, e prefigurouno dun xeito disperso en artigos e relatos”, di, “porque na súa obra xa hai unha guía de Mondoñedo. Pero non estaba callada”. A que callase contribuíu o concello da vila -coeditora, coa Xunta, do volume-, que agora prepara audioguías para poñer a disposición de visitantes e interesados.”

Coleópteros, de Lorena Souto, acada o primeiro premio no VI Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

Desde Crónica3:
“O Concello de Mondoñedo fai público os gañadores do VI Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, concurso que vén de ser fallado. A obra Coleópteros, da autora Lorena Souto, natural de O Páramo, resultou gañadora deste certame. A galardoada obterá un premio de 1.500 euros, placa e diploma.
O segundo premio, dotado con 600 euros, placa e diploma, recaeu na obra Álbum da que é autor Emilio Salgado Freire de Betanzos. Pola súa banda, Xosé Ramón Sánchez Varela, de Carballo, acadou o terceiro premio, dotado con 300 euros, placa e diploma, coa obra Queiroas.
A entrega do premio terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Mondoñedo, que se celebrará o sábado 25 de novembro, segundo o seguinte programa:
-12.00 horas; Recepción oficial na Casa do Concello.
-12:15 horas; Ofrenda floral ante a tumba do poeta.
-12:45 horas; Entrega de Premios no Salón de Plenos do Concello.
O Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro chega a súa sexta edición tras nacer coa finalidade de honrar a memoria do escritor mindoniense e, asemade, colaborar na promoción da escrita poética en lingua galega e na divulgación das súas autoras e autores.
A sexta edición deste premio, convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, estivo marcada polo gran número de participación de obras, con preto de 100 orixinais recibidos.”