Santiago: Blanco Amor ou a paixón das marxes, no ciclo Galicia, ceo das letras

O sábado 11 de xuño, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, que se desenvolven na Cidade da Cultura, terá lugar esta actividade amadriñada pola AELG: Blanco Amor ou a paixón das marxes, que pretende reivindicar para Eduardo Blanco Amor o lugar que lle corresponde na nosa literatura. Blanco Amor é recoñecido como un dos nosos máis lúcidos escritores clásicos, autor dunha obra literaria completa e innovadora desde o punto de vista técnico e lingüístico, que, no entanto, non sempre foron argumentos sólidos para evitar certa marxinalidade do autor en vida. O programa é o seguinte:

12:00 | Relatorio: Bieito Iglesias. Profesor, tradutor e xornalista, é autor de novelas e relatos fundamentais no último decenio, galardoados, entre outros, co Premio García Barros, o Premio da Crítica ou o Premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil.
13:00 | Proxección audiovisual (45 minutos). Produción propia da Asociación de Escritores en Lingua Galega (A.E.L.G) que se estrea neste ciclo, como mostra da visión poliédrica dunha serie de escritores/as e estudosos/as sobre o universo literario de Blanco Amor.
Presentan: Cesáreo Sánchez Iglesias, poeta e presidente da A.E.L.G. e Mercedes Queixas Zas, profesora, ensaísta e crítica literaria, así como secretaria xeral da A.E.L.G.

– Inscricións:
• Inscrición libre e gratuíta no teléfono 881-979 010 ou na web da Cidade da Cultura, até completar aforo.
• O prazo límite para inscribirse conclúe 24 horas antes do comezo de cada sesión. O período de inscrición abrirase un mes antes da data de celebración da sesión.
• A inscrición será efectiva unha vez que a persoa solicitante reciba confirmación por parte da organización.
Para acceder ás sesións é preciso mostrar copia impresa da confirmación no punto de información da Biblioteca de Galicia.

– Visitas guiadas. As persoas inscritas poderán realizar unha visita guiada á Cidade da Cultura de Galicia unha hora antes do inicio da sesión (11:00 AM).

– A hora prevista de remate oscilará entre as 14:00 e as 14:30, dependendo da duración das actuacións artísticas. Ao concluír cada sesión servirase un viño galego por cortesía das Bodegas Martín Códax.

– Accesos á Cidade da Cultura:
•Servizo de buses lanzadeira desde o Multiusos do Sar a partir das 10:30 AM e cunha frecuencia de 10 minutos. O autocar regresará ao punto de partida ao finalizar cada sesión.

Ourense: nova edición do Roteiro literario de A esmorga

O venres 10 de decembro, a partir das 18:30 h., a Sección de Literatura do Liceo de Ourense convoca unha nova edición do Roteiro Literario de A esmorga, que terá o seu inicio no lugar de saída habitual, na Avenida de Zamora, para logo irse desprazando ao longo da cidade medieval polos mesmos espazos físicos e emotivos que percorreron os personaxes da inmortal novela de Eduardo Blanco Amor, estando nesta ocasión a lectura dos textos a cargo dos alumnos do Instituto Otero Pedrayo. O peche deste novo Roteiro farase diante da Estatua do escritor ourensán na Praza do Bispo Cesáreo, rematándo cun viño galego na Sala de Tertulia do Liceo.

A Coruña: exposicións sobre Ramón Piñeiro e Blanco Amor

Até o 26 de xullo a Casa da Cultura Salvador de Madariaga acolle dúas exposicións da editorial Galaxia: RAMÓN PIÑEIRO OLLADAS NO FUTURO, un percorrido pola vida e obra da figura a quen este ano se lle adicou o día das Letras e a A OLLADA DO DESEXO, unha mostra de fotografías de Blanco Amor, testemuñas da súa faceta de viaxeiro incansable.

Ademais, a Biblioteca de Estudos Locais organiza coincidindo co 50 aniversario da primeira edición d’A Esmorga unha mostra bibliográfica a modo de homenaxe á novela de Blanco Amor que inaugura o realismo social e marca un fito na narrativa galega contemporánea.

Novo “Roteiro da Esmorga” en Ourense

«A Sección de Literatura do Liceo de Ourense convoca unha nova edición do “Roteiro da Esmorga”, a celebrar o próximo luns 10 de decembro. O inicio do Roteiro terá lugar ás 19:30 horas no lugar de saída habitual, na Avenida de Zamora, para logo irse desprazando ao longo da cidade medieval polos mesmos espazos físicos e emotivos que percorreron os personaxes da inmortal novela de Eduardo Blanco Amor.
Nesta ocasión o peche deste novo Roteiro farase diante da estatua do escritor ourensán na Praza do Bispo Cesáreo, rematándo cun viño galego na Aula de Cultura do Liceo.» (Liceo de Ourense)

Luís González Tosar e Marcos Valcárcel participarán nunha homenaxe a Blanco-Amor en Ourense

En Ourense terá lugar o día 4 de decembro a IV Xornada de homenaxe a Eduardo Blanco-Amor. Ás 12:00 horas Luís González Tosar intervirá no acto de lembranza do autor no Cemiterio de San Francisco. Ás 17:00 horas o historiador literario Marcos Valcárcel tamén intervirá, na súa vez, diante da estatua do escritor nos Xardíns da Alameda. (P.E.N. Clube de Galicia)