Cuestionario Proust: Henrique Alvarellos

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Henrique Alvarellos:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A ardiente paciencia da que falaba Neruda.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Autenticidade
3.– Que agarda das súas amizades?
– Afecto (obviamente) e sentido do humor.
4.– A súa principal eiva?
– Inseguridade?
5.– A súa ocupación favorita?
– O meu traballo (sic).
6.– O seu ideal de felicidade?
– A doce normalidade.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Ver sufrir de preto e non poder evitalo.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son (sen as devanditas eivas).
9.– En que país desexaría vivir?
– No que vivo.
10.– A súa cor favorita?
– Falando da percha, calquera escura (negro, marrón, azul).
11.– A flor que máis lle gusta?
– Mapoula espontánea na beira de calquera estrada.
12.– O paxaro que prefire?
– Vencello (sempre no máis alto de xuño…).
13.– A súa devoción na prosa?
– A boa prosa poética. Tamén o xornalismo literario. E o ensaio.
14.– E na poesía?
– Imposible elixir. Un quere poesía en todo. É unha vontade.
15.– Un libro?
– Segundo as épocas fóronme marcando varios e moi distintos: Quijote, Cien años de soledad, a narrativa e a poesía de Cunqueiro (Herba aquí ou acolá), a poesía luguesa de Pimentel ou Novoneyra, De catro a catro, Música para camaleones, Mortal y rosa, Livro do desassossego
16.– Un heroe de ficción?
– Do cinema reteño dende a adolescencia a miña querenza por ser coma Jeremías Johnson.
17.– Unha heroína?
– As mulleres de Vermeer, por exemplo.
18.– A súa música favorita?
– O pop, o jazz clásico, o rock and roll.
19.– Na pintura?
– Os azuis de Lugrís, os ollos de Díaz Pardo e tamén de Modigliani, os trazos e as cores de Seoane, as cinzas de Nóvoa… En fin.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todos os anónimos.
21.– O seu nome favorito?
– Pablo, Manuel e Marta.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Falsidade (cuberta de sorriso).
23.– O que máis odia?
– Vid. 22.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A de calquera ditador.
25.– Un feito militar que admire?
– Sen fuxir da pregunta, permíteme lembrar un refrán que adoitaba dicir meu pai: “Un general, por lo general, carece de cultura general”.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Pintar.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Rápido (e, ao mesmo tempo, moi tarde).
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Optimismo (debe de ser xenético, porque non se entende).
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os de “yo, mi, me, conmigo” (Ai, a vanitatis!).
30.– Un lema na súa vida?
– Cada día é un mundo que hai que percorrer.”

A literatura máis cool, segundo 8 escritores galegos

Desde Disquecool:
“Se algo concluímos desta moi limitada enquisa é que hai un libro galego que destaca sobre todos os demais no que a orixinalidade se refire. É De catro a catro, de Manuel Antonio, que nós xa colocamos o ano pasado como o libro máis cool da historia da literatura galega, e que elixiron dous dos nosos escritores. Antón Riveiro Coello explica: “Porque para min segue a ser un libro diferente, fresco, orixinal, moderno. Se cadra, a mellor viaxe literaria polo mar das vangardas.”  Fran Alonso detalla: “De catro a catro é –continúa a selo– un libro distinto, profundamente cosmopolita, innovador, orixinal moderno e irreverente (igual que o propio Manuel Antonio).De catro a catro é inimitable, inconformista e indomable, é dicir, un libro «in».De catro a catro é un libro incansablemente recorrente e recorrido na literatura galega, fonte continua de reescritas, de reinterpretacións desde a contemporaneidade, de incitación a navegar no mar da literatura. E é que é o noso libro máis intensamente contemporáneo, probablemente. Eu, cando tiña 18 anos, sentaba diante dun radiocasete co libro De catro a catro entre as mans e recitaba poemas que gravaba unha e outra vez. Desde as páxinas de De catro a catro un pode aprender a vida e a literatura. Aprender o mundo. É unha viaxe profunda, unha viaxe axitada, unha viaxe iconoclasta e intemporalmente actual.De catro a catro é o libro máis cool da literatura galega. É coolísimo!” (…)
Iolanda Zúñiga expláiase sobre un libro que aínda non limos, pero queremos facelo xa: “Eu sempre fun moi fan do colectivo de poetas Rompente. O único libro que teño, coidado coma un tesouro, é unha antoloxía de poemas seus que editara Xerais na colección Ablativo Absoluto. O título é Upalás, e non só agrupa textos dos tres poemarios editados polo colectivo, senón poemas individuais dos seus autores e unha parte final que se titula: “Textos de resistencia e comunicación”. Considero que Rompente é o máis cool que paríu a nosa literatura. (…)”