Laíño, Dodro: homenaxe a Eusebio Lorenzo Baleirón, o sábado 17 de novembro

O sábado 17 de novembro, ás 12:30 h., na casa natal na parroquia de Laíño, lugar de Tarrío, 26, do Concello de Dodro, terá lugar unha homenaxe a Eusebio Lorenzo Baleirón.

Ser unha foula en resurxir constante
ou un navío en colisión coa noite.
Iso é o que importa.
Eusebio Lorenzo Baleirón, Gramática do silencio.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega homenaxea ao poeta de Dodro, quen este ano faría os 50 anos, co seguinte programa:
• Intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.
Laudatio de Paulino Vázquez.
• Intervención dun membro da familia Lorenzo Baleirón.
• Descubrimento dunha placa conmemorativa.
• Lectura poética de poemas de Eusebio Baleirón a cargo de Carlos Negro.
• Remata o acto cunha interpretación musical.
O acto contará coa presenza dos alcaldes de Dodro e Padrón.

Eusebio Lorenzo Baleirón é un dos grandes poetas da segunda metade do século XX. En palabras de Román Raña no ano 1985: “Pertence á estirpe poética dos 80, percorre coa súa lira terreal os denodados camiños do verbo”. “O impeto naceu das entrañas acuciantes dun tempo enneboado. Na poesía de Eusebio achamos a esteira de Borges e a floración de Cunqueiro. Había tempo que o escritor bonaerense non deixara unha pegada tan patente nos versos dun poeta galego: del vén a memoria e os espellos, un inmpudor metafísico que pretende despir a esencialidade das cousas e as normas do cosmos; do escritor de Mondoñedo surxe a eclosión lírica, a demorada reconstrución de espacios estelares e de sombras interiores onde o amor palpita paralelamente á desazón, onde hai papoulas e a espiña intanxíbel que inexorabelmente lacera o poeta.”

Recensión en Sermos Galiza.

Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

O Concello de Dodro, para honrar a memoria do seu ilustre poeta e contribuír á promoción da poesía galega, manifestación sobranceira da nosa literatura, convoca a XXiI edición do PREMIO EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN. Poderán concorrer a este certame as poetas e os poetas que o desexen, con cadanseu libro escrito en lingua galega, segundo a normativa vixente. Os poemarios aspirantes ao premio serán de tema e forma libres, cunha extensión mínima de 500 versos e máxima de 800. Deberán ser orixinais e estar inéditos na súa totalidade, condición que se estende ao soporte dixital. No momento do fallo do certame, non poderán estar presentados a ningún outro concurso. O prazo de presentación remata o 21 de novembro. A dotación do Premio, único e indivisible, será de 2.300 euros. [Descargar bases en PDF]