Silvia Penas Estévez gaña o 27º Premio de Poesía Concello de Carral coa súa obra A pel do exilio

Desde o Concello de Carral:
“A forza da voz poética manifesta a súa furia a través do ritmo e da limpeza das imaxes”. Esta foi unha das razóns polas que a viguesa Silvia Penas Estévez (Vigo, 1980) se fixo co 27º Premio de Poesía do Concello de Carral. Coa súa obra A pel do exilio, a autora conquistou ao xurado de xeito unánime.
O poemario de Penas Estévez foi escollido entre un total de 94 obras presentadas, o cal supón un novo récord para este certame, que medra ano tras ano en cifras de participación. De entre todos os traballos, o xurado elixiu o da viguesa salientando o seu ritmo e a súa “vocación de mediar co mundo, traspasando o texto na procura da reflexión metapoética e identitaria”.
O xurado estivo composto polo presidente; o alcalde Javier Gestal Pose, por Inma Otero, Tamara Andrés, Ciro Briones, e actuando como secretario, con voz e sen voto, o técnico de Cultura, Carlos Lorenzo.
O premio, que conta coa colaboración anual da Xunta de Galicia, está dotado con 3.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
A entrega do premio Concello de Carral está prevista para o venres, 31 de maio, na Casa da Cultura e servirá, así mesmo, para presentar o libro Oídos de espeleóloga, co que Ciro Briones gañou a 26ª edición do certame. (…)”

Antón Lopo e Manuel Veiga, gañadores dos Premios da Crítica en poesía e narrativa

Desde Nós Diario:
“O Premio da Crítica en Lingua Galega, galardón que cada ano concede a Asociación Española de Críticos Literarios, recae este ano en Manuel Veiga Taboada no apartado de narrativa, pola novela Perder as bestas (Xerais, 2023), e no tamén xornalista e escritor Antón Lopo na categoría de poesía, pola obra Diarios / 1. Azul Monforte (Espiral Maior, 2023). Nunha nota de prensa, da obra de Veiga destaca o xurado que “nunha comarca fronteiriza, a novela descóbrenos un dos episodios máis silenciados da historia da posguerra na Galiza, a actuación das ‘contrapartidas’, grupos paramilitares promovidos polo Goberno que pretendían sementar o terror entre a poboación para desprestixiar a guerrilla e rematar con ela”.
Nun escenario “dominado pola natureza e pola violencia sen paliativos”, salientan que Veiga emprega un “estilo minimalista, de altísima eficacia grazas a un poderoso traballo de selección léxica”, para achegarnos a un grupo de seres anónimos, cunha vidas que aparecen “condicionadas polo medo, a precariedade e a obrigada (e perturbadora) convivencia con individuos que ostentan o poder malia a ser refugallo humano”. Deste modo, din, a novela representa unha nova visión da posguerra e da historia da guerrilla (os fuxidos), “pero tamén das formas posíbeis de identificación entre os seres humanos e a terra”. (…)
Por outra parte, sobre o galardón concedido a Lopo, precisan que “a través da estrutura do diario que, en ocasións, dialoga coas memorias doutras autorías como Jordi Esteva ou Rafael Chirbes, reflíctese a morte da nai e, por extensión, todas as mortes”. “A experiencia estimula a reflexión sobre a evolución dos coidados e o lastre que supón a convivencia, sobre todo na mocidade. A fuxida é unha obriga que se materializa nas viaxes e se razoa na madurez, cando a conversa e a escritura se encamiñan cara á reconciliación”, enxalzan.
“O esforzo por comprender as lembranzas que abrollan cando finaliza a vida da nai vértese desde a progresión propia da narrativa e o lirismo das imaxes. Impacta a sinceridade do eu lírico, a procura de varios estratos de lectura a través da experimentación discursiva e os finais escintilantes, próximos á revelación”, engaden. (…)”