Pontevedra: II Día das Galegas nas Letras, dedicada a María Victoria Moreno

OMaría Victoria Moreno sábado 15 de agosto, no Parque dos Gafos (Rúa da Estación), en Pontevedra, terá lugar a II edición do Día das Galegas nas Letras, convocado pola Plataforma de Crítica Literaria A Sega.

Este é o programa:
12:00 h. Paseo con Leonardo. Punto de encontro: entrada ao Parque dos Gafos na Rúa da Estación.
14:00 h. Xantar no Parque dos Gafos.
16:00 h. Homenaxe a Mª Victoria Moreno.
Carmen Penim
Laura Cuba
Cristina F.
As Boubas
Habelas Hainas
Micro aberto: lemos María Victoria Moreno.
Sorteo da boneca de María Victoria Moreno entre as persoas participantes. Doazón de Actante Dorado.
– Durante todo o día: O Tendal de Mª Victoria. Exposición da súa obra.

A FORZA DA VONTADE

“Hai lugares onde nos nacen e lugares onde escollemos nacer. Hai familias que nos veñen dadas e outras que creamos para nós. Hai linguas que se nos falan e outras que coa determinación obstinada de quen se quere poñer do lado que máis o merece, escollemos para nós. Se cadra o accidente do noso nacemento pode determinar abondas cousas na vida, pero a escolla e a vontade teñen a forza mesmo de cambiar o lugar co que se asociará por sempre o noso nome, a lingua na que se falará de nós, o pobo que ha de celebrarnos para sempre.
Esa lingua, ese pobo e ese nome somos neste II Día das Galegas nas Letras todas nós segando para recoller as gavelas de María Victoria Moreno. Ela que escolleu o lugar onde vivir cada minuto, ela que escolleu a familia dos afectos, ela que escolleu a lingua e a comunidade á que pertencer. Tamén ela que escolleu as historias que quixo contar, aquelas nas que cada unha, coma unha gavela única, brilla na súa complexidade, na súa letra diáfana e motivadora. María Victoria Moreno escribiu para todas nós dende o espírito máis abranguente, máis total. Para nosoutras que buscamos nos relatos nenas que nos expliquen a vida nos nosos termos, á nosa idade. Para nosoutras que, adolescentes, procuramos descubrir o desenlace sen saber que o importante está se cadra no camiño. Para nosoutras que padecemos nos nosos corpos a dor mais tamén a esperanza. Para nosoutras que queremos saber doutras vidas aparentemente próximas pero ao tempo moi afastadas.
María Victoria representa para nós a forza da vontade fronte á desidia e o accidente, a decisión consecuente da palabra xusta. E con esa mesma vontade facémola nosa e pertencémoslle nunha celebración á que estades todas convidadas.”

cartaz_galegas_letras_2015

A nova poesía ten nome de muller

Desde Cultura Galega:
“Poemas que non son necesariamente parte dun libro. Recitados, mesturados con vídeos, con postas en escena. Textos que non teñen unha única autoría, que mesturan voces. Versos que buscan impacto na sociedade e que xogan coas convencións do xénero (e non só o literario). Estas son algunhas das propostas que se poden atopar no actual panorama lírico do país, un espazo en transformación que ten nas poetas o seu principal protagonista.
As mulleres abandeiran a mudanza na poesía galega. Lara Rozados, investigadora da USC teno claro, e precisamente a súa intervención no recente I Encontro Galego de Nov@s Pensador@s abordaba esta cuestión. Co título Prácticas performativas nas poetas galegas contemporáneas: o corpo e a voz como espazo de resistencia esta doutorada en Teoría da Literatura abordou o xeito no que as creadoras están a reinventar o mesmo xénero da poesía. Tal e como recollemos en Culturagalega.gal ao longo de diferentes reportaxes, nos últimos anos están a proliferar as citas nas que se a poesía recitada se afianza como protagonista. Nesa mesma liña, Rozados recoñece que “están a aparecer novos foros, e iso vai da man coa renovación da propia poesía. Hai festivais, recitais, sesións de conta contos e eventos que mesturan outras artes coa poesía”. Canda a isto, as novas propostas multimedia e de mestura entre lírica ou teatro marcan tendencia.
Autoras do cambio
Á fronte destas mudanzas, o traballo desta investigadora apunta o papel que están a desenvolver as autoras do país. A repasar as iniciativas que temos tratado en Culturagalega.gal, verifícase a importancia presenza de nomes femininos nas apostas deste tipo. María Lado, en solitario e en dúo con Lucía Aldao, Antía Otero, Esther F. Carrodeguas ou Iria Pinheiro, son só algúns dos exemplos de iniciativas poéticas e parateatrais. Non son as únicas, xa que as mulleres tamén se deixan sentir na organización de encontros como os Slams Poéticos, os Picaversos ou o ciclo Poetas Di(n)versos onde atopamos nomes como Branca Novoneyra, Olalla Cociña e Yolanda Castaño entre outras. A nivel creativo, para a súa análise, Rozados centrouse na obra de Xiana Arias, Paula Carballeira, Andrea Nunes e María Rosendo, así como no traballo de As Candongas do Quirombo, colectivo promovido por Andrea Nunes e Raquel Rei. “A miña idea é ver formas contemporáneas ou performativas que empregan as mulleres para construír a súa literatura. Analizar xeito no que utilizan o espazo público, tanto en recitais ao uso como noutros formatos, como aproveitan as novas tecnoloxías, a videocreación ou arede, como interactúan entre elas e recorren a recursos como os fanzines”. A partir da súa análise, non dubida que “son fundamentalmente mulleres feministas, e nalgúns casos homes con posturas feministas, quen entran no terro da autoedición, das licenzas libres e en xeral do traballo nesta liña”.
Da marxinación á reivindicación
Encol de por que son mulleres as que abandeiran este proceso, a investigadora apunta que “poida que os homes estean educados na idea máis canónica da literatura, de publicar e deixar unha obra fechada e inmutable para a posteridade. As mulleres estamos educadas noutro tipo de discursos nas marxes que tamén nos fan buscar outras posibilidades, e iso está a eclosionar”. Precisamente a marxinación das mulleres no propio panorama literario, que diferentes críticos e colectivos están a por de manifesto nos últimos anos, así como a asignación ás escritoras a xéneros considerados menores como a literatura infantil, o teatro ou a propia poesía, marcan o caldo de cultivo para a actual renovación, segundo Rozados.
“Están a xurdir movementos como a plataforma crítica A Sega e a súa iniciativa do Día das Galegas nas Letras, que reivindica o papel das mulleres na literatura, que foi deostado e desprestixiado polo canon”. En paralelo, esta proliferación está a se dar tamén no terreo académico. “Estou a ver que moitas investigadoras novas coas que teño coincidido en simposios e encontros teñen interese en investigar este tipo de cousas. Está a saír unha nova crítica que, sen ter a visibilidade da máis canónica, faise sentir”. As propias eleccións para o Día das Galegas nas Letras amosan a tendencia a reivindicar o traballo desde as marxes do sistema literario. O pasado ano “recoñeceuse co traballo de Dorothé Schubarth o papel das mulleres como transmisoras da literatura oral e este propio patrimonio que se considera mellor. Do mesmo xeito, María Victoria Moreno está moi vencellada á literatura infantil e xuvenil, que se considera un xénero menor”, explica Rozados. Esta vangarda feminina non deixa de contar con ilustres precedentes, segundo esta autora. “Xa en Rosalía temos unha autora cunha grande vontade de estilo e unha enorme consciencia crítica, aínda que logo se asociase ao sentimentalismo ou a morriña”.
Novas autorías
“O cambio de perspectiva a respecto da obra xa non se dá só no texto poético, senón na propia idea de autor como xenio creador. Estase a evoluír cara a formas máis colaborativas e en rede que desafían esta concepción tradicional. Hai casos en que renuncian á propia autoría, asinan como colectivos ou empregan heterónimos”, lembra esta teórica da literatura. Detrás desta mudanza, a investigadora ve cuestións como “o debate que se está a dar arredor dos dereitos de autor e o desenvolvemento de formas máis colaborativas e solidarias de traballo noutros ámbitos. Actualmente a poesía está totalmente hibridada coa narración o teatro ou o ensaio”. Traballos de Xiana Arias ou de Paula Carballeira, que emprega estruturas da narración oral e do teatro na súa poesía, ou propostas de Videocreación como as de Raquel Rei, María Rosendo e Andrea Nunes con As Candongas do Quirombo son exemplos que pon neste sentido. “Está a se por en cuestión o xénero, tanto como construción cultural en relación ao sexo como considerado unha construción canónica das categorías literarias”, advirte.
Alén dos versos
A mudanza semella ir para alén da propia poesía. Esta doutora en Teoría da Literatura sinala que “estamos a vivir un momento na cultura en xeral de cambio total de paradigma. Hai mudanzas sociais, económicas e políticas que nos obrigan a transformar o xeito de producir e de recibir cultura. Cae a barreira entre o artista, considerado como ser xenial e por riba dos demais, e mais o público. Todos somos artistas e podemos participar da cultura e da literatura, e esa penso que vai ser a tónica dominante nos vindeiros anos. A cuestión vai ser se haberá máis ou menos canles, pero penso que hai futuro porque falamos dunha literatura que sae da base, da autoxestión e da precariedade, e estas fórmulas van continuar a se expandir”.

Ánxela Lema: “A crítica na Galiza pon en lugar secundario a literatura feita por mulleres”

DesdeÁnxela Lema Sermos Galiza:
“Este 15 de agosto, María Victoria Moreno será a protagonista da segunda edición do Día das Galegas nas Letras, unha iniciativa do colectivo A Sega para visibilizar o papel das mulleres na literatura galega. Falamos con Ánxela Lema Paris, filóloga e coordenadora do noso vindeiro A Fondo, o último até setembro.
– Sermos Galiza (SG): Por que escollestes a María Victoria Moreno para o Día das Galegas nas Letras?
– Ánxela Lema Paris (ALP): Pois por que non? Na Sega é todo moi voluntario. Sempre nace todo de motivacións que cada unha temos. Xurdiu o nome de María Victoria Moreno como podería ter xurdido o de moitas outras mulleres. E dixémonos, por que non, con toda a contribución que fixo, sobre todo a unha literatura penalizada como é a infantil?
– SG: Dicídelo neste A Fondo: a escolla de María Victoria Moreno é a escolla dun xénero literario menosprazado, a literatura infantil e xuvenil, e dun xénero humano tamén menosprezado, as mulleres…
– ALP: Si, xusto. Ademais é moi atractiva á súa figura tendo en conta a súa orixe, toda a contribución que fixo á literatura galega sen ter nacido aquí. É algo que se invisibilizou moito. Quixémoslle dar un aire de ledicia e de festa á reivindicación da súa figura.
– SG: Por que cres que se invisibilizou?
– ALP: Entran en xogo varias funcións: o feito de ser literatura feita por unha muller e tamén o xénero escollido por ela, dirixido a un público menos académico ou institucional, do que nos medios quizais non se fala tanto, non tan prestixiado como outros xéneros literarios. Quizais por iso non ten o seu recoñecemento a súa figura como escritora como outras mulleres cuxo nome se coñece máis. (…)”

María Victoria Moreno, protagonista do Día das Galegas nas Letras

Desde Sermos Galiza:
“Por segundo ano consecutivo, a plataforma A Sega celebrará a súa conmemoración anual da lingua e literatura, o Día das Galegas nas Letras, que se desenvolverá o vindeiro 15 de agosto. Despois de dar un par de pistas, e a poucos días de que teña lugar a xornada festiva que a Academia Galega decidiu dedicar a Filgueira Valverde, A Sega desvela o nome da muller que protagonizará a súa segunda festa das letras, a escritora nada en Extremadura que viviu boa parte da súa en Pontevedra e acolleu o galego coma lingua literaria, María Victoria Moreno.
Neste ano cúmprese unha década da morte de Mª Victoria Moreno, o que permitiría que o seu nome fora xa barallado pola Academia Galega para vindeiros Días das Letras Galegas. A Plataforma de crítica feminista A Sega non vai agardar a que isto aconteza e, como no ano anterior, decide dedicarlle xa a súa conmemoración anual que naceu para conmemorar ás mulleres, con tan escasa presenza na historia do Día das Letras Galegas.
Natural de Cáceres, María Victoria Moreno chegou a Pontevedra en 1963, cidade onde residiría e impartiría aulas a maior parte da súa vida, nos institutos Valle Inclán e Torrente Ballester e cidade tamén na que acollería o galego como a súa lingua de comunicación e escrita literaria. (…)”

Caderno do I Día das Galegas nas Letras

Desde1606945_684268224991625_5012473365439897814_n a plataforma de crítica literaria A Sega:
“O pasado 15 de agosto celebramos no Areal de Berres, na Estrada, o I Día das Galegas nas Letras para render homenaxe a Dorothé Shubarth, compiladora do Cancioneiro Popular Galego. Foi unha romaría na que nos xuntamos, falamos e cantamos para saudar a dignidade da literatura de tradición oral e o labor silenciado de todas as cantadoras que lograron manter vivo até hoxe o acervo musical que nos alimenta.
No marco desta celebración editamos un caderno con colaboracións de diferentes autoras: Andrea Nunes Brións, Mercedes Peón, Olga Kirk, Isabel Rei Sanmartim, Olga Nogueira, Susana Sánchez Arins, Chévere e Ugia Pedreira.
Compartímolo aquí para que poida ser lido e descargado.”

Día das Galegas nas Letras

Desde A Sega:
“Hai quen senta e observa mentres outros tentan dicirnos quen son dignos e quen non son dignas de entrar no concepto que temos de literatura e de país. Hai quen se laia, hai quen concorda, hai quen simplemente nin atende. E logo estamos as que collemos o foucín, arrefuzamos as mangas e botamos o sombreiro ancho para saír de Sega.
Nese espírito, dende A Sega convocamos o I DÍA DAS GALEGAS NAS LETRAS que busca celebrar a figura dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular. Escollemos o día 15 de agosto como data central dos actos de celebración por ser o día DA NOSA SEÑORA (das letras galegas). A nosa convocatoria será sempre aberta e participativa.
Este ano 2014, a muller a quen renderemos homenaxe é Dorothé Schubarth, compiladora do Cancioneiro Popular Galego. Nos vindeiros días darse a coñecer o programa completo de accións de celebración.

ATURUXO POR DOROTHÉ SCHUBARTH
Manifesto d’A Sega para a celebración do
DÍA DAS GALEGAS NAS LETRAS
Dende tempo inmemorial a escrita fixo de si unha maneira de perdurar. De traspasar a morte. De manter e alimentar un pobo, unha lingua, unha cultura. Cada palabra mantida alén da memoria finita dos seres humanos, cada texto que se foi gardando no acervo das bibliotecas e dos arquivos construínos dun certo xeito. Mais entre todas as súas liñas naceron fondos silencios. Silencios que durante tempo nos quixeron facer crer que contiñan o nada. Mais como calquera boa musicóloga sabe, o silencio é parte fundamental da música e contén tanto valor coma o son.
Neses silencios da literatura escrita estivemos sempre nosoutras. Nun tempo breve por analfabetas. Noutro moito máis longo que perdura ata a actualidade por descoñecidas e minusvaloradas. Mais en todo momento, nunca deixamos de falar. Escribimos nas nosas voces as historias das nosas vidas, dos nosos pensares, saberes e coñecementos. O noso humor, a nosa maneira de arrepoñernos aos papeis dados. A nosa letra estivo sempre viva, e así continúa.
Vimos dunha estirpe de mulleres que crearon textos para cantalos, que compuxeron música de palabras. Elas, que foron feitas silencio polo peso dunha tradición patriarcal que ditamina para eles os nomes e para elas o anonimato do “colectivo”.
Ata que chegou ela. A primeira que ousou poñer os nosos nomes a cada unha das composicións. Facernos por fin visibles. Facernos donas mediante ese simple xesto dunha tradición cooptada, como tantas outras. E haberá quen diga que a tradición é un “ben común”, mais este non pode sosterse mantendo de xeonllos ás mulleres, unha vez máis. Porque para nosoutras, as que cantamos e escribimos hoxe, saber que foron outras as que antes cantaron e escribiron non é un feito menor. Dános unha lexitimidade que está moi lonxe de entender a autoría como autoridade e propiedade senón máis ben como o acceso á condición de suxeitAs, á condición de persoas con dereito a ter a nosa propia voz recoñecida na sociedade. Dela, da voz, emanan o resto dos dereitos, o dereito ao noso corpo, á nosa liberdade, á nosa vida mesma. A que ninguén nos diga: cala que ti diso non sabes. Ou aquilo de “non hai mulleres que…”.
Hai quen di que os seres humanos seremos unicamente quen nos lembre. Seremos quen garde os nosos nomes, quen aturuxe os alalás cos que demos saída ao pasar dos días, ao humor, ao sentir, ao pensar, ao coñecer, ao que sabemos e aprendemos. Quen garde, en definitiva, o texto dos nosos afectos. Ese foi o traballo de Dorothè Schubarth.
Igual que facemos o corro para bailar, igual que as voces das cantareiras enganchan as unhas coas outras, quen hoxe escribimos debémoslles ter o noso nome propio, a nosa voz inscrita mesmo nas marxes da literatura a aquelas que cantaron antes. A aquelas que construíron o maior acervo literario de lingua galega: a lírica popular. Se nós temos voz é porque houbo quen foi quen de conservala e aínda máis importante, quen foi quen de recoñecela como de nosoutras, lonxe deses discursos da “comunidade” nos que as mulleres ficamos invisibles. Ese foi o traballo de Dorothè Schubarth que hoxe celebramos, vindicamos e recoñecemos.”