A Coruña: conferencia de Fran Cortegoso: O lugar do corvo, no ciclo Escrita(s)

O venres Escrita(s)15 de abril, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, continúa o “Ciclo Escritas 2011 Sargadelos“, que, baixo o título de “Circunvolucións”, consiste nunha serie de charlas na que se abordará a experiencia que coa(s) escrita(s) manteñen diversos autores, tratando de atravesar a partir das diferentes liñas de universo dos/das conferenciantes/conferenciantas a proliferación das inscricións que fan con nós comunidade. Nesta terceira charla, Fran Cortegoso falará sobre O lugar do corvo: “O corvo como símbolo da morte é aparición última da vida. Só lucubramos a morte a través da alteridade. É inexistencia do ser, e inexistencia mesma é. Así é o corvo síntese de vida, de proceso concluso, e por tanto de recordación, de percurso vital como histórico e relato. O corvo como símbolo dun proceso estético e ético.”

A Coruña: ciclo “escrita(s)” da Galería Sargadelos

«Continua o ciclo escrita(s) interesado en pensar as relacións que se dan na producción de textos. Seguimos logo interesados na difereza e na repetición, nas liñas de forza que patentizan os rastros, as marcas, os restos. Así as cousas nesta quenda de paroladas faremos especial fincapé en como todos estas marcas e liñas de forza sempre heteroxéneas chegan no trato co outro.

Callar se cabe diagramas para unha vez pesado o impacto violento do outro, pensalo sen usura. Entón a partir das achegas de X. Carlos Hidalgo (Visita ao Panteón Tipográfico), José Manuel Sande (A viaxe do comediante), Leo Arremecághona (Pan! Pan!! Punk!!!), Gonzalo Hermo (Palabras que mancan:
sensibilidade masoquista e poesía-Outra), Paula Pérez (Sete horas antes), Rubén Centeno (Rostos do desejo em guerra: umha leitura política e bastarda de Jean Genet.) e David Castro (Obradoiro obxetor.) falar das múltiples permeabilidades pero tamén das múltiples oclusións que se dan na relación co outro.

A Galería Sargadelos da Coruña convócavos a todos/as a participar no ciclo de charlas que se desenvolverán entre o 23 de abril e o 17 de xuño as 20:00. Terán
lugar na sala da Rúa Real 56, ás 20:00 h.»

A Coruña: remata o ciclo Escrita(s) na Galería Sargadelos

Remata o ciclo Escrita(s) coa mesa De corpos e palabras. Tendencias escénicas para o século XXI. 20 anos de teatro contemporáneo na Galiza (1989-2009) na que intervirá o escritor Roi Vidal Ponte. As características que definen a estética contemporánea no teatro occidental e como esta estética ten ou non repercusión, aceptación e seguimento nas compañías e públicos do sistema teatral galego serán algunhas das cuestións que se aborden. Será na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) mañá xoves 18 de xuño a partir das 20:00.

A Coruña: Rober Bass&Leo no ciclo Escrita(s)

Mañá xoves 11 de xuño ás 20 horas haberá unha nova sesión do ciclo Escrita(s) na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56), a cargo de Rober Bass & Leo. Esta é a sinopse do acto de mañá:

Rober Bass e Leo atópanse nunha autovía -os dous están abandonados- e deciden comezar unha nova vida xuntos mais para elo deberán escribir o seu currículo para atopar traballo. Eles non saben vender a súa forza de traballo, son inútiles, superfluos e proletarios. Soamente pretenden conseguir cartos para facer o único, bailar. Bailar como lobas. Neste croquis vital (en plano secuencia) sobre un mesmo, -neste caso sobre elas mesmas, pois xa superaron o xénero e o número desde a súa desmateiralización-, farán un percorrido visual pola videodanza contemporanea, sen axiomas… porque lles peta, porque son proletarias e soamente lles queda eso da conciencia de clase.

A Coruña: Sabela Pato no ciclo Escrita(s)

Este xoves 4 de xuño ás 20 horas o ciclo Escrita(s) organizado pola Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) acollerá á escritora Sabela Pato. A súa sesión leva por título A domadora:

Imos partir dun elemento central na escrita da arte contemporánea,o artefacto. Polo camiño, perderemos a noción de obra en tanto que unidade ou complexo de sentido e caeremos no disparatado. Presentareivos á domadora e descenderemos das peanas da arte ao lugar dos obxectos comúns: alí onde nós habitamos, alí onde sempre acabamos por constatar o paradoxo, pois alén dos reclamos de claridade e de facilidade, as nosas vidas abísmanse en múltiples intersticios. Acompañarannos Alicia e a eiruga, a voz de Duras e mesmo pode que Quintana.

 

A Coruña: Oriana Méndez no ciclo Escrita(s)

Partindo da noción de “identidades relacionais”, a poeta e filóloga Oriana Méndez tratará de caracterizar a estrutura da blogosfera e provocar, así, a conversa sobre as capacidades que estas redes sociais (blogs) posúen á hora de repercutir ou influenciar no ámbito do pensamento e da acción política. É a blogosfera un novo espazo público ou unha extensión do que xa existía? É unha refundación da Democracia? Esas serán algunhas das preguntas sobre as cales reflexionar nesta sesión do ciclo Escrita(s) baixo o título A blogosfera e a pluriarquia. Que posibilidades?, na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56), hoxe xoves 28 de maio a partir das 20 horas.

A Coruña: Ana Salgado participa no ciclo Escrita(s) da Galería Sargadelos

Mañá xoves 21 de maio ás 20 horas comezará a segunda sesión do ciclo Escrita(s) na Galería Sargadelos da Coruña. Baixo o título Pedra e carniza intelixente Ana Salgado enfiará unha achega á poesía de vontade comunal feita nas últimas décadas para pór de relevo os intentos de problematizar algunhas nocións entre as que están identidade, nación, intimidade, clase, xénero ou dominación.

Ana Salgado é licenciada en Filoloxía Galega na Universidade de Santiago. O seu labor profesional desenvolveuse no Servizo de Normalización Lingüística da USC, na Área de Publicacións do Consello da Cultura Galega ou na Compañía Radio Televisión de Galicia. Na actualidade é redactora de Praza das Letras (revista e portal) e coordinadora de Protexta, suplemento literario da revista Tempos Novos.