Tui: presentación de Randea do alento, de Herta Müller, traducida ao galego por Marga do Val

O martes 5 de outubro, a partir das 20:00 h., preséntase na Biblioteca Municipal de Tui a tradución ao galego da última novela da Premio Nobel alemana Herta Müller, Randea do alento, obra de Marga do Val, publicada recentemente en Xerais. No acto participará a propia tradutora, María Xosé Queizán, e Montserrat Bascoy Lamelas, doutora en Filoloxía xermánica.

A tradución ao galego de Reckless, de Cornelia Funke, participará simultaneamente no lanzamento internacional da obra

O vindeiro 14 de setembro de 2010 aparecerá nas librarías de Alemaña, os Estados Unidos e Reino Unido as edicións alemá e inglesa da novela Reckless. Carne de pedra, a primeira entrega da triloxía de Cornelia Funke, cunha tirada entre as dúas dun millón de exemplares. O mesmo día aparecerán, tamén, as edicións francesa, castelá, catalana e a galega, traducida por María Xesús Bello Rivas e publicada por Xerais, sendo a primeira vez en que a nosa lingua se incorpora a un lanzamento literario internacional deste tipo. Cornelia Funke (Dorsten / Westfalia, Alemaña, 1958) é unha das autoras máis lidas no mundo. Coñecida como a «Rowling alemá» e elixida pola revista Times como unha das cen persoas máis influentes do planeta, xa vendeu máis de 14 millóns de exemplares das súas obras, entre as que destaca Tintenwelt (Mundo de Tinta).

Carballo: Praza dos libros, actividades do sábado 28 e domingo 29

Dentro das actividades da Praza dos libros de Carballo, o sábado 28 de agosto, ás 20:30 h., A lingua que queremos, presentación conxunta dos libros Lingua e futuro, coordinado por Goretti Sanmartín, publicado en Laiovento, Lingua de calidade, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, publicado en Xerais, e Estudos xurídicos sobre o decreto para o plurilingüismo, coordinado por  Luís Villares, publicado en Laiovento. No acto participan os autores acompañados por Silvana Castro.
O domingo 29 de agosto, derradeiro día da feira, ás 18:00 h., preséntase o libro Galiza en Suíza. 50 anos de presenza galega en Suíza, publicado pola CIG, coordinado por Xurxo Martínez Crespo, que participará no acto acompañado por Marianne Hellfer.

A Coruña: programa do mércores 4 de agosto na Feira do Libro

18.30 h. O escritor Xosé Neira Vilas asinará exemplares do seu último libro, Presenza galega en Cuba e do resto da súa obra.
19.00 h. Presentación do libro Xenaro e a hucha do indiano, da escritora Mar Guerra, publicado por Edicións Xerais. Xunto coa autora, participará no acto Manuel Bragado.
20.00 h. Pablo Díaz, autor do texto e a música e Marc Taeger, autor das ilustracións, asinarán exemplares do seu libro–disco Tic–Tac, publicado por Kalandraka.
20.00 h. Presentación do libro Presenza galega en Cuba do escritor e académico Xosé Neira Vilas, publicado por Edicións Xerais. Xunto co autor, participará no acto Manuel Bragado.
20.30 h. O escritor Vicente Bellón asinará exemplares do seu libro El trueno y sus gigantes, editado por Publicaciones Arenas.
21.00 h. Presentación do número 186 da revista Grial: Homenaxe a Luís Seoane. Participarán no acto Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo e Víctor F. Freixanes.

Lira (Carnota): presentación de Ao pé da Laxa da Moa, de Antón Cortizas

O venres 30 de xullo, ás 20:00 h., preséntase o libro de Antón Cortizas Ao pé da Laxa da Moa. Literatura de tradición oral de Carnota, publicado en Xerais, na Confraría de Pescadoras de Lira Portocubelo, en Carnota. No acto participarán Manuel Bragado, Belén Campos, Francisco X. Fernández Naval e Manuel Souto acompañando ao autor. Ao remate da presentación María de Fetós interpretará unhas pezas musicais coa súa pandeireta.

Bookcrossing con Dragal, de Elena Gallego

O aeroporto Charles de Gaulle de París, a cidade de Beijing e o porto xaponés de Kyoshu son algúns dos lugares elixidos pola escritora Elena Gallego para ceibar senllos exemplares da súa novela Dragal, a herdanza do dragón, editada por Xerais. A andaina dos libros, rexistrados e ceibados coas etiquetas de bookcrossing números: 178-8134411 Aeroporto Vigo 24 xullo, 194-8188676 Aeroporto Charles de Gaulle-París 24 xullo, 198-8128827 Beijing- 25 de xullo e 518-8129916 Porto de Kyoshu, illa de Fukuoka, Xapón 1 agosto, poderá seguirse a través da web internacional de Bookcrossing. A autora tamén abriu un espazo bookcrossing na web da novela, na que aquelas persoas que atopen os libros ceibados nesta novidosa experiencia poidan subir cometarios e  fotos.

Cangas: presentación de Cartas de republicanos galegos condenados a morte, de Xesús Alonso Montero e A rosa do viño, de Xavier Castro

Dentro das actividades da Feira do Libro de Cangas, o venres 23 de xullo ás 19:30 preséntase a segunda edición de Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), de Xesús Alonso Montero, publicado por Xerais. No acto participan Manuel Bragado e o propio autor.
No mesmo día, ás 20:30 h., Xavier Castro presentará A rosa do viño, publicado en Galaxia, acompañado por Víctor F. Freixanes e Estro Montaña.