A AELG celebra en Lugo o I Encontro de Novas Voces, con Xesús Fraga e Yolanda Castaño, no marco do EnRedando co Galego 2022

A AELG celebra en Lugo o I Encontro de Novas Voces, con Xesús Fraga e Yolanda Castaño, no marco do EnRedando co Galego 2022, en colaboración coa Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Ao abeiro de EnRedando co Galego 2022, o 14 de xuño celebrarase no Centro Cultural Vello Cárcere o I Encontro de Novas Voces, onde o alumnado premiado e varias autoras e autores adolescentes da provincia terá oportunidade de coñecer a dúas destacadas autoras galegas da narrativa e a poesía, indagando na técnica da creación literaria. O Premio Nacional de Literatura, Xesús Fraga, e unha das poetas de maior traxectoria internacional, Yolanda Castaño, compartirán a xornada do martes 14 de xuño no Vello Cárcere de Lugo con algo máis de vinte rapazas e rapaces de Lugo, Vilalba e Mondoñedo.

De entre os centos de rapazas e rapazas participantes, chegan a este I Encontro de Novas Voces aquelas novas autoras e autores máis destacadas, quen poderán coñecer de primeira man o universo literario, as influencias e algunhas dinámicas de traballo que poden favorecer a creación literaria a través de dous obradoiros con Xesús Fraga e Yolanda Castaño. A actividade está coordinada por Lois Pérez e Antonio Reigosa, en colaboración con profesorado dos centros participantes e do resto da provincia.

Pola mañá será a quenda do autor de Virtudes (e misterios), Premio Nacional de Narrativa, quen introducirá as participantes nalgunhas das claves que poden axudar á creación literaria. Pola tarde, Yolanda Castaño, quen acaba de publicar un novo libro de poemas, Materia, achegará os novos talentos ao seu universo poético e compartirá algunhas das súas experiencias como escritora.

O I Encontro de Novas Voces pretende promover un espazo de intercambio, coñecemento e diálogo entre as novas autoras e autores da provincia, poñéndoos en contacto con experiencias e actividades que poidan contribuír ao desenvolvemento da súa actividade literaria.

Esta é a imaxe que lucirán autoras/es e participantes no portadistintivo da actividade.