Desde Galaxia:
“Reunido o xurado do Premio Illa Nova de Narrativa nas instalacións de Ámbito Cultural de El Corte Inglés; composto por Iago Fernández, Miriam Ferradáns, Karla González Miravete, Iria Morgade e Pablo J. Rañales; con Malores Villanueva como secretaria do xurado, en representación da Editorial Galaxia; decide por unanimidade outorgarlle o Premio Illa Nova de Narrativa na súa oitava edición ao texto Baixo o ceo de xeo.
Aberta a plica cos datos da obra premiada o gañador resulta ser Adrián Pérez Bote.
O xurado destacou que Baixo o ceo de xeo é unha novela moi orixinal ao facerse cargo de toda unha tradición de xéneros que explicita e que se resolve na construción dunha trama que crea un universo propio. Así mesmo, a obra participa dunha corrente xeracional de narración, xoga con moitas referencias lectoras, ao tempo que conxuga a fantasía e a ciencia ficción con mestría. A autor emprega a complexización dos subxéneros para se interrogar a construción de mundos ficcionais dunha maneira moi suxestiva.
Adrián Pérez Bote desenvolve unha escrita moi expresiva, estilísticamente moi visual e con descricións orixinais que non lle restan ao ritmo áxil que domina dende o comezo da novela. Unha narrativa madura que desenvolve un argumentario intelixente arredor de temas diversos como a empatía cara a outras sociedades oprimidas, o anticolonialismo ou a crítica social. A antropoloxía está moi presente na obra, con investigacións, reflexións e datos que enriquecen fondamente a lectura. Unha análise sociolóxica que avanza a carón dos dous personaxes principais que se constrúen con profundidade, ben caracterizados e que, novamente, mostran o dominio do autor na construción desta magnífica novela. (…)”
Arquivos da etiqueta: Editorial Galaxia
Ourense: presentación de Os segredos do bosque de Ben-Cho-Shey, de Paco López-Barxas
A Coruña: presentación de Galicia, distrito industrial. Conversas con Daniel Hermosilla, de Antón Baamonde
Vigo: actividades do 7 de xullo da Feira do Libro 2024
Vigo: actividades do 6 de xullo da Feira do Libro 2024
Pontevedra: Festa dos Libros 2024
Vigo: actividades do 5 de xullo da Feira do Libro 2024
Entrevista a Paula Carballeira sobre Ubasute
Entrevista a Paula Carballeira en Nós Televisión arredor de Ubasute:
“Hai linguas que só teñen unha palabra para o abandono, pero iso non quere dicir que non haxa diferentes maneiras de deixar para sempre algo, a alguén. Pouco importa que intentes cambiar de espazo, que creas que indo ao Xapón conseguirás afastar a culpa. Non existe un lugar no mundo onde fuxir de ti, e mesmo as pantasmas acoden cando as chamas, con poesía ou cos recordos. Ademais, no teatro, tamén as pantasmas cobran vida diante dos nosos ollos. A entrevista pode verse aquí.”
Vigo: actividades do 4 de xullo da Feira do Libro 2024
Silvia Penas: “Interesábame a palabra retrato, ten que ver coa memoria e coa idea de que é un único fragmento”
Entrevista de Laura Veiga a Silvia Penas en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Maio chegou cheo de premios para vostede, entre eles o Follas Novas por Retratos de vodas, partos e funerais; recoñecendo un poemario que vén de longo.
– Silvia Penas (SP): Efectivamente, este foi un proxecto feito a contagotas. A Orquestra Clásica de Vigo propúxome facer un proxecto escénico con eles arredor da peza Così fan tutte de Mozart. Algúns deses textos despois pasaron a formar parte do poemario. Ao poder superar a limitación que impuña a música nese proxecto hai algúns textos que mudaron, mais outros quedaron igual, como é o caso de “Emilia chorando”. Unha vez que atopei o título do poemario volveu mudar todo porque xa comecei a ter claras a organización e a estrutura que quería ter. Incluso o fío narrativo é distinto.
Con respecto ao premio, aínda me custa asimilalo, en parte porque en todos os anos que levo facendo poesía nunca estivera nin na gala nin en moitas das contornas da poesía galega. En Vigo conto con certa repercusión pola miña presenza en recitais e pola poesía escénica, mais fóra diso penso que son bastante descoñecida. Por iso tampouco me parecía posíbel chegar a ser premiada.
Agora, cando menos dentro dese contexto da poesía galega, algunhas persoas xa saberán quen son, que creo que é para o que serven este tipo de cousas: para pórnos en común as unhas coas outras. Deume mágoa non poder estar na gala, sobre todo porque quería dedicarlle o premio ao meu pai e ao meu fillo, os homes que aparecen referenciados no libro.
– ND: Cre que falta ese intercambio?
– SP: En certa maneira si, mais é normal. A AP-9 é moi cara, moverse pola Galiza é complexo. Non hai un apoio real como para que poidamos facer estes intercambios. Xa non digo que gañemos cartos, mais polo menos non gastalos. Creo que forma parte de toda unha engrenaxe complexa, porque non digo que non haxa interese. Diso si que nos sobra, o que pasa é que acabas coñecendo poetas que non viches recitar nunca. Por iso creo que este premio me sitúa máis no centro, que para o meu traballo é moi positivo. (…)”












