Vigo: actividades destacadas do sábado 30 e domingo 1 na Feira do Libro

Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta até o domingo 8 de xullo. As actividades máis destacadas do sábado 30 de xuño e domingo 1 de xullo son:

* Sábado 30 de xuño:
19:00 h.: presentación de Dun tempo e dunha terra. Antoloxía poética de Celso Emilio Ferreiro, de Gonzalo Navaza, publicado en Tambre. No acto participa, xunto ao autor e o ilustrador David Pintor, Luís Ferreiro e Ignacio Chao.
20:00 h.: presentación de Xardín de inverno, de Ledicia Costas, publicado por Tambre. Xunto á autora participan Daniel Puente Bello e as Poetas da Hostia.
21:00 h.: presentación de Infancia de vacas mortas, de Xosé Daniel Costa Currás, publicado en Barbantesa. No acto, xunto ao autor, participa Ledicia Costas.

* Domingo 1 de xullo:
19:30 h.: sinatura de exemplares de Artur, de Xosé Manuel González, “Oli”, publicado en Kalandraka.
21:00 h.: Enogastrofonías ferreirianas, percorrido por Celso Emilio Ferreiro a través da poesía, a música e o viño. Preséntase o monográfico da revista Arraianos Celso Emilio Ferreiro fai 100 anos. Participan: Aser Álvarez, Alexandre Meire e Mario Poti.

A Coruña: presentación de Almanaque musical e exposición de David Pintor

O venres 23 de marzo, ás 19:00 horas, en Libros para Soñar (Avenida de Fisterra, 64) da Coruña, preséntase Almanaque musical, de Antonio Rubio, con ilustracións de David Pintor (quen estará presente no acto) e tradución de Xosé Ballesteros, publicado en Kalandraka. Na mesma libraría, até o 16 de abril, poderase visitar a exposición Un paseo ilustrado II, do propio David Pintor, onde presenta unha escolma de traballos incluídos en diversos libros infantís.

A Coruña: actividades do martes 2 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas dentro das previstas para o martes 2 de agosto na 40º edición da Feira do Libro da Coruña, aberta nos Xardíns de Méndez Núñez até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

19:00 h. O escritor Francisco Castro presentará o seu libro In vino veritas, publicado por Galaxia. Xunto co autor, participan no acto Víctor F. Freixanes e Mercedes Queixas.
20:00 h. Conversa con Agustín Fernández Paz, Óscar Sánchez e Iago Martínez arredor da novela Non hai noite tan longa, publicada en Xerais.
20:30 h. O ilustrador David Pintor e o autor Carlos López (Pinto e Chinto), asinarán exemplares das súas obras.

David Pintor: Os ilustradores, a lúa e a industria do libro

Artigo de David Pintor en Cadernos Redelibros:
“Non hai moito, en Galicia os ilustradores non apareciamos nas portadas dos libros, non eramos considerados autores, e non cobrabamos dereitos polos nosos libros. Eramos, simplemente, uns tipos que enchían uns ocos que había polo medio do libro. Non tiñamos, nin de lonxe, a consideración que si se lle daba aos escritores. Case que nunca apareciamos referenciados nas axendas culturais, non eramos invitados ás presentacións dos libros inda que fósemos parte fundamental do mesmo, non eramos invitados ás feiras internacionais, non eramos considerados por parte das administración públicas, etc. (…)
Todos queremos unha industria cultural do libro moito máis forte en Galicia. Unha industria aberta e independente. Unha industria que leve polo mundo os marabillosos libros que se fan aquí e que compita de igual a igual con calquera literatura de calquera país en calquera feira internacional. Unha industria que permita a profesionalización e a dignificación do oficio do ilustrador. Unha industria cunhas editoras fortes, que canalicen o traballo dos creadores. Unha industria imprescindible se queremos que o libro galego teña un sitio importante nun mundo cada vez máis globalizado. Unha industria transparente na que escritores, ilustradores, editores, tradutores, críticos, libreiros, distribuidores, deseñadores, impresores, etc. nos sintamos importantes. Creo sinceramente que Galicia podería competir a nivel literario en calquera feira do mundo. Estamos nun momento de grande talento en Galicia que debemos aproveitar. Temos una canteira de ilustradores para xogar a Champions League da literatura. Pode ser o momento.”

David Pintor, Premio de Ilustración Pura e Dora Vázquez

“O debuxante e caricaturista David Pintor (integrante de Pinto e Chinto) resultou gañador da VI edición do Certame de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vazquez“ na modalidade de ilustración, promovido pola Deputación Provincial de Ourense.

David Pintor foi escollido por unanimidade do xurado entre os 22 traballos presentados e recibirá como premio os 3.000 euros con que está dotado este Certame. O xurado estivo integrado por Eva Torres, directora do Museo Municipal, Omar Pérez, deseñador da imprenta da deputación; María Puertas, pintora e gañadora dunha das edicións do premio, e Concha Blanco, escritora e a autora do texto “Encontros as agachadas”, gañador na modalidade de narración e sobre o que tiñan que presentarse as ilustracións.

A Deputación procederá agora á edición conxunta dos traballos premiados (narración e ilustración) e desenvolverá unha campaña de promoción á lectura entre os máis novos coa distribuíón deste libro”.

Máis información: páxina web e blog do autor.