Isaac Alonso Estraviz: “Díaz Pardo afirmou infinidade de vezes que galego e português eram a mesma língua”

Entrevista a Isaac Alonso Estraviz no Portal Galego da Língua:
“(…) – Portal Galego da Língua (PGL): Esse livro [Isaac Díaz Pardo e a Língua] foi em grande medida uma cousa tua. A sua gestão começou a fins do 2007. De quando vem a tua amizade com Diaz Pardo?
– Isaac Alonso Estraviz (IAE): O meu primeiro encontro com Isaac Diaz Pardo foi no ano 1960 ao adquirir em Buenos Aires o seu livro Midas. O ángulo de pedra (1957) que depois iria comigo a França, Sória, Alemanha, Navarra, Albacete…. Pessoalmente conheci-o em 1970 na Galeria Sargadelos de Madrid. Foi um encontro gratificante com uma pessoa inteligente, amável, respeitosa com todos. Surgiu entre ambos um carinho e uma admiração mútua. Depois foi em O Castro, Sargadelos e no Instituto de Información bastantes vezes. E várias em Santa Marinha de Águas Santas. Mesmo nos publicou em Edicions do Castro vários livros sobre o relacionamento entre galegos e portugueses. Não se atreveu com o Dicionário Galego polo voluminoso que era e porque supunha muito dinheiro que ele tinha medo em fracassar. Teve uma enorme alegria ao ver que a obra saíra a lume.
– PGL: Díaz Pardo pertencia a tradição galeguista na que se formara nos anos 30 do século passado, para a qual galego é português era a mesma língua.
– IAE: Que galego e português eram a mesma língua afirmou-o infinidade de vezes, como se pode comprovar no livro homenagem que lhe fez a AGAL e do qual eu fui o coordenador. Pode atualmente consultar-se na publicação digital também disponível no PGL. Esse livro consta de uma primeira parte na que intervêm: José Maria Casariego Guerreiro, Isaac Alonso Estraviz, José Paz Rodríguez, Alexandre Banhos (naquela altura Presidente da AGAL) e José-Martinho Montero Santalha. E uma segunda, com trabalhos dele sobre a língua galega e a sua unidade com a variante portuguesa.
– PGL: Isso não era incompatível com escrever à castelhana, infelizmente a única forma que se conhecia.
– IAE: Escrevia-se à castelhana na tradição galeguista que afirmava a unidade da língua, porque era o único jeito que se sabia escrever, diria mais o único que aliás podia se conhecer, mas existia a vontade de mudar as cousas, que o franquismo e a sua eficaz guerra e ditadura decepou. Castelão o expressou muito bem, ao dizer que aspirava a que o galego se confundisse com o português. Diaz Pardo sempre defendeu a unidade, um bom exemplo é o seu livro em castelhano em Ruedo Ibérico, Galicia Hoy, uma pequena maravilha que destinava a todos, tendo em conta os destinatários e a finalidade que se propunha. (…)”

Isaac Alonso Estraviz: “O importante non é ser escravo dunha norma senón amar a lingua”

EntrevistaIsaac Alonso Estraviz a Isaac Alonso Estraviz en La Voz de Galicia:
Isaac Alonso Estraviz conserva un mundo de enerxía e rebeldía aos seus ben levados oitenta anos. Logo de dar moitas voltas, primeiro como sacerdote e logo como profesor, agora -xa xubilado- aínda da clases de galego para maiores na universidade sénior do campus e a participa en congresos e actividades culturais.
Regresa ao instituto Otero Pedrayo, o primeiro centro ourensán no que impartiu clases de galego, logo de pasar por varias localidades, a pesares de que, di Estraviz, lle impediran ensinalo por ser reintegracionista (a vertente que promulga a unión entre o galego e o portugués). Aprobou a oposición en 1987 e foi unha etapa docente que o trouxo de novo a Galicia, despois de moitos anos no desterro logo de seren expulsados do mosteiro de Oseira. «Prohibiran falar galego nos centros relixiosos. Eu, aos 17 anos prometín nunca máis falar castelán. Rebeleime. Pensaba: Son galego. Ser católico ou monxe é secundario. No ano sesenta botáronnos a todos», recorda.
Nacido en Vila Seca (Trasmiras) en 1935, Alonso Estraviz entrou en Oseira con doce anos. «Era un sitio frío. O mosteiro estaba sen reconstruír. Había que traballar todos os días, ademais de estudar e os actos litúrxicos», lembra. Con 24 anos, en 1959, foi ordenado sacerdote como Padre Santos. Un ano despois, nun Capítulo Xeral expulsaron a todos os monxes por unha suposta rebelión interna. Comezou un desterro que logo dun longo camiño o levou ao mosteiro de Mariawald (Alemaña), Dijon e Navarra.
En Navarra pediu «levar vida normal». Alí traduciu os Salmos ao galego. Os anos logo da secularización foron «duros» ata que se xuntou co grupo dos outros monxes «rebeldes» en Albacete. Na cidade manchega viviu no Barrio da Estrela «con xitanos e ladróns. O Padre Silva dixo que fora o peor barrio que coñecera. Démoslles pisos aos que vivían nas covas. O primeiro bautizado que fixen en galego foi en Albacete, un fillo dun galego», ri. Xa en 1970, foi a Madrid e deu clases de Relixión no barrio de San Blas, outra zona dura, mentres estudaba Filosofía e traducía libros do portugués ao castelán. Fixo a súa tese sobre Rosalía de Castro en galego e prometeu facer unha gramática e un dicionario. «Cunha bolsa Gulbenkian fun investigar a Lisboa. Ía vendo frecuencias e variantes en textos en galego e en portugués», conta. Editar o Dicionário da Língua Galega foi un proceso cheo de vicisitudes económicas e ortográficas. No ano 1986 publicaron tres volumes con cen mil pesetas que lles deixara un xubilado. Con máis de 133.000 entradas e hoxe pode consultarse a versión electrónica. «Foi o primeiro dicionario galego-galego», reivindica.
Volveu á docencia no Pablo VI da Rúa. Alí fundou Radio Antoxo, onde facían programas de cultura e recibiron avisos de prohibición. Logo de opositar e dar clases por media Galicia, atendeu a chamada para vir a Ourense ao Otero Pedrayo. Ten boas lembranzas da etapa: «Cos alumnos, por todos os lados, fantástico. Nunca suspendín a ningún. Non se pode andar a suspender por unha falta se as palabras son galegas. Terminarán odiando o galego e hai que facer que os alumnos terminen amando a lingua. Nunca empreguei unha norma nin utilicei un libro de texto. O importante non é ser escravo dunha norma senón amar a lingua».”