“As actividades de Arteixo no venres 14 de maio, na maior proximidade do Día das Letras dedicado a Xela Arias, comezaron ás 19:30 coa inauguración do Paseo das Letras, o que desde ese momento deixa ver, mediante placas de aceiro no chan da parte máis concorrida do paseo fluvial de Arteixo, os nomes de todas as persoas premiadas en trinta anos de Certame. A inauguración foi acompañada polos representantes dos partidos políticos do Concello de Arteixo, así como polo gaiteiro Óscar Miranda Lodeiros, quen interpretou o himno do Antigo Reino de Galiza.
A continuación foi plantada unha nova árbore, como vén sendo habitual en cada aniversario, ao pé da cal reza a seguinte lenda: “Na horizontal da terra / a vertical dos soños”. Tal breve texto foi brevemente explicado ao público polo autor da proposta, o director literario do Certame, Alfredo Ferreiro Salgueiro. Este xesto ecolóxico contou coa interpretación a violín da peza “O pasodobre da Fraga” por Nuria Naya Riveiro.
O evento de entrega de premios no Centro Cívico Cultural de Arteixo comezou perto das 20:30 e contou coa presentación do polifacético artista Xurxo Souto, quen non deixou de amenizar o acto coas súas dotes de contador de historias e de cantante sempre extasiado pola cultura popular. Tamén tiveron presenza os discursos dos coordinadores ou directores literarios do Certame do presente e do pasado: Henrique Rabuñal Corgo, quen falou dos inicios e da consolidación do Premio; Julio Mancebo Moreiras, quen mandou un texto lido por Xurxo Souto sobre os avances na súa etapa de coordinador; e Alfredo Ferreiro Salgueiro, quen recoñeceu o traballo dos seus predecesores, do Servizo de Cultura, do xurado de 2021, paritario na súa composición nos últimos anos e que conta coa colaboración permanente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega e coa Asociación Galega da Crítica. Tampouco se deixou de agradecer a participación dos máis de 70 traballos recibidos no Certame, nin a presenza do público a un acto que estaba a ser gravado integramente.
Na parte central do evento, entregáronse os premios segundo o ditame que Souto leu da correspondente acta asinada por Alejandro Mene Pazos, Beatriz Maceda Abeleira, Inmaculada Otero Varela e Alfredo Ferreiro Salgueiro, na que figuraban os nomes dos premiados:
1º. María Aránzazu Portabales Santomé, polo relato Xanelas, presentado baixo o lema “Rosalía Pousada”, premiado con 4000 euros e a edición da obra.
2º. Gabriel Gómez Estévez, polo relato A caverna de Lara, presentado baixo o lema “Moura do Bosque”, premiado con 2000 euros e a edición da obra.
3º. Cecilia Fernández Santomé, polo relato As orfas daquel verán, presentado baixo o lema “Maggie Moon”, premiado con 1000 euros e a edición da obra.
Ademais dos premios, as persoas galardoadas recibiron unha peza escultórica de Dores Polo e Benito Freire, obra en miniatura e peza única que lembra outra maior dos mesmos autores situada no xardín da fachada do Centro Cívico Cultural, instalada en novembro pasado para inaugurar a conmemoración do Certame.
Deuse, por outra parte, unha sentida homenaxe sorpresa a José Manuel Piñeiro Balay, concelleiro de Cultura propulsor da creación deste certame no momento da súa creación, que consistiu na colocación dunha placa co seu nome nunha butaca do Auditorio e na entrega dunha peza conmemorativa, que agradeceu entre os aplausos de todos os presentes.
O evento contou coa intervención do Deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto Rodríguez, e foi oportunamente clausurado polo Alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo Martínez, quen tivo o decoro de citar todas a persoas que nos 30 anos precedentes tiñan posibilitado o Certame, independentemente da súa función ou ideoloxía. En todo momento unha pantalla estivo mostrando os nomes gañadores e os nomes dos xurados no fondo do escenario, para que non esquecésemos que o prestixio que o Certame de Narracións Breves Manuel Murguía foi erguido co traballo e o talento de moitas persoas, como acontece con todo que ten valor autenticamente humano en calquera tempo e lugar.”