Vigo: FLIPO. Festa do Livro em Português 2024

Vigo: presentación de Unha voz, moitas voces Xela Arias tradutora

Bases da XX edición do Premio Plácido Castro de Tradución

“A Fundación Plácido Castro, da que forman parte os concellos de Corcubión, Cambados e Vilagarcía de Arousa, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación e o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), convoca o Premio Plácido Castro de Tradución destinado a promover versións en lingua galega das grandes obras da literatura universal, con especial atención á súa presenza en Internet e as traducións para o galego de obras doutras linguas. Lémbrase, deste xeito, a figura de Plácido Castro, humanista, liberal, cosmopolita, símbolo da universalidade do nacionalismo galego que quixo estimular coas súas traducións a recuperación explícita da nosa identidade.

1. Poderán participar na convocatoria da vixésima edición do Premio Plácido Castro de Tradución obras traducidas ao galego e publicadas no ano inmediatamente precedente en formato papel ou dixital. Tamén poderán concorrer as obras libres de dereitos e publicadas na biblioteca virtual http://tradutoresgalegos.com/bivir.html pola persoa que as asina, ou xa entregadas e pendentes de publicación en BiVir.
2. A presentación como candidata ao premio implica a conformidade coas presentes bases.
3. As obras que concorran ao premio enviaranse á sede da Fundación Plácido Castro, sita en Rúa Nova, 4 36630 Cambados, Pontevedra ou por correo electrónico a presidencia@agpti.org ou info@igadi.gal, antes do 1 de maio de 2022.
4. O xurado do Premio estará composto por cinco persoas en representación das seguintes institucións: Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (AGPTI), Real Academia Galega, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e Xunta de Galicia. Actuará como secretario con voz e sen voto unha persoa en representación da Fundación Plácido Castro. Estará facultado para resolver calquera dúbida a propósito destas bases e poderá instar o asesoramento que considere oportuno.
5. O xurado terá en conta fundamentalmente os seguintes criterios: corrección lingüística e ortotipográfica, calidade da versión, criterios de lectura e interpretación do orixinal, relevancia da obra nas culturas de orixe e chegada e adaptación ao destinatario.
6. O xurado dará a coñecer de inmediato a identidade da persoa premiada e fará públicas as razóns nas que se fundou para a concesión do premio.
7. O premio consistirá nun diploma acreditativo e unha peza escultórica deseñada expresamente para o concurso, obra de Xaquín Chaves. Así mesmo, estará dotado con 2.000 euros.
8. A entrega do Premio terá lugar no lugar e data que sinale a Fundación Plácido Castro.”