Desde Sermos Galiza:
“Nai, un poema de Miguel Cavadas Docampo, que achega “unha ollada descarada e subversiva cara tanto a maternidade como a identidade de xénero”, alcanzou o primeiro premio do V Concurso literario Mazarelos organizado pola Facultade de Filoloxía da universidade compostelá.
As gañadoras do segundo e terceiro premio foron María Caíña Hurtado e Paula Marina García Pardavila. María Caíña foi distinguida cun segundo premio por Dous gatos a discutir a autenticidade do rato, composición da que o xurado destacou a súa “orixinalidade, sobre todo formal, así como a súa vontade de crítica social a través do xogo metapoético”.
Formas de determinación é o título do poema de García Pardavila, do que o xurado salienta “a súa ollada potente cara ao mundo, que logra poemas e imaxes suxestivas, evocadoras, alén de fiar un discurso co combina o cotián co filosófico”.
O xurado do V Premio Mazarelos da USC foi composto polas escritoras Inma López Silva e Estíbaliz Espinosa Río, as profesoras María Teresa Amado Rodríguez e Ramón Mariño Paz mais a gañadora da pasada edición, Arancha Rodríguez Fernández. Os premios do certame están dotados con 700, 400 e 200 euros e un diploma honorífico e na presente edición concorreron un total de trinta e seis obras.
A USC, a través do Servizo de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía, promove este premio coa intención de “fomentar a creatividade da mocidade universitaria e de desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como a contribuír a descubrir potenciais figuras da literatura na nosa lingua”. O Concurso literario Mazarelos conta co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza.”
Arquivos da etiqueta: Concurso Literario Mazarelos da Universidade de Santiago de Compostela
Arancha Nogueira, Lois Alcayde e Benjamín Vidal reciben os premios literarios da USC
Desde Sermos Galiza (foto: Galipedia):
“Mapa mudo, unha composición de Arancha Nogueira que “poetiza a memoria da súa intimidade cunha linguaxe depurada”, obtivo o primeiro premio do Concurso Literario Mazarelos organizado pola Facultade de Filoloxía da universidade compostelá. O 12 de decembro recibiu o galardón.
No acto tamén estiveron os gañadores do segundo e terceiro premio, Lois Alcayde e Benjamín Vidal. Alcayde foi distinguido por Xente da crise, do que o xurado salientou “a frescura do seu estilo e o seu esforzo en construír unha linguaxe propia nunha obra que se revela testemuña do seu tempo”.
Do van é o título do poema de Vidal, “en que destaca o contraste entre unha linguaxe aparentemente sinxela e unha maior carga conceptual”.
Os escritores Suso de Toro e Yolanda Castaño, as profesoras Laura Logo e Francisco Dubert e mais a gañadora do pasado ano, Laura Camino, conformaron o xurado. De Toro e Castaño realizarán ademais, en febreiro de 2019, “unha xuntanza de mentorización literaria” aberta aos galardonados e galardonadas nas catro edicións do concurso, que promove a Comisión de Normalización de Filoloxía da USC “para fomentar a creatividade da mocidade universitaria e o desenvolvemento da súa capacidade de expresión, así como contribuír a descubrir potenciais figuras neste eido da cultura”.”