A Coruña: o Teatro Rosalía Castro acolle este mes de xaneiro a estrea absoluta do espectáculo Non é unha canción, da compañía Souvenir

“O Teatro Rosalía Castro da Coruña reflexiona sobre o turismo de masas e a intelixencia artificial a golpe dun singular humor ácedo e absurdo coa estrea absoluta do espectáculo Non é unha canción, da compañía Souvenir. A peza poderá verse na sala herculina o venres 26 de xaneiro, ás 20.30 h, coas entradas xa á venda a través da plataforma online Ataquilla (venta de entradas aquí) e no despacho de billetes da Praza de Ourense.
O texto de Non é unha canción foi premiado no V Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). O galardón supón a estrea do espectáculo no Teatro Rosalía Castro este mes de xaneiro. A posta en escena da peza conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia e coa colaboración de ACT Galicia.
Souvenir é unha compañía galega de teatro contemporáneo e artes do movemento dirixida por David Alonso e María de las Llanderas. A formación traballa para crear un espazo de encontro e de experimentación lúdica. Interésalle aquilo que está fóra do entendemento racional e da lóxica psicolóxica. A intuición, o azar, as artes do movemento e a súa combinación coa palabra son algúns dos eixos que vertebran o seu traballo. Souvenir procura unha forma de estar no mundo improdutiva, inútil e festiva. Aos seus creadores e performers encántalles recoller estímulos accidentais da rúa, aos que chaman “souvenires”, e que son a materia prima das súas pezas.”

A Coruña: VII Xornada da Sección de Literatura Dramática. Os retos das artes escénicas en tempos difíciles, o 26 de novembro

Chega a VII Xornada da Sección de Literatura Dramática. Os retos das artes escénicas en tempos difíciles, organizada pola Sección de Literatura Dramática da AELG, co apoio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a complicidade do Centro Cultural Português Camões de Vigo.

As Xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG naceron con vocación de poñer en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu.
Desde sempre, as artes vivas, especialmente o teatro e tamén a danza, utilizan o movemento, a emoción e, en moitos casos, a acción verbal, a palabra, para contestar, reivindicar, apuntar ou interrogar á comunidade que congregan sobre aspectos fundamentais da actualidade.
Para a VII Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG queremos tomarlle o pulso á creación escénica contemporánea e aos retos fronte a esta época, marcada pola pos-pandemia e a crise derivada, á que se suma a guerra en Ucraína.
A maneira de abordar isto vai ser a través do V FESTIVAL PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR, GALIZA + PORTUGAL 2022, que procura presentar, analizar e debater propostas escénicas que se están a ensaiar e a crear neste momento. Trátase, por tanto, dun festival único en Galiza para impulsar e analizar pezas que están en proceso de creación e que buscan abrir e compartir ese proceso con outras persoas, cun público, e con especialistas en artes escénicas.
Ademais imos ofrecer unha masterclass sobre os retos das artes escénicas nestes tempos tan complexos e difíciles. Para iso imos convidar ao director artístico do Centro Cultural Vilaflor de Guimarães, Portugal, Rui Torrinha, responsable da dirección e programación de varios espazos fundamentais e de renome internacional.

V FESTIVAL PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR, GALIZA + PORTUGAL 2022
Este é o centro da VII Xornada, que intenta servir como viveiro e estímulo para as creadoras e creadores que, nestes momentos, están a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os palcos. Cómpre facilitar, visibilizar, abrir espazos de encontro para compartir eses procesos de creación e para encontrar unha complicidade e un diálogo que poida potenciar esas pezas en construción. Ademais, queremos  procurar o diálogo coas inquedanzas que, neste ámbito, podemos compartir coas dramaturgas e dramaturgos de Portugal, reforzando os lazos de irmandade que se remontan á orixe común da nosa lingua.
Nesta quinta edición do festival propoñémonos acoller 7 proxectos (galegos e portugueses), que serán amosados e compartidos en público.
Desa selección, logo das presentacións no V Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal, a comisión organizadora da AELG, xunto a Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e Célia Guido Mendes, directora do Centro Cultural Português Camões de Vigo, premiarán un proxecto coa posibilidade da súa estrea nalgún dos espazos teatrais da Coruña. Non obstante, este premio podería quedar deserto, se o xurado así o considera.

Terá lugar o 26 de novembro de 2022 no Centro Ágora da Coruña (Lugar da Gramela, 17).

PROGRAMA

SÁBADO 26 DE NOVEMBRO
No Centro Ágora da Coruña (Salas 8 e 9).
O acceso é libre e gratuíto para todas as persoas que queiran estar presentes, até completar a capacidade das Salas.

10:30 h. Sala 9. Apertura da V Xornada. A cargo de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e representantes das institucións colaboradoras.

V Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática (mañá).
– 11:00 h. Sala 8. Primeira proposta escénica. Miña pequena, de Constance Hurlé.
– 11:35 h. Sala 9. Segunda proposta escénica. Menú-do-dia, de ChamizoBelloVila.
– 12:10 h. Sala 8. Terceira proposta escénica. Domitila, de Amparo Martínez Paz.

– 12:45 h. Sala 9. Aula maxistral a cargo de Rui Torrinha. Director artístico do Centro Cultural Vilaflor de Guimarães (Portugal).

V Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática (tarde).
– 16:30 h. Sala 8. Cuarta proposta escénica. Anarquiteturas do saber, de Pablo Alvez Artinprocess.
– 17:05 h. Sala 9. Quinta proposta escénica. Primavera, de Ana Abad de Larriva.
– 17:40 h. Sala 8. Sexta proposta escénica. Lista das Coisas Infinitas que Nunca Farei, de Rita Pinheiro.
– 18:15 h. Sala 9. Sétima proposta escénica. O que é o raio, nin maldita idea, de Souvenir (David Alonso e María de las Llanderas).

– 18:50 h. Deliberación, por parte do Comité de Selección do Festival, presidido por Xosé Paulo Rodríguez, Director do Teatro Rosalía Castro da Coruña e Membro da Xunta Directiva de La Red do Estado español.
19:25 h. Sala 9. Comunicación da resolución do Premio do V Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal 2022.

V Festival Pezas dun Teatro do Porvir. Galiza + Portugal
O xurado do V Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática 2022, formado por Afonso Becerra de Becerreá, en representación da AELG; Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía Castro da Coruña e Membro da Xunta Directiva de La Red do Estado español; e Célia Maria Guido Mendes, responsábel do Camões-Centro Cultural Português em Vigo, decidiron que as pezas escollidas para esta nova edición do Festival sexan as seguintes (esta listaxe é a definitiva, tras confirmaren a súa dispoñibilidade para poderen participar no Festival o 26 de novembro, debido a que unha das propostas chegadas de Portugal, por problemas sobrevidos, non pode estar presente persoalmente ese día, polo que foi substituída pola quinta proposta galega máis valorada previamente polo xurado).

Propostas galegas:
1.     Menú-do-dia, de ChamizoBelloVila.
2.     Miña pequena, de Constance Hurlé.
3.     Domitila, de Amparo Martínez Paz.
4.     Primavera, de Ana Abad de Larriva.
5.     O que é o raio, nin maldita idea, de Souvenir (David Alonso e María de las Llanderas).

Propostas portuguesas:
1.     Anarquiteturas do saber, de Pablo Alvez Artinprocess.
2.     Lista das Coisas Infinitas que Nunca Farei, de Rita Pinheiro.

O xurado tamén quere manifestar a súa alta valoración de todas as propostas chegadas, tanto galegas como portuguesas.