Andrés Torres Queiruga: “O compromiso de Encrucillada co galego é incondicional”

Entrevista a Andrés Torres Queiruga na Real Academia Galega:
“- Real Academia Galega (RAG): Encrucillada naceu, como se explica no limiar da monografía, para tender pontes entre o cristianismo e a cultura galega. E fíxoo nun momento complexo, pouco despois da morte do ditador Francisco Franco. Como lembra aquel contexto?
– Andrés Torres Queiruga (ATQ): Era toda unha encrucillada, como di o nome da revista. Naceu, en primeiro lugar, nun momento en que estaba aí o pulo do Concilio Vaticano II, que renovou a conciencia relixiosa na humanidade buscando unha sintonía coa cultura e coas necesidades máis fundamentais dos seres humanos. Por outra banda, estaba tamén o descubrimento, ou redescubrimento, do galeguismo por unha parte máis aberta da Igrexa con persoas da miña xeración, unhas formadas en Salamanca e outras en Santiago de Compostela. E por último, estaba detrás a Revolución do 68 e a revolución política en España. Todo iso confluíu no intento de crear unha revista que respondera a unha visión cristiá desta nova situación, buscando ante todo un cristianismo renovado e encarnado en Galicia. (…)
– RAG: Con estes obxectivos, queda claro que Encrucillada tiña que ser unha revista en galego, non?
– ATQ: Si, iso tamén era evidente. Se cremos nunha relixión que convive coa cultura dun país tamén debe estar escrita no idioma dese país. Isto era para nós prioritario e, de feito, mantivémolo contra vento e marea.
– RAG: Segue sendo hoxe unha reivindicación, a do uso da lingua galega na Igrexa católica, que cómpre repetir?
– ATQ: Sen dúbida. Naquel momento a Igrexa en conxunto, e agora falo da galega, estaba máis viva do que está hoxe, había máis receptividade. Hoxe na Igrexa a mentalidade galega está máis estendida, pero hai menos entusiasmo, a xerarquía desentendeuse disto e segue claramente desentendida. Polo tanto, esta necesidade [de uso do idioma galego] seguímola sentindo posiblemente con máis intensidade ca daquela.
– RAG: A monografía presentada o venres na Academia é boa proba dese carácter plural nos temas abordados por Encrucillada do que falabamos. Que imos atopar nas súas páxinas?
– ATQ: O primeiro tomo recompila os artigos publicados en Encrucillada sobre os autores homenaxeados no Día das Letras Galegas desde o nacemento da revista (desde López Ferreiro a Carlos Casares) e o segundo xunta outros artigos sobre autores galegos. Cremos que é unha achega moi bonita á nosa cultura e que merece unha presentación solemne na Academia, dado o noso compromiso incondicional coa lingua e o noso recoñecemento ao labor que está facendo a RAG.”

Santiago: XXVII Foro Encrucillada: Ciencia e fe, o diálogo necesario

O sábado 27 de outubro, no Salón Obradoiro do Pazo de Congresos (Barrio de San Lázaro) de Santiago de Compostela, terá lugar o XXVII Foro Encrucillada, baixo o título Ciencia e fe, o diálogo necesario. O horario é o seguinte:
10:15 h. Presentación, por Ramón Cao.
10:30 h. Andrés Torres Queiruga introducirá o diálogo relixión-ciencia.
12:30 h. Carlos Pajares Vales falará de cosmoloxía e fin do mundo.
16:00 h. Presentación de libros.
16:30 h. Camino Cañón Loyes falará de novos ateísmos.
18:30 h. Celebración-oración homenaxe a Bernardo García Cendán. Preparada por Victorino Pérez Prieto.
19:00 h. Remate.

Santiago: Foro Encrucillada, Repensar a Teoloxía. Recuperar o cristianismo, en homenaxe a Andrés Torres Queiruga

A revista Encrucillada homenaxea ao escritor Andrés Torres Queiruga, un dos teólogos galegos con máis peso no mundo católico celebrando nos vindeiros 28, 29 e 30 de outubro o seu tradicional Foro de Relixión e Cultura (que celebra a súa XXV edición) en Santiago de Compostela. Nesta edición, Encrucillada quere render, tamén, unha homenaxe ao seu antigo director, Torres Queiruga, quen se xubila este mesmo ano, pasando a ser profesor emérito da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago. Participarán nesta homenaxe compañeiros e escritores como Victorino Pérez Prieto, Xesús Ferro Ruibal ou Xosé Luís Barreiro Barreiro. O programa e emprazamentos pódense descargar neste enlace.

Presentación d’ “Os ríos pasan cheos de Deus”, de Victorino Pérez

Os ríos pasan cheos de Deus é unha antoloxía da poesía relixiosa en galego que inclúe unha importante representación da poesía portuguesa nos Séculos Escuros en Galiza. lnclúe tamén unha longa introducción sobre o que o autor entende por poesía relixiosa e a súa presenza na literatura galega. Prólogo de Xesús Portas.
A presentación será no marco excepcional dos 30 anos da revista Encrucillada, o próximo venres 23 de Marzo ás 19 h. no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, Santiago de Compostela). Tras das palabras de Andrés Torres Queiruga e o relatorio de Ramón Villares Paz polo evento de Encrucillada, presentarán o libro a nova directora de Toxosoutos, Xesús Portas Ferro e mais o autor.