Desde o Concello do Grove:
“O Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey é un premio literario convocado polo Concello do Grove dende 1992, que conta coa colaboración do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, co obxectivo da convocatoria é honrar a vida e obra do escritor e xornalista e, asemade, coadxuvar na promoción da escrita en galego e na divulgación dos seus autores. O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra gañadora por Edicións Xerais de Galicia.
O xurado do premio composto por Armando Requeixo, Ánxela Gracián, Carmen Ferreira Boo, Héctor Cajaraville Araujo e Álex Alonso (gañador da anterior edición) reuniuse na tarde do 15 de decembro para ditaminar esta XXX edición do Premio.
Despois de deliberar o Xurado, por maioría, acordou declarar como gañadora da presente edición a novela presentada baixo o título a concurso Indolente co lema “Marco Bano”.
Acto seguido procedeuse a apertura da plica da novela premiada. O autor da obra gañadora resultou ser “Alberto Mancebo Soto”.
O xurado destacou en Indolente a capacidade para defrontarnos cos riscos dun mundo futuro de ameazas climáticas que abisman a Humanidade a unha situación límite que fai aflorar os instintos máis primarios.
Novela de narración poderosa, de desacougante escenario agónico, a súa trama crea unha hipnótica atmosfera rebordante de violencia na que os personaxes teñen que decidir inclinarse pola supervivencia solidaria ou pola loita individualista, atrapados nunha témera tormenta solar.
Inquedante, insólita e apelativa, esta historia convida a repensar o fondo da alma humana, coas súas faíscas luminosas, mais tamén coas súas miserias insondables.”
Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
María Reimóndez: “Só cando nos achegamos ao golpe podemos reaccionar”
Entrevista a María Reimóndez no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A perda dun ser querido ten un impacto emocional e vital difícil de xestionar. Furia, de María Reimóndez, presenta a perda en tres mulleres de diferentes idades, que tentan sobrevivir a ela e ao tempo axudarse. Hoxe recibe por esta novela o premio Jules Verne e por iso é a nosa convidada. A entrevista pode verse aquí.”






