Convocado o XIX Certame Manuel Lueiro Rey de novela curta

“O Concello do Grove convoca esta XIX edición do certame coa finalidade de honrar a memoria do escritor Manuel Lueiro Rey e, asemade, coadxuvar na promoción da escrita literaria en lingua galega e na divulgación das súas autoras e autores, a través dun convenio coa editorial Sotelo Blanco.
Este premio de novela curta, dotado con 3.000 euros, vaise rexer polas seguintes

BASES

Primeira. Poderá concorrer ao premio calquera persoa física que presente o seu texto en lingua galega, conforme as normas ortográficas vixentes. Os textos presentados, amais de seren inéditos e totalmente orixinais, non poderán ter sido publicados, ou divulgados, en todo ou en parte, por calquera medio físico ou electrónico. Os textos presentados han ter unha extensión mínima de cincuenta (50) páxinas e unha extensión máxima de cen (100) páxinas, tamaño folio DIN A4, de dous mil cincocentos caracteres cada páxina, aproximadamente, espazamento entre liñas de 1,5 (espazo e medio) e as follas deberán de estar paxinadas.
Segunda. De cada un dos textos concorrentes, presentaranse cinco copias en papel e unha en soporte dixital, nun documento de procesador de textos, antes do día 15 de agosto do presente ano, remitíndoas ao enderezo seguinte:
XIX Premio Manuel Lueiro Rey
Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey
Rúa Monte da Vila, 11
36980 O Grove
Pontevedra
Terceira. Xunto co texto en papel e en soporte dixital, que será enviado sen que sexa recoñecible a autoría da escritora ou escritor e que irá precedido polo título e o lema escollido, xuntarase un sobre pechado que leve escrito por fóra XIX Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta, o lema e mais o título e que no seu interior conteña o nome, apelidos e NIF, enderezos postal e electrónico, e os teléfonos de contacto da súa autora ou autor.
Cuarta. O xurado, cuxos membros serán dados a coñecer antes da concesión do premio, estará composto por cinco especialistas en literatura. Un deles será a gañadora ou gañador (que poderá ser substituído pola/o finalista) da edición anterior do premio, dous serán nomeados polo Concello do Grove e os dous restantes participarán en representación de Sotelo Blanco Edicións. O premio único outorgarase por maioría simple de votos. Actuará como secretario/a do xurado, con voz e sen voto, un técnico do concello. Tamén poderá estar presente durante a deliberación o concelleiro delegado.
Quinta. Calquera incidencia ocasionada na interpretación destas bases será solucionada pola maioría simple dos membros do xurado. A decisión do xurado, que será inapelable, darase a coñecer entre os meses de outubro e novembro do ano 2012.
Sexta. O premio, que é indivisible, poderase declarar deserto, caso de o xurado así o estimar en decisión inapelable. Para tal circunstancia, de cinco votos posibles, terá que darse o caso de que unha obra non sume un mínimo de tres dos votos do xurado.
Sétima. A entrega do premio terá lugar nun acto público nunha data que se anunciará coa suficiente antelación.
Oitava. A editorial Sotelo Blanco, segundo un convenio asinado co Concello do Grove e en calidade de entidade colaboradora, resérvase o dereito de publicación, sen limitación do número de exemplares da primeira edición nin das reimpresións, da obra gañadora, reservándose tamén os dereitos preferentes de edición desta en lingua galega coa posibilidade de cederlle tales dereitos a terceiros.
A contía do premio considerarase unha entrega á alzada en concepto de adianto polos dereitos de autor. A beneficiaria ou beneficiario do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte e cinco (25) exemplares da obra publicada, que lle serán entregados pola editorial que publica a obra. Todo isto sen menoscabo do regulado pola Lei da propiedade intelectual vixente, que prevalecerá sobre o convenio mencionado.
Novena. Os orixinais non premiados poderanse recuperar, con cargo ás autoras e autores concorrentes, pasados quince días da data do veredicto. Os orixinais que non fosen retirados destruiranse pasados trinta días da emisión da decisión do xurado.
Base final. A participación neste premio significa a completa aceptación das presentes bases e mais das decisións do xurado que se designe.”

O Grove: entrega do Premio Manuel Lueiro Rey a Mario Regueira

O sábado 28 de xaneiro o Concello do Grove entrega o premio da XVIII edición do concurso Manuel Lueiro Rey de novela curta, que este ano será para Mario Regueira pola súa obra Outono aquí. O premio entregarase nun acto literario que comezará ás 10:30 horas no salón de plenos da Casa do Concello. Iniciarase coa lectura de pasaxes do libro Manso, de Manuel Lueiro Rey, a cargo dos alumnos da ESO dos IES As Bizocas e Monte da Vila, e de todas aquelas persoas que decidan achegarse ata o lugar para participaren no evento. A entrega do premio terá lugar ás 12:00 horas.

Mario Regueira gaña o Premio de Novela Curta Lueiro Rey, con Outono aquí

O sábado 10 de setembro, e convocado polo Concello do Grove e a Editorial Sotelo Blanco, deuse a coñecer a obra gañadora do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta 2011. O xurado, composto por Armando Requeixo, Manuel Quintáns, Francisco Martínez Bouzas, Ánxela Gracián e mais Chelo Suárez, esta última en calidade de gañadora da anterior convocatoria do galardón, decidiu, por unanimidade, outorgar o premio á novela presentada baixo o título Outono aquí, que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría do narrador, poeta e ensaísta ferrolán Mario Regueira. Nesta obra (que estará nas librerías previsiblemente contra finais de ano) Regueira narra a historia dun reencontro entre dous irmáns orfos. Un deles —o maior, famoso cantante que vive na cidade belga de Gante— sofre unha enfermidade grave e, logo dunha delicada operación, vese obrigado a gardar unha moi longa convalecencia encamado, así que opta por retomar o contacto co seu irmán menor —operario que mora nunha cidade galega—, co que hai anos que non ten maior relación, e decide chamalo cabo si. O que segue despois é unha intensa trama onde o papel da rememoración dos tempos da infancia e mocidade pasadas se entremestura coas complexas vivencias do presente, nas que o amor, a fidelidade e a xenerosidade alternan co odio, o rancor e a incomprensión creando un fresco de paixóns sostido por uns personaxes magnificamente perfilados e de grande fondura psicolóxica.

O Grove: presentación de Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), de Dionísio Pereira

O venres 1 de abril, ás 20:00 h., na Casa da Cultura Lueiro Rey (Monte da Vila) do Grove, preséntase o libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), de Dionísio Pereira, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Concellería de Cultura do Concello do Grove e a editorial, participan Francisco Iglesias, Antón Mascato, Manuel Bragado e o propio autor.