Parlamento das Letras: Antonio García Teijeiro

Entrevista de Armando Requeixo a Antonio García Teijeiro no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Antonio García Teijeiro (AGT): Eu creo que lle faltan lectores/as. Custa moito que a xente lea en galego. Hai moito traballo por diante e torpedéase con demasiada frecuencia todo proxecto en galego con mentiras pensadas para deformar a realidade. Hai unha chea de discursos que dan noxo. Non sei como se pode ser tan ruín. Precisamos, coido, de máis escritores/as con “voz propia” que dean fondura á escrita. E que conste que xa hai, pero non sobran. Tamén me gustaría que se lese máis esa literatura que marca e que modifica conceptos. Que se fuxa dos clixés moi utilizados. Que se valore a LIX para facer lectores/as sólidos pensando no seu presente e no seu futuro. Todo isto non impide que crea que a nosa literatura está a atravesar unha época magnífica, pois hai variedade de temas, editoriais que arriscan, xéneros que se teñen en conta (ai, de todos os xeitos, o teatro e a poesía…!). Existe xente nova con ganas de innovar e outros que pretenden (e conseguen) fuxir do panfleto. Destaco as traducións que se están a facer doutras linguas (ademais de Galaxia e Xerais, saliento o labor de Rinoceronte), que, sen dúbida, enriquecen o noso panorama literario. Boto en falta xornais e revistas en galego que prestarían maior atención ás nosas letras e lamento e aplaudo ese esforzo que hai que facer para que subsistan os suplementos literarios en galego. O Faro da Cultura do Faro de Vigo é un exemplo de proxecto literario noso, serio e rigoroso. Onde noto un grande avance de algo que se precisaba urxentemente é no eido da crítica. Hoxe hai críticos moi preparados que permiten que teñamos referencias do que vai saíndo do prelo e fan visible unha boa parte do que se publica no noso país. Para rematar dúas cousas: a primeira, desexo unha maior atención á LIX (xa se vai conseguindo), ademais de darlle o prestixio que ten; a segunda, salientar o conxunto de blogues que existen nos que podes entrar e deixarte guiar polo que neles se di. (…)
– AR: Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– AGT: Algo (ou bastante) xa o dixen noutra pregunta. Eu destacaría a normalidade literaria que comeza a haber. Saen constantemente autores e autoras con propostas interesantes. E conviven coas obras dos máis veteranos. O esforzo das editoriais é ben grande. Fan apostas nada doadas. E saen adiante. Gustaríame que a xente visitase as librarías. Que follease os nosos libros, agás excepcións, algo agochados entre o número de volumes publicados, bastantes deles sen interese ningún. Hai libreiros moi comprometidos co galego e a nosa literatura e debemos axudalos a subsistir para que non perdan o ánimo. Merquemos máis libros en galego, borremos os prexuízos e complexos e fagamos da nosa literatura algo que a permita seguir medrando en todos os sentidos. (…)”.

Parlamento das Letras: Concha Blanco

Entrevista de Armando Requeixo a Concha Blanco no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Concha Blanco (CB): Fáltanlle lectoras e lectores. Tamén precisa de máis visibilidade dentro e fóra das nosas fronteiras. Considero que son poucos os autores e autoras traducidos. Si, si, digo autores máis ca obras. E axudas, as editoriais quéixanse das escasas subvencións. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– CB: Moi ben no tocante á calidade de obras publicadas, ao número salientable de obras no mercado e á potente xeración nova que está aí pisando forte e avanzando. (…)”

Tabela dos Libros de novembro, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a Tabela dos Libros do mes de novembro. Nela figura seleccionados os títulos que, ao ver d@s crític@s participantes, son estimados como os máis recomendables de entre os publicados nas últimas semanas.”

Parlamento das Letras: Paco Martín

Entrevista de Armando Requeixo a Paco Martín no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Paco Martín (PM): Faltan os mecanismos precisos para lograr lectores ben formados: medios abondo para que a crítica chegue a todos, prestixiando o seu oficio, o do escritor e mais o do editor… Sobrar, se cadra esa especie de afán intervencionista ao que tan afeccionados somos por aquí. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– PM: Boa. Ao nivel de calquera e mesmo diría que, por veces, por riba do que en teoría debera ser. (…)”.

Parlamento das Letras: Rosa Enríquez

Entrevista de Armando Requeixo a Rosa Enríquez no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Rosa Enríquez (RE): Faría falla, creo, traducir moitas máis obras galegas a outras linguas. Así é que, consecuentemente, falta visibilidade e, nalgúns casos, sobran egos. (…)
– AR: Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– RE: Estou ben orgullosa da nosa literatura, principalmente da poesía. Paréceme de gran calidade, por esa razón, fáiseme triste non dála máis a coñecer fóra da terra.”

Parlamento das Letras: Paula Carballeira

Entrevista de Armando Requeixo a Paula Carballeira no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Paula Carballeira (PC): Eu creo que as nosas letras aínda son novas e que lles falta tempo para asentarse entre as letras doutros países con igual consideración. Fáltalles coñecemento e recoñecemento entre @s lector@s. Creo que lles sobran as miradas nostálxicas ao pasado e que debería haber máis miradas ao presente e ao futuro. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– PC: Penso que o noso presente literario é moi valioso. Temos diversidade, temos calidade e temos autores novos e autoras novas que achegan a súa maneira de ver as cousas, o que é moi necesario para ter unha literatura viva. Coido que imos ter que traballar cada vez máis para que toda esa calidade e diversidade chegue aos lectores e ás lectoras, da mesma maneira na que creo que temos que ir eliminando a barreira autor/a – lector/a e fomentar encontros e debates onde intercambiar ideas e unirnos na construción dunha cultura forte. (…)”.

Parlamento das Letras: Arturo Casas

Entrevista de Armando Requeixo a Arturo Casas no seu blogue, Criticalia:
“- Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Arturo Casas (AC): Sóbralle preguiza intelectual e certa tendencia ecoica. Falta sentido crítico e autocrítico. Como en todas partes. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– AC: O presente literario, cultural e artístico galego é prodixioso. Son dos que subscriben o xuízo de que, en termos sociolóxico-culturais, resulta difícil explicar que a situación persista así dadas as condicións sociopolíticas e económicas que o país experimenta e o rumbo xeral do consumo cultural no mundo. Existe un desaxuste obvio entre a Galiza actual e a Galiza posíbel, a que resiste na vontade dunha minoría culta, informada e politicamente consciente de algo tan sinxelo como que o futuro hai que pelexalo. No primordial, porque existen contraforzas que asumen un programa político dirixido a anular o que tanto esforzo levou erguer, desde unha industria cultural autónoma ao propio progreso na normalización lingüística; pero tamén porque a resposta a todo isto é insuficientemente intelixente e eficaz. (…)”

Tabela dos Libros de outubro, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a primeira Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os títulos que, ao ver d@s crític@s participantes, son estimados como os máis recomendables de entre os publicados nas últimas semanas.
Nota bene: Os máis recomendados obtivéronse a partir da suma dos votos de cada crític@ aplicando o seguinte baremo: 1º posto = 5 puntos, 2º posto = 4 puntos, 3º posto = 3 puntos e así sucesivamente.”

Parlamento das letras: Estíbaliz Espinosa

Entrevista de Armando Requeixo a Estíbaliz Espinosa no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Estíbaliz Espinosa (EE): Ás nosas letras fáltanlle —será por pouco tempo— traducións dos clásicos da ciencia —as Lecturas en Física de Feynman, obras de Sagan ou Koestler ou Pinker ou Dawkins…—, de ensaio, de cómic —Little Nemo, por exemplo—, de ciencia-ficción; esluír a identificación literatura = poesía/novela/conto; fáltalle confianza en si mesma por parte de todos os axentes sociais, dende lectores a autores. Fáltanlle mulleres metidas na fariña. E fáltalle o salto á literatura dixital que complemente —non tanto substitúa— a literatura en papel. O que lle sobra é capacidade de re-creación. Seica neste norte do sur do hemisferio norte lévase, en xeral, ese talento despreocupado e distraído que tanto alporiza a outros: sabemos que talento aquí hai, mais non lle concedemos moita importancia nin atragoamos de solemnidade. É a nosa forma de ser. Non somos ianquis. Uns gramiños de endogamia tamén lle sobran, pero iso está a cambiar ou tal espero. Caciques literarios e amiguismos, claro, pero iso sóbralle a todas as literaturas. Tamén en todas acho de máis a figura do ‘escritor burócrata’: alguén con ganas de fosilizarse nun lugar cómodo diso que se dá en chamar —non sen certa afectación— cultura, e non pretender outra cousa que o clasismo reseso e o exercicio da influencia e do poder. Un escritor naceu para se dar de fociños coa vida e non quedar só na súa cara subvencionada, de aí a necesidade de cambios periódicos naquilo que leve a etiqueta de ‘sistema’, de aceptarmos que toda estrutura social esclerosada no tempo tende á mafia. Sen menoscabo disto, percibo aínda tendencia xeral a desvalorizar o acto de escribir, como se non fose máis aló dunha ‘emanación astral’ que non entraña esforzo nin repercusión ningunha, e ás veces semella que habemos reverenciar a oportunidade de botar a nosa leria por aí, a 80 quilómetros da casa e de balde. De se converter nunha actividade frecuente, cómpre regulalo como o traballo que é: non todos somos a condesa de Pardo Bazán nin vivimos de pagar con hexámetros á peixeira. Debo engadir, no entanto, que se mudou bastante nese sentido e é moi de agradecer por exemplo o empeño da AELG nos últimos anos. Así a todo, segue a resultar complicado manter o equilibrio ético entre o/a escritor/a morto/a de fame e o/a subvencionado/a a inzar calquera libro de autocompracencias coa conivencia dun mercado editorial superpoboado. Acadar unha infraestrutura de lectores non só composta dos propios escritores destaca como materia pendente na que internet, a antártida na que polo de agora ‘somos o que escribimos e o que lemos’, está a fornecer novos depredadores e reconstrutores do literario.
Se cadra estou a falar dun xeito moi provinciano con todo isto, mais unha parte da literatura que me interesa nace do provincianismo e da sensación de periferia… A literatura galega, a priori, é como calquera outra (chinesa, rusa, venezolana, nixeriana ou suíza). Coido que asumir esa normalidade —mesmo que naturalmente se trate de algo aínda por acadar— constitúe un punto de partida para evitar redundar no mesmo ante os de sempre, os xa persuadidos e diría que aburridos da transcendencia e singular-idade da lingua, os que medramos cunha conciencia deste anaco de planeta desenraizado da oficialidade da historia… O contrario é procurar o aplauso fácil… unha droga de certo abuso nas letras. A nosa época vai moi escéptica coa literatura, a arte… haberán desculpar se me len dende o futuro. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– EE: Non me vexo na postura óptima para valoralo. Todo presente é unha sensación estática de algo mutante. Agora esa mutación semella obvia: asistimos a un transformismo total nas nosas armas de lectura e escritura, avalado pola dixitalización imparable, pero moitos dos rostros dese cambio resultan aínda impredicibles. Literariamente, achámonos á altura de calquera cultura veciña, con autores brillantes e non tanto, lectores formados, variedade e versatilidade… quizais sexa o mercado editorial ‘decimonónico’ baseado no pater familias o axente máis obsoleto. O noso sistema literario aínda é novo. Óese crecer. Así que se me deteño na expresión ‘presente literario’ imaxino un deses obxectos atravesados por unha bala e gravados con cámara de alta velocidade: a detonación é lenta, é fluída, case non é pero é. Intentamos penetrar no pasado ou no futuro literarios, enguedellámolos por completo e supoño que a filloa resultante é o que coñecemos como presente. Pasado e Futuro. Paturo e Fusado. Pasaturo e Futurado. Como dous amigos xaponeses. Indistinguibles. (…)”

Parlamento das letras: Xosé Vázquez Pintor

Entrevista de Armando Requeixo a Xosé Vázquez Pintor no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xosé Vázquez Pintor (XVP): Fáltalle aínda un censo grande e ceibe: lectoras e lectores, esa marabilla de respecto e de agarimo. Sóbralle a indiferenza dun poboado na nugalla, que sempre se marxina e encubila: “eu non entendo, non sei ler nin quero; amais non teño tempo…”. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XVP: En grande parte xa fica dito. Engadir de urxencia a nosa preocupación comunitaria, case heroica, pola Lingua: a mellor ferramenta patrimonial; a marabilla. (…)”.