A Coruña: presentación de O imposible de desatar, de Iván García Campos

O xoves 2 de decembro, a partir das 20:00 h., na sala de conferencias do Kiosko Alfonso da Coruña, preséntase O imposible de desatar, de Iván García Campos, publicado en Galaxia, novela gañadora do Premio Blanco Amor 2010. No acto, acompañando ao autor, participan Carlos Lema e Camilo Franco.

Vigo: presentación de Ángel Llanos, fotógrafo, de Xerardo González Martín

O mércores 24 de novembro, a partir das 20:00 h., na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, preséntase o libro Ángel Llanos, fotógrafo, de Xerardo González Martín, publicado por Galaxia. No acto participan Víctor Freixanes, director xeral da editorial, Mercedes Llanos, filla de Ángel Llanos, Fernando Ramos, xornalista, e o propio autor.

Moaña: exposición e recital de Pel con pel

O sábado 20 de novembro, ás 12:00 h., no Concello de Moaña (Rúa das Barxas, nº 2), comeza a exposición do II Concurso de fotografía Lactación Materna 2010, organizado por Fedegalma e a Editorial Galaxia, acompañadas por textos literarios, recollido no libro Pel con pel. No acto participan Marta Dacosta, Ledicia Costas e Eduardo Estévez.

Vigo: presentación de Futuro imperfecto, de Xulia Alonso Díaz

O venres 19 de novembro, ás 20:00 h, na Casa do Libro de Vigo, preséntase o primeiro libro de Xulia Alonso Díaz, Futuro imperfecto, publicado en Galaxia. No acto participan, coa autora, Víctor F. Freixanes, Concha Báez Montero e Margarita Viñas Neira.

Ferrol: presentación de Alén, de Xaime Quintanilla

O venres 19 de novembro, ás 12:00 h., na sala de recepcións do Concello de Ferrol, preséntase a nova edición do libro Alén, de Xaime Quintanilla, publicado por Galaxia. No acto participan Mercedes Carbajales, concelleira de Cultura de Ferrol, Xosé M. Soutullo, e Manuel F. Vieites.

Xabier López: “Podemos contar a nosa vida a través dos libros que lemos”

Entrevista a Xabier López en A Nosa Terra:
“A Nosa Terra (ANT): Os libros son a escusa do relato que titula o volume.
Xabier López (XL): O relato que lle dá título ao libro, Os libros prestados, chameino así para que o lector pensase en atoparse outra cousa ben distinta ao que logo vai ler. Os libros son só pretextos, están na periferia do asunto. E uso libros e non películas ou outros obxectos porque a liña entre literatura realista e literatura fantástica non a teño eu moi clara. Na nosa vida inflúen case máis os seres creados que os seres reais. Os símbolos crean conduta –só hai que pensar na relixión!– e por iso a literatura é tan poderosa. Podemos contar a nosa vida a través dos libros que lemos.
ANT: Cando se impoña o libro electrónico acabarase o tópico de: libro que emprestas, libro que perdes.
XL: Hai todo un futuro por escribir nese campo. Eu, persoalmente, non teño tan claro ese argumento de que o libro físico ten asegurado o porvir por ser un obxecto perfecto. O libro ocupa espazo e o espazo é algo moi valioso no noso tempo. Ademais, o concepto fetichista do aroma ou o son do papel paréceme comprensíbel pero eme alleo. Eu sempre preferín as edicións de peto ás primeiras edicións. Unha vella teima miña é o laio constante porque na edición en galego non haxa coleccións baratas.”

Vigo: presentación de Algo máis que un café. O Derby de Vigo, de Albino Mallo

O venres 12 de novembro, ás 20:00 h, no salón de actos da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, s/n. Vigo), preséntase Algo máis que un café. O Derby de Vigo. 1921-1968, de Albino Mallo, publicado en Galaxia, onde se percorre a historia deste emblemático café da cidade olívica.