Delas é o reino perdido

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebra a atinada decisión da Real Academia Galega de dedicarlle o Día das Letras Galegas de 2025 ás cantareiras e á poesía popular oral, toda vez que a nosa asociación leva moitos anos contribuíndo modestamente, na medida das súas posibilidades, á posta en valor e visibilidade desta importante manifestación da nosa literatura de tradición oral. Esta escolla constitúe, ao noso ver, unha oportunidade de repensar a concepción da creación literaria como tal, ampliando os seus marcos e expandíndoa a outras voces que lle dan forma á nosa psicoxeografía nacional e colectiva, actualizando a valiosa proposta do Día das Letras Galegas, formulada en 1963. Ao tempo, continúa con bo criterio a reivindicar e situar no centro as achegas fundamentais das mulleres á nosa literatura.


As coplas e cantigas da tradición oral galega agromaron espontaneamente nas fendas do capital, alleas a circuíto ningún, apegadas á vida cotiá, en delicados ecosistemas que teñen a súa cerna maiormente no rural. A palabra é un lume sen dono. O tempo, unha tristeza sen nome. E o canto, na tradición oral, axúdanos a sentir que vencemos o paso do tempo. Porque coa palabra cantada centramos a mirada sobre o mundo e dámoslle un sentido que non ten por si só. Ela é a gran broma bufa e abstracta que as persoas temos para burlármonos dos padecementos e da morte. E o canto aparece así naqueles espazos tradicionalmente considerados profanos á creación literaria, maiormente da man das mulleres das clases subalternas: na fin dun labor ou no seu descanso, nun fiadeiro, nunha feira, nunha romaría. Ou recollendo as redes do mar, traballando nunha conserveira ou entre as sabas molladas e o arrecendo a xabón dun lavadoiro… Está inscrito na vida e acompañou e acompaña o noso tránsito por ela.


Neste camiño conxunto a AELG vén desenvolvendo de xeito regular a través da súa Sección de Literatura de Tradición Oral –creada en 2007– diversos proxectos e iniciativas encamiñadas a recoller, conservar e divulgar a poesía popular oral e o noso patrimonio inmaterial. Un valioso traballo participado por un nutrido grupo de persoas, entre as que emerxen de maneira especial Antonio Reigosa e Isidro Novo, gravado e transcrito, dispoñíbel integramente na web da AELG. Testemuños impagábeis da xente maior dos lugares en todos os recunchos do país, dende o Baixo Miño á Mariña Lucense, dende a montaña de Ourense á Costa da Morte a través das Polafías, sesións de recollida oral abertas ao público; das Xornadas de tradición oral (polas que levan desfilado especialistas nas coplas, no Cancioneiro, nos roles da muller na tradición oral…) e que, dende hai 16 anos, se veñen celebrando puntualmente en Lugo e das que se derivan outros tantos libros de Actas dispoñíbeis na nosa web; da Gala dos Mestres e Mestras da Memoria, que distinguiu ao longo dos anos a cantareiras como Dolores Macías Pose (Mestra da Memoria 2010), Elba Requeijo Barro (Mestra da Memoria 2014), as Pandereteiras da Alén (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos, Mestras da Memoria 2017), as burelenses Batuko Tabanka (Mestras da Memoria 2020), Teresa dos Cucos (Mestra da Memoria 2021), musicólogas fundamentais como Dorothé Schubarth (Mestra da Memoria 2019) ou poetas populares como Luz Fandiño (Mestra da Memoria 2018). Tamén, a través doutras actividades como os Faladoiros, a Escola de Narración Oral, A Letra das Festas e unha inxente serie de publicacións e unidades didácticas.


As coplas e cantigas das cantareiras, que celebraremos nestas Letras Galegas de 2025, conteñen, si, unha intención informativa: a contemplación da paisaxe, a evocación dun amor ou unha amizade, un conflito, unha mágoa, unha chanza ou unha perda, unha inesperada ledicia… Pero non só. É o relato da complexidade dos sentimentos e as relacións humanas, afiado pola tensión musical que contén o canto, a harpa do vento. Moitas destas pezas, por desgraza, perdéronse. Pero afortunadamente consérvanse moitas outras, transmitidas a través de varias xeracións de mulleres. Trátase, daquela, dun acto consciente, colectivista e xeneroso, aberto e plural. Elas subliman o seu carácter casual, transcéndeno e adquiren tamén categoría literaria e artística. Pasan a incorporarse entón ao inconsciente colectivo e fixan parte da identidade dun pobo. Transitan así da tradición oral ao que Malraux, segundo Deleuze, define esencialmente como arte. O que resiste o paso do tempo.


Delas é, como no Romance de Gerinaldo recollido por Dorothé e que cantaba a Concepción do Courel, o reino perdido.

Cantemos.

Lois Pérez, Vogal de Literatura de Tradición Oral.

Cesáreo Sánchez, presidente, en representación do Consello Directivo.

Lugo: obradoiro de narración oral impartido por Antonio Reigosa e Isidro Novo

O martes 25 de setembro inícianse as actividades da Escola de Narración Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co Obradoiro 1º ciclo: Iniciación á narración oral. Os datos son os seguintes:
OrganizaSección de Literatura de Tradición Oral da AELG.
Patrocina: Concellaría de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
Lugar: Centro Social Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros).
Duración: 26 horas.
Sesións: 13 sesións semanais de 2 horas cada unha.
Imparten: Isidro Novo (6 sesións), Antonio Reigosa (6 sesións) e Celso Fernández Sanmartín (1 sesión).
Participantes: 18 (maiores de 15 anos).
Calendario: os martes 25 de setembro, 2, 9, 16, 23 e 30 de outubro, 6, 13, 20, 27 de novembro, 4, 11 e 18 de decembro de 2012.
Horario: de 18:00 a 20:00 horas.

Contidos
– A comunicación oral.
– Linguaxes non verbais.
– A lingua oral.
– Xéneros orais.
– A cultura tradicional e a oralidade.
– As novas formas de cultura e a comunicación oral:

  • Oralidade e TIC.
  • Repenteismo, rap e outros xéneros de improvisación.

– Discurso oral.
– Memoria, historia e fonte oral.
– As historias de vida.
– Destreza oral.
– A literatura oral: Xéneros.
– A lectura en voz alta.
– As lecturas colectivas.
– Palabras con memoria.

Lugo: presentación da Escola de Narración Oral da AELG

O luns 25 de xuño, ás 20:00 horas, na Praza de Ánxel Fernández López (detrás da Casa do Concello de Lugo), preséntase a Escola de Narración Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que botará a andar coa colaboración da Concellaría de Cultura, Turismo e Promoción da lingua do Concello de Lugo. Contará coa presenza de Antón Bao, concelleiro, Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Antonio Reigosa, vogal e coordinador da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG. Ao remate do acto, o Grupo Palimoco Teatro representará un fragmento de Queres que cho conte?, proxecto de dramatización do conto popular tradicional.
O primeiro dos obradoiros de narración oral terá lugar na cidade de Lugo, no Centro Social Municipal Uxío Novoneyra, entre setembro e decembro deste ano, impartido por Antonio Reigosa e Isidro Novo. O prazo de inscrición ábrese o mércores 27 de xuño e a solicitude realizarase no Edificio Administrativo do Concello de Lugo (Ronda da Muralla, s/n). Pode descargar aquí o modelo de solicitude. O obradoiro, gratuíto, está dirixido a persoas de máis de 15 anos.

Deixamos aquí este vídeo co acto da presentación: