Donostia: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

O sábado 29 de marzo, ás 19:00 horas, na Casa de Galiza de Gipúzkoa (Rúa Zabaleta, 28, baixo) de Donostia, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais, nun acto onde estará presente o propio autor.

Bueu: presentación de Sete Caveiras, de Elena Gallego

O venres 28 de marzo, ás 20:30 horas, na Sala Amalia Domínguez Búa (Rúa Eduardo Vicenti, 2), de Bueu, preséntase Sete Caveiras, de Elena Gallego, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editora, o Concello de Bueu e a Libraría Miranda, participa, xunto á autora, Manuel Bragado.

Iruñea-Pamplona: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

A sexta feira 28 de marzo, ás 19:30 horas, no Lar Galego de Iruñea-Pamplona (Rúa San Fermín, 4, baixo), preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais, nun acto onde estará presente o propio autor.

Pontevedra: presentación de Ámote Leo A. Destino Xalundes, de Rosa Aneiros

O xoves 27 de marzo, ás 19:30 horas, na Libraría Paz de Pontevedra (Rúa Peregrina, 29), preséntanse Ámote Leo A. Destino Xalundes e Ámote Leo A. Estación de tránsito, de Rosa Aneiros, publicadas en Xerais. No acto, xunto á autora, participa Fran Alonso.

Compostela: presentación de A alternativa está aquí, de María Reimóndez

O xoves 27 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase A alternativa está aquí, de María Reimóndez, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Encarna Otero e Manuel Bragado.

Ramón Caride: “Hoxe poría ao personaxe a loitar contra a corrupción política”

Entrevista a Ramón Caride en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como foi a experiencia [O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas]?
– Ramón Caride (RC): Pois a verdade é que me gustou. Pasáronme o material que tiñan, as curtametraxes de animación e os pequenos anuncios feitos co persoaxe real e eu intentei recoller o espírito de todo ese traballo e crear unha aventura sinxela e ao mesmo tempo interesante de ler. Tamén me atraía o feito de poder ubicar a historia no casco vello, que me parece que é bastante descoñecido, e achegarlle aos pequenos o Ourense monumental e ao mesmo tempo facer unha pequena guía das zonas termais. Motivados polo libro xa estiven con rapaces de Muros e Bertamiráns que organizaron excursións para coñecer a cidade, cousa que me comprace.
– LVG: ¿Non limita o espírito do creador o traballar con tantos elementos predefinidos?
– RC: Pois por un lado si, pero por outro tamén adiantas traballo. Xa sabes que personaxes hai e o que se trata é de afondar neles. Variei algo a historia orixinal do heroe, que no libro non é un elemento independente, senón que aparece como resultado da confabulación dos catro nenos. Facer o libro foi moi divertido, incluso sóubome a pouco. Chegou un momento que me din conta que xa me pasara de páxinas. (…)”

Lugo: exposición sobre o booktrailer de As meigas de Lupa de María Solar

Desde Xerais:
As meigas de Lupa de María Solar xa ten exposición, trátase do traballo realizado por La Cosa Gráfica entorno ao libro editado por Xerais. A exposición recolle o making of do audiovisual elaborado a través dunha técnica novidosa que recupera a esencia do teatro de sombras e das técnicas de edición dos libros pop-up con despregables. Cinco proscenios amosan o labor desenvolto para facer o audiovisual, mesturando imaxes de actores reais insertados en escenarios miniaturizados recortados en papel, dando un fermoso resultado de sombra e movemento que se pode ver no audiovisual proxectado na sala. (…) A exposición pode verse ata o 6 de abril no Museo Interactivo de Historia de Lugo no Parque da Milagrosa.”

Entregados os Premios Ánxel Casal da Edición de 2013

Desde a Asociación Galega de Editores:
“O gremio editorial galego celebrou o serán do venres 21 de marzo en Betanzos a IX edición dos Premios Ánxel Casal, nun acto no cal a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a diversos colectivos relacionados con mundo do libro e a cultura galega. O acto tivo lugar no Liceo de Betanzos e nel participaron autoridades do mundo do libro, a cultura e a política de Galicia. Estivo presidido polo Alcalde de Betanzos, José Ramón García Vázquez; Manuel Bragado, presidente da AGE e o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Tamén asistiron ao acto o director de marketing de GADIS, Antonio Cortés; Concelleiro de Cultura da cidade, Antía Otero, Vicepresidenta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o presidente do Clúster Gráfico, a directora das Bibliotecas Municipais da Coruña, a presidenta da Federación de Libreiros e outros integrantes do gremio de editores, escritores e representantes da vida cultural galega. A actividade foi coorganizada pola AGE e o Concello de Betanzos e contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Secretaría Xeral de Cultura e GADIS. O grupo vocal EntreElas, da Coruña, presentou e amenizou a velada.
Formaron parte do xurado dos premios Mercedes Queixas, profesora e Secretaria da AELG; Carme Fernández Pérez-Sanjulián, profesora de Filoloxía Galego Portuguesas da UDC; Roberto Castro Iglesias, libreiro, Librería Sisargas; Isabel Blanco Pardo, directora das Bibliotecas Municipais da Coruña; Xesús Fraga, escritor e xornalista en La Voz de Galicia; exercendo como secretaria Luz Picos, con voz e sen voto. Os premios son os seguintes:

Premio Ánxel Casal ao Libro de Ficción 2013: O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, editado por Galaxia.
Premio Ánxel Casal ao Libro de Poesía ou Teatro 2013: Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes, editado por Alvarellos.
Premio Ánxel Casal ao Libro de Non Ficción 2013: Cantares Gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, de María Pilar García Negro, editado por Alvarellos.
Premio Lois Tobío á Tradución 2013: Ulises, traducido por María Alonso, Eva Almazán, Xavier Queipo e Antón Vialle, editado por Galaxia.
Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro Ilustrado 2013: Pan de millo, ilustrado por Dani Padrón, editado por Kalandraka.
Premio Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil 2013: A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar, editado por Biblos.
Premio Xosefa Iglesias Villaverde ao Libro Educativo 2013: Vento e Chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia, de Manuel Gago, editado por Xerais.
Premio Rosalía de Castro á Iniciativa Editorial 2013: Tastarabás. Enciclopedia de Brinquedos tradicionais, de Xerais.
Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor/autora ou colectivo de autores en lingua Galega 2013: Berta Dávila.
Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural do ano 2013: Librería Couceiro da Coruña. Aos libreiros Carmiña Couceiro e Pepe Díaz.

Ferrol: acto arredor do libro A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O xoves 20 de marzo, ás 19:30 horas, no Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202-204) de Ferrol, terá lugar un acto arredor do libro A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicado en Xerais. No acto acompañará ao autor Eliseo Fernández.

Marín: presentación de Sete caveiras, de Elena Gallego

O xoves 20 de marzo, ás 20:00 horas, no Museo M. Torres de Marín (Avenida de Ourense, 1), preséntase Sete Caveiras, de Elena Gallego, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editora e o Foro de Debate Marinense, xunto á autora, participan Asun Estévez, Ángel García Carragal e Manuel Bragado.