Marín e Moaña: actos coa participación de Elena Gallego e Marcos Calveiro

O sábado 14 de maio, ás 19:30 horas, no marco da I Mostra das Letras e das Artes de Marín, Elena Gallego Abad asinará exemplares da súas obras, mentres que, no mesmo evento, o domingo 15 de maio, ás 18:00 horas, Marcos Calveiro fará o mesmo con exemplares das súas obras.
O domingo día 15 Elena Gallego actuará como pregoeira na VII edición da Mostra de Arte na Illa de Moaña, e, posteriormente, asinará exemplares dos seus libros.

Cangas: presentación de Dragal II, de Elena Gallego

O mércores 4 de maio, ás 20:00 h., na sede da Federación de Comerciantes do Morrazo FECIMO (Avenida de Vigo, 91 baixo) de Cangas, preséntase o libro Dragal II. A metamorfose do dragón, de Elena Gallego Abad, publicado en Xerais. No acto acompañarán á autora Xosé Bangueses e Helena Pérez.

Elena Gallego: “Quería facer unha novela que afondase nas raíces galegas e que xogase coa maxia e a alquimia que agochan”

Entrevista a Elena Gallego en Galiciaé:
“- Galiciaé (G): Vostede é xornalista. Que lle moveu a escribir un libro?
– Elena Gallego (EG): Desde moi cativa sempre tiven o soño de escribir, de feito fíxenme xornalista porque me gustaba escribir, a radio, o xornalismo… Teño que confesar que o primeiro libro escribino con doce anos pero é infumable. A miña nai gardouno nun caixón, aínda mo deu hai pouco e non fun capaz de abrilo porque as cousas que se fan con doce anos, evidentemente non dan moito de si. Cando xurdiu Dragal xa tiña algunha cousiña pero esta en concreto xurdiu porque teño un fillo, que tiña daquela quince anos e a habitación chea de dragóns. Aparte diso, era un rapaz ao que non lle gustaba ler e comezou a collerlle gusto á lectura con novelas fantásticas do estilo de Harry Potter. Chega un momento no que ti dis ”é unha pena que estas cousas que está lendo sexan de fóra”. Entón empecei coa historia: un rapaz de dezaseis anos que está na aula do instituto. Mira pola fiestra e na portada dunha igrexa románica que hai enfronte ve que unha das figuras, que é un dragón, chíscalle un ollo. A partir de aí empecei a imaxinarme que acontecería se ese dragón se reencarnase, que Hadrián chegase a converterse no dragón. É un rapaz dun pobo, dunha aldea da costa galega e un dragón cunha profecía de 2000 anos de existencia agochado nun templo románico. (…)
– G: Por que escolliches contar a historia de Dragal nunha triloxía?
– EG: Non pensaba que ía ser unha triloxía, non escribín Dragal cun guión previo. Empecei por facer unha cousa curta e foi collendo vida. Claro, cando rematei a primeira novela quedaban moitas cousas por contar, rematas un libro de 265 páxinas e tes que seguir. Pero non podes seguir cun libro de 700, entón chega un momento no que teñen que ser tres. Non é que fixera algo adrede por alongalo nin porque estea de moda que sexa unha triloxía. As propias personaxes foron facendo un pouco o que eles querían. Empezou sendo unha historia moi sinxela para demostrar que se poden facer historias moi interesantes en galego e empezou a medrar ela soa.”

Bookcrossing con Dragal, de Elena Gallego

O aeroporto Charles de Gaulle de París, a cidade de Beijing e o porto xaponés de Kyoshu son algúns dos lugares elixidos pola escritora Elena Gallego para ceibar senllos exemplares da súa novela Dragal, a herdanza do dragón, editada por Xerais. A andaina dos libros, rexistrados e ceibados coas etiquetas de bookcrossing números: 178-8134411 Aeroporto Vigo 24 xullo, 194-8188676 Aeroporto Charles de Gaulle-París 24 xullo, 198-8128827 Beijing- 25 de xullo e 518-8129916 Porto de Kyoshu, illa de Fukuoka, Xapón 1 agosto, poderá seguirse a través da web internacional de Bookcrossing. A autora tamén abriu un espazo bookcrossing na web da novela, na que aquelas persoas que atopen os libros ceibados nesta novidosa experiencia poidan subir cometarios e  fotos.

Cangas: presentación de Un home impuntual, de Pepe Cáccamo e sinatura de exemplares de Dragal, de Elena Gallego

O xoves 22 de xullo ás 19:00 h., dentro da Feira do Libro de Cangas, Elena Gallego asinará exemplares da súa novela Dragal, publicada por Edicións Xerais.
O mesmo día, ás 20:30 horas, Pepe Cáccamo presentará Un home impuntual, publicado en Galaxia, acompañado por Francisco Castro e Manuel Pizcueta.
Ás 21:00 horas, Camiño Noia presenta Catálogo tipolóxico do conto galego de tradición oral, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo.

Vigo: Rosa Aneiros asina exemplares da súa obra e presentación de Dragal, de Elena Gallego

Este luns 5 de xullo, no marco da Feira do Libro de Vigo, Rosa Aneiros asinará exemplares de Sol de Inverno, Ás de bolboreta e do resto da súa obra, a partir das 19:00 horas.
A partir das 19:30 horas, preséntase a novela Dragal, de Elena Gallego, publicada por Edicións Xerais. No acto acompañará á autora Manuel Bragado.

Edicións Xerais na Feira do libro de Ourense

Día 29, sábado
13:00 horas
Teresa Moure dará o pregón da Feira do Libro de Ourense, na Praza do Bispo Cesáreo.

19:00 horas
Elena Gallego asinará exemplares da súa novela Dragal.

20:30 horas
Presentación da novela A intervención de Teresa Moure.