Xosé Neira Vilas é homenaxeado co Premio Otero Pedrayo

Desde Cultura Galega:
“O xurado do Premio Otero Pedrayo, que convocan anualmente as catro deputacións galegas, acordaba onte outorgallo nesta edición a Xosé Neira Vilas. O galardón, que recoñece contribucións destacadas á cultura galega, valorou o autor de Memorias dun neno labrego como “unha das figuras máis representativa das letras galegas actuais, polo seu inxente labor a prol da cultura galega; por ter contribuído ó longo de toda a súa vida a difundir a cultura e tradición de Galicia e por unir a xeracións durante anos entorno á nosa historia, á nosa lingua e á identidade e características propias”.
O presidente da Real Academia Galega e membro do xurado, Xesús Alonso Montero, definiu o homenaxeado como “o candidato de todos os cidadáns da cultura galega”. Canda a el, facían parte do xurado representantes das deputacións, das secretarías xerais de Cultura e Política Lingüística, da Universidade de Vigo e do CSIC entre outros.”

Basilio Losada leva o XXXV Premio Otero Pedrayo

“O tradutor e primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universitat de Barcelona, Basilio Losada, é o galardoado co Premio Otero Pedrayo na súa XXXV edición. O premio, que entrega a Xunta de Galicia e mais as catro deputacións, pretende perpetuar a memoria de Ramón Otero Pedrayo e está dotado con 30.050,60 euros. O xurado, composto por representantes das entidades convocantes, as Universidades da Coruña, Santiago e Vigo, a Real Academia Galega e o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, emitiu onte o seu fallo.” Desde Cultura Galega.