Vídeo da entrevista a Agustín Agra sobre o seu libro Trampa de luz no IES Porto do Son

Desde Xerais:
“Dous alumnos do IES Porto do Son (Alexandra e Carlos), usuarios da Biblioteca Fraga de Novio, entrevistan nun vídeo o escritor Agustín Agra polo seu libro Trampa de luz.”

“O best seller como elemento normalizador: fillos dun mar complicado”, reflexión de Pedro Feijoo

“O escritor Pedro Feijoo, autor de Os fillos do mar, pronunciou o pasado mes de decembro unha conferencia na Universitat de Barcelona baixo o título O best seller como elemento normalizador dun sistema literario en crise. A partir daquela conferencia, a revista Galicia 21. Journal of Contemporary Galician Studies publicou unha longa reflexión do autor sobre o mesmo tema e baixo o título: O best seller como elemento normalizador: fillos dun mar complicado. O artigo pode descargarse e lerse en pdf neste enlace.” Desde Xerais.

Paiosaco: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

O sábado 19 de xaneiro, ás 18:00 horas, no local da Asociación de Veciñas e Veciños Campo da Feira (Avenida de Bergantiños, 48) de Paiosaco, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais.

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2012

“Tras pechar o día 15 de xaneiro as votacións temos, un ano máis, os resultados cos que as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2012. En total, este ano recibimos 453 enquisas. Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer unha vez máis a vosa participación e o voso interese, porque estes premios, aínda que polo de agora só sexan de carácter simbólico, queren reflectir a voz dos lectores e das lectoras galegas. A voz dos que somos receptores e consumidores dos libros que @s escritor@s e editoriais poñen nas librarías e nas bibliotecas. E agora os resultados e os nosos parabéns aos premiados…
– Mellor libro de Narrativa de adultos para As voces baixas, de Manuel Rivas (Xerais).
– Mellor libro de Poesía para Calado testamento, de Xavier Rodríguez Barrio (Espiral Maior).
– Mellor libro de Ensaio para O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz (Xerais).
– Mellor libro de Literatura dramática para o Banqueiros, de varios autores (Laiovento).
– Mellor libro de Banda Deseñada para Ardalén, de Miguelanxo Prado.
– Mellor libro traducido ao galego para adultos para Mr. Gwyn, de Alessandro Baricco (Galaxia).
– Mellor libro xuvenil para Palabras de auga, de Marcos Calveiro (Xerais).
– Mellor libro infantil para María Fumaça, de varios autores (Galaxia).
– Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para Lilus Kikus, de Elena Poniatowska, traducido por Teresa Moure (Trifolium).
– Autor do ano para Agustín Fernández Paz.
– Ilustrador do ano para Miguelanxo Prado.
– Mellor portada dun libro para adultos para Tonas de laranxa (Xerais).
– Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Palabras de auga (Xerais).
– Mellor editorial para Xerais.
– Mellor crítico/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Culturgal.
– O peor acontecido para a política cultural da Xunta.
– Mellor Libraría para a libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog para Brétemas, de Manuel Bragado.”

Ribadavia: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

O venres 18 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Pub Aljama de Ribadavia (Tras Mesóns), preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Eladino Cabanelas, responsábel da Mesa pola Normalización Lingüística na zona do Carballiño-Ribeiro.

Francisco X. Fernández Naval: “Houbo persoas que sandaron as súas feridas coa miña novela”

Desde Xerais:
“O Diario Cultural da Radio Galega emitiu unha entrevista de Anxo Quintela con Francisco X. Fernández Naval sobre a súa nova novela, A noite branca, que conta a historia dos galegos que participan na Segunda Guerra Mundial a través da División Azul. Para Francisco Fernández Naval, o personaxe da María Luísa, que aparece na fotografía da portada, foi o que o impulsou a escribir esta obra, onde ficción e non ficción se dan a man para crear un tecido literario intenso e longo. Así mesmo, na entrevista, o autor confesa que houbo persoas que leron a novela e que, grazas a ela, lograron sandar feridas persoais que mantiñan aínda abertas. A entrevista pode escoitarse ou descargarse aquí en mp3.”

Convocada a 30ª edición do Premio Xerais de Novela

Edicións Xerais de Galicia convoca a trixésima edición do PREMIO XERAIS DE NOVELA en lingua galega, dotado con 15000 euros, que se rexerá polas seguintes bases:

1ª. Poderán concorrer ao premio todos aqueles autores/as de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega, conforme á normativa vixente. Os textos presentados han ser inéditos e totalmente orixinais, non podendo ter sido comunicados, nin na súa totalidade, nin por partes, por ningún tipo de procedemento.
2ª. De cada orixinal presentaranse seis copias en papel, mecanografadas a dobre espazo e debidamente encadernadas, antes do día 8 abril de 2013 nos locais sociais de Edicións Xerais de Galicia, S.A., rúa Doutor Marañón, 12. 36211 Vigo.
3ª. Co orixinal, que deberá ser presentado baixo lema e sen ningún tipo de dato que identifique ao seu autor/a, achegarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor/a,
así como o título da obra, indicando no sobre: Para o Premio Xerais de Novela.
4ª. O xurado estará composto por cinco membros, escollidos entre lectores e lectoras e un secretario con voz e sen voto en representación de Edicións Xerais de Galicia, S.A. O premio outorgarase por maioría de votos.
5ª. A composición do xurado darase a coñecer no mes de maio.
6ª. O xurado emitirá o seu fallo no curso da Festa Xerais que se celebrará o día 8 de xuño.
7ª. O premio poderá ser declarado deserto no caso de que o xurado así o estime e a decisión será inapelable.
8ª. Edicións Xerais de Galicia, S.A., que reserva os dereitos de edición sobre a novela premiada en todas as linguas, coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros, poderá publicar esta sen limitación do número de exemplares nin de edicións. Os cinco mil primeiros exemplares vendidos estarán libres do pagamento de dereitos de autor/a.
O beneficiario/a do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os
devanditos dereitos, recibirá gratuitamente cincuenta exemplares da obra publicada.
9ª. Os orixinais non premiados poderán retirarse nos dous meses seguintes ao fallo. Os que non se retiren serán destruídos.

A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación das normas contidas nas presentes bases e as decisións do xurado que se teña designado.

Vigo, xaneiro 2013

Convocada a 28ª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil

Edicións Xerais de Galicia convoca a trixésima edición do PREMIO MERLÍN DE LITERATURA INFANTIL en lingua galega, dotado con 10000 euros, que se rexerá polas seguintes bases:

1ª. Poderán concorrer ao premio todos aqueles autores/as de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega, conforme á normativa vixente. Os textos presentados han ser inéditos e totalmente orixinais, non podendo ter sido comunicados, nin na súa totalidade, nin por partes, por ningún tipo de procedemento.
2ª. De cada orixinal presentaranse seis copias en papel, mecanografadas a dobre espazo e debidamente encadernadas, antes do día 8 abril de 2013 nos locais sociais de Edicións Xerais de Galicia, S.A., rúa Doutor Marañón, 12. 36211 Vigo.
3ª. Co orixinal, que deberá ser presentado baixo lema e sen ningún tipo de dato que identifique ao seu autor/a, achegarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor/a, así como o título da obra, indicando no sobre: Para o Premio Merlín
de Literatura Infantil.
4ª. O xurado estará composto por cinco membros, escollidos entre lectores e lectoras e unha secretaria con voz e sen voto en representación de Edicións Xerais de Galicia, S.A. O premio outorgarase por maioría de votos.
5ª. A composición do xurado darase a coñecer no mes de maio.
6ª. O xurado emitirá o seu fallo no curso da Festa Xerais que se celebrará o día 8 de xuño.
7ª. O premio poderá ser declarado deserto no caso de que o xurado así o estime e a decisión será inapelable.
8ª. Edicións Xerais de Galicia, S.A., que reserva os dereitos de edición sobre a novela premiada en todas as linguas, coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros, poderá publicar esta sen limitación do número de exemplares nin de edicións. Os cinco mil primeiros exemplares vendidos estarán libres do pagamento de dereitos de autor/a.
O beneficiario/a do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente cincuenta exemplares da obra publicada.