A Coruña: acto de asignación do nome do poeta palestino Mahmud Darwix a unha aula da Escola Oficial de Idiomas

O mércores 15 de maio, ás 18:30, na Escola Oficial de Idiomas (Rúa Pepín Rivero, 1) da Coruña, descubrirase a placa que dá o nome do poeta palestino Mahmud Darwix á aula 21 da EOI, nunha iniciativa conxunta do Departamento de Árabe da E. O. I. da Coruña e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). O acto contará coa presenza de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e de Celeste Seoane Míguez, Xefa do Departamento de Árabe da Escola Oficial de Idiomas da Coruña, e no mesmo contarase cun recitado da poeta Yolanda Castaño.
Mahmud Darwix estivo en Galicia no ano 2006 para recibir o Premio da AELG Escritor Galego Universal na súa primeira edición.

Nado en Birwa, aldea de Galilea (Palestina), pasa alí a súa infancia até 1948, data en que a súa familia é forzada ao exilio no Líbano. Cando os seus pais tentan retornar a ela é para constatar que a súa aldea foi destruída e substituída por unha colonia xudaica. Diríxense entón para Dayral-Assad, onde viviron en semiclandestinidade.
Este home, que non pertenceu a ningún partido político, que venerou a patria, tornouse o portavoz de todo un pobo, alén do seu mellor representante no mundo.
Foi o fundador e director dunha das principais revistas literarias árabes, Al-Karmel, cuxos arquivos foron destruídos polo exército israelí, no cerco a Ramallah.
Mahmud Darwix é un dos máis grandes poetas árabes contemporáneos. Soubo mesturar a beleza do verbo e a profundidade do sentido. Soubo describir o sufrimento palestino, mais tamén a determinación do seu pobo a opoñerse, sobrevivir, ser. Recoñecido como a voz da Palestina, a súa pluma soubo deseñar o contorno dos soños e as aspiracións do pobo palestino.
Os seus poemas cruzaron rapidamente as fronteiras palestinas. O poema “Identidade” converteuse nun himno cantado en todos os países árabes. É coñecida a intensidade da súa poesía, constantemente preocupada pola exploración das posibilidades rítmicas e melódicas da lingua árabe. Do mesmo modo, coñecedor da lingua hebrea, a súa poesía alberga constantes referencias á Biblia, ao Corán ou Exipto, e apréciase unha notábel carga simbólica e unha fundamental preocupación estética. Este poeta tendeu coa súa obra pontes entre ámbitos culturais de diversa natureza que habitualmente permanecen arredados uns doutros.
Soubo cantar o amor, a resistencia, o sufrimento e a esperanza, e resumirá en 2002, durante a segunda Intifada, a capacidade de resistencia dos palestinos con estas palabras: «Sufrimos dun mal incurábel que se chama esperanza.»
Faleceu o 9 de agosto de 2008.

A Coruña: presentación pública da asignación do nome do poeta palestino Mahmud Darwix a unha aula da Escola Oficial de Idiomas da Coruña

O luns 13 de maio, ás 12:00, na Libraría Nova Colón (Rúa Olmos, 9), da Coruña, preséntase publicamente a asignación do nome do poeta palestino Mahmud Darwix a unha aula da Escola Oficial de Idiomas da Coruña, nunha iniciativa conxunta do Departamento de Árabe da E. O. I. da Coruña e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). O acto contará coa presenza de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e de Celeste Seoane Míguez, Xefa do Departamento de Árabe da Escola Oficial de Idiomas da Coruña.