A Deputación de Pontevedra pon en valor o galego como “identidade do país” na conmemoración do Día das Letras Galegas 2020

Desde a Deputación de Pontevedra:
“A área de Patrimonio e Lingua da Deputación de Pontevedra conmemora este ano as Letras Galegas baixo o lema “A nosa lingua é a nosa identidade”, poñendo en valor o galego como “parte de toda a nosa vida, do ser de Galicia como país”. Durante toda esta semana a institución provincial, por iniciativa da área da deputada María Ortega, desenvolverá unha campaña promocional realizada en colaboración coa Asociaciación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) que consistirá na difusión de 24 vídeos de autores e autoras da provincia lendo fragmentos de diferentes obras de Carvalho Calero que elas e eles mesmos escolleron.
Ortega destaca que a Deputación decidiu levar adiante a campaña a pesar de que os actos oficiais e presenciais das Letras Galegas 2020 non terán lugar o 17 de maio, senón que se adiarán ata outubro debido á crise sanitaria da COVID-19. A nacionalista explica que a Deputación traballa pola defensa e a posta en valor do idioma propio ao longo de todo o ano con accións continuadas e colaboracións con entidades, polo que afirma que manterá esa liña e as axudas a concellos e entidades, actividades e outras iniciativas, ademais de programar eventos nas datas máis sinaladas do calendario. “O Día das Letras non só é un día no ano, para nós son os 365 días“, remarcou.
Ortega salientou a importancia de que as institucións sexan activas desde todos os ámbitos para promocionar e poñer en valor o galego como “parte de toda a nosa vida e do ser de Galicia como país”. Destacou o reto de facer chegar o galego a persoas novas e neofalantes para que utilicen en todos os eidos da súa vida, tanto para a promoción da cultura propia coma no ensino, a ciencia, a economía ou o ámbito sanitario, tan en boga estes días.
Homenaxe a Carvalho Calero
A campaña que lanza a Deputación supón unha homenaxe a Carvalho Calero posta en boca de compañeiras e compañeiros do seu propio gremio. As redes sociais e a páxina web da Deputación difundirán ata o vindeiro domingo 17 de maio 24 vídeos nos que escritoras e escritores da provincia de Pontevedra lerán pequenos fragmentos de obras de todo tipo do creador ferrolán.
As e os autores participantes serán Fina Casalderrey, Carlos Taboada, María Xosé Porteiro, Miguel Anxo Alonso, Eva Mejuto, Rafael Fernández Lorenzo, Miriam Ferradáns, Ramón Caride, Tamara Andrés, Xurxo Esquío, Montse Fajardo, Xosé Luna, Susana Sanches Arins, Xosé Daniel Costas, Lucía Novas, Álex Alonso, Iria Misa, Cruz Martínez, Nee Barros, Ramón Nicolás, Macamen Alonso, Marta Dacosta e Elena Gallego Abad. A deputada María Ortega agradeceulles a todas e todos eles a súa colaboración na iniciativa e o seu traballo a prol da lingua.”

Elena Gallego Abad le un fragmento de Dragal III. A fraternidade do dragón

Desde a AELG recollemos a lectura dun fragmento de Dragal III. A fraternidade do dragón por parte da súa autora, Elena Gallego Abad, no marco da iniciativa #envozpropia de Edicións Xerais, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.

Elena Gallego Abad le un fragmento de Sete Caveiras

Desde a AELG recollemos a lectura dun fragmento de Sete Caveiras por parte da súa autora, Elena Gallego Abad, no marco da iniciativa Lecturas fuxidas da Libraría Pedreira, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.

“Catro títulos de Xerais para abrirlle a porta á lectura en galego”

Desde Xerais:
“A fin de facilitar algunhas lecturas en galego que abran portas nestes días complicados, Xerais pon a disposición das familias e do profesorado catro títulos de literatura infantil e xuvenil (un por idade). Son catro atractivos títulos que lles ofrecemos ás lectoras e lectores e aos que se pode acceder en rede a través da plataforma ISSUU. Un encantador libro para primeiros lectores/as do Hematocrítico; unha historia da entrañable personaxe Leopolda Diéguez, de Teresa González Costa, para lectorado a partir dos 8 anos; un orixinal e divertido libro de poemas de Antón Cortizas e unha das atractivas novelas da serie Dragal, de Elena Gallego Abad, para público xuvenil, conforman esta iniciativa que se desenvolve baixo as etiquetas #Ábrelleaportaálectura, #Lenacasa, #Euleoengalego #Quedanacasa.

Feliz feroz El Hematocrítico, a partir de 6 anos.
https://issuu.com/edicionsxeraisdegalicia/docs/feliz_feroz_o_lobo_riquinho_ok

Fred Quincalla, o nómade do mar, Teresa González Costa, a partir de 8 anos
https://issuu.com/edicionsxeraisdegalicia/docs/fred_quincalla_o_nomade_do_mar

Vaia tropa, Antón Cortizas, a partir de 9 anos
https://issuu.com/edicionsxeraisdegalicia/docs/vaia_tropa_anton_cortizas

Dragal IV. A estirpe do dragón, Elena Gallego Abad, xuvenil
https://issuu.com/edicionsxeraisdegalicia/docs/dragal_iv_a_estirpe_do_dragon

Pontevedra: diálogo arredor de Dragal V. O segredo do dragón, de Elena Gallego Abad

O 13 de decembro, ás 20:00 horas, no Espazo Nemonon (Edificio Villa Pilar, rúa do Marqués de Riestra, 11, 1º), en Pontevedra, terá lugar un diálogo arredor da novela Dragal V. O segredo do dragón, de Elena Gallego Abad, última entrega da saga Dragal publicada por Xerais. No acto, organizado polo Ateneo de Pontevedra, a autora estará acompañada por Anxo González Guerra.

Crónica fotográfica do Paseo pola Pontevedra Literaria con Elena Gallego Abad

Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Pontevedra Literaria con Elena Gallego Abad, celebrado o pasado 26 de outubro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (fotografías realizadas por Era Comunicación).

Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2019: Elena Gallego Abad, o 26 de outubro

Os Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2019 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.
Todos os Paseos comezarán ás 11:30 h.
Para se inscribir é necesario enviar os seus datos (nome completo, enderezo e correo electrónico) a pontevedraliteraria@gmail.com e indicar a que paseos queren apuntarse. A inscrición farase por orde de chegada ao correo electrónico. Prazas limitadas: 50 persoas.

Sábado 26 de outubro
Pontevedra Dragaliana. Dragóns e recunchos máxicos na Pontevedra vella.
Con Elena Gallego Abad.

Elena Gallego Abad publica a quinta entrega de Dragal

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Comezamos semana falando de literatura e dragóns. Dragóns que existen na nosa tradición e en moitas lendas galegas. Elena Gallego é a autora da saga Dragal, que chega a súa quinta entrega editada por Xerais.
Nalgún lugar da costa galega os dragalianos exploran os seus poderes. Híbridos entre humanos e dragóns, invisibles ao ollo humano durante milenios…poderán eludir a tecnoloxía do século XXI?
Mentres o cabaleiro alquimista ensaia a fórmula que garantirá a supervivencia da estirpe, as damas da Fraternidade alíanse para protexer a xestación dunha nova criatura.
Pero os inimigos do dragón non descansan: o achado dun pergamiño que desvela a existencia das catacumbas pode supor un desastre.
Dragal V explora os límites entre realidade e ficción científica para conquistar novos e vellos lectores. “Só quen se mergulle no sangue da lúa descubrirá o segredo do dragón”.
A entrevista pode escoitarse aquí.”

Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2019: Adolfo Caamaño, o 5 de outubro

Os Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2019 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.
Todos os Paseos comezarán ás 11:30 h.
Para se inscribir é necesario enviar os seus datos (nome completo, enderezo e correo electrónico) a pontevedraliteraria@gmail.com e indicar a que paseos queren apuntarse. A inscrición farase por orde de chegada ao correo electrónico. Prazas limitadas: 50 persoas.

Sábado 5 de outubro
Poden o escritor e a literatura modular sentimentalmente a cidade?
Con Adolfo Caamaño.

Sábado 19 de outubro
A cidade imaxinada: unha memoria familiar
Con MN Soutelo.

Sábado 26 de outubro
Pontevedra Dragaliana. Dragóns e recunchos máxicos na Pontevedra vella.
Con Elena Gallego Abad.