Montserrat González: “A poesía galega actual está comprometida sempre co momento social no que vive”

Entrevista a Montserrat González en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Cando inicia a súa andaina a asociación Caldaloba?
– Montserrat González (MG): Como asociación sen ánimo de lucro nacemos en novembro de 2019. A nosa misión principal é a preservación da historia e a memoria da torre de Caldaloba, aínda que o ámbito de actuación esténdese a toda a comarca. A nosa idea é realizar actividades multidisciplinares en espazos variados co afán de conservar e promover o noso patrimonio artístico cultural sexa a nivel musical, literario, arqueolóxico ou de pintura.
– ND: Que é o Manifesto 25N?
– MG: É o noso primeiro proxecto. Pensámolo en novembro de 2020 mais non chegamos a tempo de telo para o 8 de marzo. Procura remover consciencias ao redor da situación de desigualdade a nivel laboral e a nivel económico xunto coa lacra do maltrato.
Queremos que as institucións tomen consciencia de realidades que moitas veces rematan en traxedia, que se decaten de que o que estiveron facendo até agora ou non serve. Hai unha educación machista con moito pouso de antes, mesmo vemos como hai denuncias que se retiran, hai medo. Que cada suceso non quede nunha nota de prensa. Penetraría na sociedade mais como son tan repetitivos non queremos que o vexa como algo normal cando non o é.
Ademais da violencia contra a muller hai violencia infantil nas familias por sufrir directamente o maltrato. Esta situación en realidade é unha pandemia. Casos como o de Rocío Carrasco chega a moitos fogares e serve para que outras mulleres anónimas se decaten e teñan forza para erguer a voz para denunciar. O libro nace xusto cando hai ese debate intenso a nivel social. (…)
– ND: O libro coincide coa idea de que a literatura e a arte seguen comprometidas coa realidade?
– MG: Desde logo. Comprobeino en moitas ocasións. Traballando nun programa de radio sobre poesía en Lugo vin como as e os escritores, a poesía galega actual, está comprometida sempre co momento social no que vive. Temos que rexeitar a idea de que son intimistas por natureza e só tratan os temas universais da poesía como o amor, o desamor, a soidade, a morte ou a familia. Lembro que cando foi a vaga de incendios forestais moitas e moitos poetas trataron o tema nas súas obras. Tamén entran en política con todos os recursos para non mencionar a quen non se quere mencionar. Falan das desigualdades, a pobreza, a pandemia…
Outro caso semellante foi un certame de narrativa que tivo lugar en Lugo e a maior parte dos traballos presentados trataban sobre a pandemia da Covid-19. Para min o poeta é un xornalista que narra en verso. Emprega os seus recursos estilísticos mais non está allea nin alleo aos problemas sociais. Tamén é certo que se nutre deles para chegar á xente. Os poemas de amor e desamor nunca caducarán, son temas universais mais os temas sociais están sempre presentes.”

Convocatoria do Manifesto polo 25 N. 25 Voces pola Eliminación da Violencia contra a Muller



Con motivo da conmemoración anual do 25 de Novembro coma Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller, a Asociación Cultural CALDALOBA e o portal web Culturalia GZ deciden convocar o MANIFESTO POLO 25 N. 25 Voces pola Eliminación da Violencia contra a Muller, unha antoloxía que amosará desde a vertente poética (textual, imaxinativa, gráfica) a visión particular de 25 artistas da palabra e/ou da imaxe arredor do 25 N.
Cada persoa só poderá achegar UNHA única obra ao seguinte enderezo electrónico info@culturaliagz.com.
A data límite para a recepción de obras será o 8 de novembro. A continuación realizarase unha selección de 25 obras de todas as achegadas, e que, segundo o criterio da organización, mellor reflictan o sentido da convocatoria.

Fallo do Certame de Microrrelatos Día do Libro 2020

“O xurado vén de emitir o fallo do Certame de Microrrelatos Día do Libro 2020, organizado polo Concello de Vilalba en colaboración con Culturalia GZ.

Categoría Infantil:
– Paula Pérez Cendán, O día do revés (Vilalba)
– Aroa Fernández Jiménez, Un incríbel refuxio (Baiona)
– África Montenegro Feal, Os ollos de Marta (Vilalba)

Categoría Xuvenil:
– Mariña Maceiras Segovia, Xardinaxe (Pontevedra).
– Nee Barros Fernández, O exército da perfección (Marín).
– Carlota Millor Prado, Libros (Vilalba).

Categoría Adultxs:
– Pedro Naveira Pedreira, Remate (A Coruña).
– Patricia Torrado Queiruga, Confin(arte) (Porto do Son).
– Cristina Arias López, Fuga Perfecta (As Pontes).

Xurado
Mercedes Queixas Zas, profesora, escritora e secretaria xeral da AELG.
Ánxela Gracián, tradutora e escritora.
Armando Requeixo, escritor, profesor e crítico literario.

O xurado quixo destacar a estimable calidade das obras presentadas, así coma do alto nivel de participación xeral no certame, con case un cento de orixinais.
En canto aos traballos premiados e finalistas, salientar, na categoría de adultos, a refinada técnica, a capacidade estilística sumadas á habelencia para crear mundos literarios concentrados en textos hiperbreves; e nas outras categorías (infantil e xuvenil) destacar a capacidade imaxinativa e a florecente sensibilidade amosada nas paisaxes literarias descritas.
Parabéns a todas as persoas premiadas, e moitas grazas por participar a todas e todos!!!”

Fallo do II Certame de Poesía Torre de Caldaloba

Desde Culturalia GZ:
“O escritor Xurxo Alonso, de Vilagarcía de Arousa, co poemario Hora de penumbra na categoría de maiores de 18 anos, e a pontevedresa Mariña Maceiras Segovia, coa obra Unha fraga de laios, na de menores de 18, son os gañadores do II Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa de San Martiño de Pino coa colaboración de Culturalia GZ.
O xurado do concurso, integrado por Martiño Maseda, Ana Mar Fraga, Montserrat González, Xosé Otero Canto e Armando Requeixo, quixo destacar a “solidez da arquitectura versal, as poderosas imaxes e símbolos que deitan os poemas e a forza simbólica empregada no discurso” da composición de Alonso para facelo merecedor dos 1.500 euros do premio.
Pola súa banda, foi a “delicada inxeleza” dos versos de Maceiras, así coma “o realismo e a emotividade” destes, xunto coa súa “chamada ao espertar das conciencias” o que o fixo decantarse pola obra desta moza de 14 anos que recibirá libros e unha tablet.
O segundo premio na categoría de adultos recaeu en De casa queimada, de Iria Collazo (Moaña), quen puxo a súa “voz poética ao servizo da intensión dos sentimentos”, mentres que o “acerto do seu marcado ton intimista” nos versos de E sigo pensando en ti lle reportou á monfortina Sandra Rodríguez o segundo premio entre os menores de 18 anos, dotado con libros e un ebook.
O alcalde de Cospeito, Armando Castosa, agradeceu unha vez máis a boa resposta a esta convocatoria, á que concorreron máis de 30 orixinais, e adiantou que os premios se entregarán o 14 de decembro no local social de Pino.
Previamente, o 5, terá lugar en Cospeito a presentación dos libros gañadores na categoría de adultos da primeira edición do certame, que edita Alvarellos: Caldaloba en terras de Valverde, de Xesús Rábade Paredes, que se fixo co primeiro premio, e Na pel das árbores do vento, de Paulino Peña.”