Vilar de Santos: presentación do número 11 da revista Lethes e entrega dos premios do Concurso Escolar Carlos Casares

O sábado 15 de decembro, ás 17:30 horas, na Casa do Concello de Vilar de Santos, terá lugar a presentación do número 11 da revista Lethes e a entrega dos premios do Concurso Escolar de Creación Literaria e Plástica dedicado a Carlos Casares no décimo aniversario do seu falecemento. Como mestres de cerimonia actuarán Manolo Seoane, Delfín Caseiro e Henrique Monteagudo. O acto está organizado conxuntamente polo Centro de Cultura Popular do Limia, o Museo da Limia e a Fundación Carlos Casares. Agradecemos a Rafael Laso o envío da información.

‘Institucións culturais propoñen que o Día das Letras Galegas do ano 2013 se lle dedique ao escritor Carlos Casares’

“Tres institucións culturais propuxeron que o Día das Letras Galegas do ano 2013 se dedique á figura de Carlos Casares. O Museo da Limia, o Centro de Cultura Popular da Limia e a Fundación Carlos Casares irán da man para que o escritor natural da comarca ourensá da Limia sexa homenaxeado dentro de dous anos. Representantes do tres institucións culturais compareceron o venres 22 de xullo ante os medios de comunicación no Liceo Recreo Ourensán. No acto estiveron presentes o escritor Delfín Caseiro; Xosé Badas Fernández, do Centro de Cultura Popular da Limia; e Xoán Xosé Jardón Pedras, representante do Padroado do Museo da Limia. As tres institucións culturais promoverán durante o curso académico 2011-2012 unha serie de actividades culturais con motivo do décimo aniversario da morte do escritor, que se cumprirá o próximo ano. Delfín Caseiro explicou que estas actividades pretenden “preparar, crear ambiente e crear estado de opinión” sobre a figura de Carlos Casares para “ter como consecuencia e obxectivo” que se dedique o Día das Letras Galegas ao autor limiao”. Vía Galicia Hoxe. Tamén en Xornal e Cultura Galega.

Ourense: recital para celebrar o Día Mundial da Poesía

Hoxe luns 23 de marzo ás 17:30 da tarde na Sala de Tertulia da Sociedade a Sección de Literatura do Liceo de Ourense celebra o “Día Mundial da Poesía” cun acto dedicado ao poeta Antón Tovar, no que participarán alumnos e alumnas dos Institutos Otero Pedrayo, Celanova, Blanco Amor, Lagoas e E.P.A., que farán un recital con poemas do escritor ourensán. O acto será introducido por Delfín Caseiro.

Presentación do libro de poemas “Obertura sen heroe”

O acto de presentación do libro de poemas Obertura sen heroe (gañador do 1º Premio Antón Tovar), de Yolanda López, terá lugar o vindeiro venres 16 de marzo ás 20:15 horas no Salón Nobre do Liceo de Ourense. Contará coa intervención de Marcos Valcárcel, Delfín Caseiro e a propia autora. Será ofrecido tamén un recital a cargo de Teresa Devesa e Loly Conde, acompañadas ao piano por Ángel Losada.