“Non outra novela máis sobre a Guerra Civil”, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Dá a sensación, cando falamos da Guerra Civil española, que xa todo está escrito e que nada queda por levar ao papel. Que dalgún xeito todo o de irresoluto que ficou atrás do conflito está a pairar fisicamente sobre a nosa realidade mais que na cuestión literaria a tinta xa ten secado como o sangue en cicatrices vellas. Pero tamén dá a sensación de que só a tinta masculina ten contribuído a esta teima de sanación. Son moitas e moi boas as liñas que se concentraron a falar do conflito (sen contar con lateralidades, marxinalidades, tanxencialidades, testemuños, alegorías e derivativos que ten dado a guerra e as súas consecuencias), mais, canto hai de feminino na escrita, ben de ficción ben testemuñal, da Guerra Civil? (…)
Ocorre igual en Galiza, hai esta escaseza? Podemos dicir que, na ficción narrativa e en masculino, si. É abondosa a narrativa escrita por homes que andou a refollar no antes-durante-despois da Guerra Civil. Outra cousa diferente é a memoria e aquí poderiamos rescatar a prosa testemuñal de Syra Alonso nos seus Diarios ou de Mariví Villaverde en Tres tempos e a esperanza (Colección Mulleres, A Nosa Terra), Residente Privilexiada de María Casares (Trifolium).
Na ficción narrativa a guerra ou o período de represión e loita antifranquista posterior é un algo de esguello en Atracción total de Carmen Blanco (Xerais), Seique de Susana S. Arins (Através editora) e As mans da terra de Laura Rey Pasandín (Toxosoutos). Memoria de cidades sen luz de Inma López Silva (Galaxia) e, para crianzas, A sombra descalza de An Alfaya e Tristes armas, de Marina Mayoral (Xerais).
Seguen as sensacións cando pensamos en cal sería, daquela, o papel da muller no momento do conflito: gardar a casa, gardar a apariencia, gardar os fillos, a leira, o gando (se é que era muller do rural), gardar os segredos, gardar a memoria. E por que, se tan enorme era a súa función, non se detivo a literatura a falar do lugar das mulleres durante a guerra, e o seu foco está no masculino só, a omnisciencia narrativa dá en seguir escapados polo monte, agochados nos tobos, presos nas cadeas ou soldados na fronte? Non quero determe a falar das mulleres que teñen pasado polas obras desta temática da man de Fernández Ferreiro, Rivas, Riveiro Coello, pois a miña teima é buscar a voz feminina retratándose a si mesma nun determinado momento e lugar.
Por iso é xusto dar a benvida a novelas como Escapados, de María del Carmen Rey Núñez, que ten na editorial Toxosoutos a súa estrea como autora. De Mazaricos e do 61, Rey Núñez non se axusta con fidelidade á etiqueta de “outra novela máis sobre a Guerra Civil” que adoitamos saloucar cando temos nas mans outra obra máis destas características. Enumerar as carencias é o que ten, que ficamos a escoitar o que se nos conta e se, por engadir atractivo, isto o fai unha voz absolutamente descoñecida e que desde a contracapa do seu libro continúa a nutrir o misterio do case anonimato, imos ter que adicarlle horas ás case catrocentas páxinas de Escapados. (…)”