O CDG estrea este xoves Neorretranca e posmorriña nunha aposta por reflectir a diversidade da nova dramaturxia galega

Desde Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) estrea este xoves día 11 no Salón Teatro de Santiago a súa nova produción propia, Neorretranca e posmorriña, dirixida por Gena Baamonde e interpretada por un elenco de 10 actrices. Baixo este título, a compañía pública pon en escena as pezas Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte, que lle ofrecen ao público dúas olladas moi diferentes arredor da identidade galega como punto de partida común.
Este eixo temático compartido é o resultado da participación de ambos os autores na primeira edición do grupo de traballo DramaturXa, do que formaron parte xunto a outros 10 integrantes e baixo a coordinación do escritor e director teatral Manuel Lourenzo. O CDG puxo en marcha esta nova iniciativa a primeiros de 2018 no marco do seu programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea, en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa.
Nesta aposta por reflectir a diversidade da nova dramaturxia galega incidiron hoxe tanto o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, como a directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia, na presentación da estrea do espectáculo, que poderá verse ata o 5 de maio na sede compostelá da compañía da Xunta. Acompañáronnos o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a directora do espectáculo, Gena Baamonde, ademais dos autores, o elenco interpretativo e o resto do equipo artístico, tamén maioritariamente feminino.
Ollada aceda e retranqueira
Os dous textos que conforman Neorretranca e posmorriña preséntanse como dúas pezas independentes e completamente diferentes, tanto desde o punto de vista estético como desde a súa forma de entender a dramaturxia. Porén, ambas as obras foron abordadas de xeito flexible pola dirección escénica para incorporar as achegas e a enerxía grupal, que todo o equipo coincidiu en destacar ao respecto do proceso de ensaios. Así mesmo, tamén teñen como común denominador a súa ollada aceda e retranqueira sobre a identidade galega.
A linguaxe corporal e o xogo escénico son os eixos arredor dos que se levantou Fantasía nº 5 en sol ou non, definida por Gena Baamonde como unha colaxe, un “catálogo-secuencia de múltiples imaxes dunha terra por facer”. A partir deste traballo de movemento grupal, o texto vai poñendo o foco en tópicos e prexuízos, que se abordan desde a ironía, o humor e a crítica irreverente.
Pola súa banda, Boisaca ou a divina desgraza reflicte outra visión da dramaturxia contemporánea, cun fío narrativo máis recoñecible e cargado de retranca a través de personaxes moi caricaturizados. O propio Roi Vidal, encarnado nunha actriz veterana, é un dos personaxes desta obra, na que –coa encarga de escribir un texto sobre a identidade galega como escusa– emprende unha viaxe polo máis alá na procura do seu pai, Roberto Vidal Bolaño. Neste camiño, irase atopando con algunhas figuras emblemáticas do imaxinario galego como Isaac Díaz Pardo, Castelao ou Rosalía, ademais de contar coa axuda de Mary Shelley, a autora de Frankestein, para intentar encaixar cada unha das pezas desa idea de Galicia.
Diversidade xeracional e artística
Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde son as dez intérpretes de Neorretranca e posmorriña, conformando un elenco no que teñen cabida varias xeracións de mulleres con formacións e traxectorias artísticas moi diversas en ámbitos como o teatro, as artes do movemento ou o audiovisual.
O resto do equipo artístico tamén é maioritariamente feminino, con Marta Pazos a cargo do deseño da escenografía; Alicia e Lola Dapena (Saturna), do vestiario; Esther Quintas, da caracterización; Wilma Moutinho, da iluminación; Ailén Kendelman, da música orixinal e do adestramento vocal; María Cabeza de Vaca, da coreografía e do adestramento físico; Rosa Moledo, da asesoría lingüística, e o Mago Teto, da asesoría de maxia. Ademais, Iria Azevedo traballa na asistencia de dirección; Carmen Triñanes, de escenografía; María Alonso Velázquez, de música, e Hugo Torres, de produción.
Funcións e venda de entradas
Neorretranca e posmorriña poderá verse ata o 5 de maio no Salón Teatro, onde o CDG levará a cabo 19 funcións. As de público xeral terán lugar de xoves a sábados, ás 20,30 h., e os domingos, ás 18,00 h. Así mesmo, os asistentes terán a oportunidade de intercambiar impresións co equipo tras o pase dos xoves nos chamados Encontros co Público. En canto á campaña escolar, desenvolverase en pases matinais os días 23, 24 e 29 de abril para alumnado de institutos.
A venda anticipada de entradas está dispoñible a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443. A partir da estrea, poderán mercarse tamén no despacho de billetes da sede do Centro Dramático Galego, que abre ao público desde dúas horas antes do comezo de cada función. O seu prezo é de 10 euros de xoves a sábado, cos descontos habituais, e de 5 euros os domingos, Día do Espectador no Salón Teatro.
Domingos de conciliación
Ademais, nas representacións dos días 14, 21 e 28 de abril e 5 de maio, o CDG desenvolve os seus Domingos de Conciliación, dirixidos a todas as persoas con nenos/as ao seu cargo que queiran asistir ao espectáculo. Esta iniciativa –incluída no prezo da entrada– consiste nun obradoiro de artes escénicas para idades comprendidas entre os 5 e 12 anos, onde os rapaces e rapazas poden pasar unha tarde entretida mentres os seus maiores asisten ao espectáculo. Para solicitar este servizo, de prazas limitadas, cómpre enviar un correo electrónico a centro.dramatico.galego@xunta.gal ou chamar ao 881 867 229, de luns a venres (agás festivos) de 9,00 a 14,00 h.
Neorretranca e posmorriña iniciará despois unha xira de dous meses durante a que se exhibirá en Tui (Teatro Municipal, 10 de maio), Pontevedra (Auditorio Afundación, 17 de maio), A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 24 e 25 de maio), O Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 31 de maio), Rianxo (Auditorio Municipal, 14 de xuño) e Vigo (Teatro Afundacion, 5 de xullo), entre outras localidades.”

Gena Baamonde dirixirá a nova produción do CDG a partir de dúas pezas de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte

Desde Agadic:
Neorretranca e posmorriña será o título da próxima produción propia do Centro Dramático Galego, que dirixirá Gena Baamonde a partir dos textos Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se se lle dá publicidade á convocatoria do proceso de selección das 10 actrices e actores que porán en escena o novo proxecto da compañía pública, con data de estrea prevista para o 11 de abril.
A reflexión sobre a identidade galega é o común denominador de ambas as obras como resultado da participación dos seus autores na primeira edición do grupo de traballo DramaturXa, coordinado polo escritor e director teatral Manuel Lourenzo. O CDG puxo en marcha esta nova iniciativa a primeiros de 2018 no marco do seu programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea, en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa.
Bases
Segundo as bases publicadas no web da Agadic, os intérpretes interesados en optar ás 10 prazas de actrices e actores convocadas –catro con categoría de protagonistas e seis de principais– teñen de prazo desde mañá e ata o mércores 19 de decembro para presentar as súas solicitudes xunto con toda a documentación requirida.
Para seren admitidos, os aspirantes deben cumprir unha serie de requisitos, entre os que se atopa o do coñecemento e dominio do idioma galego no ámbito cotián e artístico, ben acreditándoo mediante certificación oficial, ben solicitando unha avaliación lingüística específica.
O proceso de selección constará de dúas fases. A primeira delas será eliminatoria e consistirá nun baremo dos méritos profesionais dos aspirantes. Para esta valoración, na que se poderán obter ata 20 puntos, teranse en conta as capacidades interpretativas para espectáculos teatrais (titulación, cursos de formación, interpretación en espectáculos profesionais e afeccionados de artes escénicas, premios…), así como a achega de materiais audiovisuais a través dun videobook de resumo dos traballos en artes escénicas e audiovisuais ou a gravación de traballos puntuais.
Audicións
As persoas que acaden as cinco mellores puntuacións de cada un dos personaxes convocados accederán a unha segunda fase de audicións, con ata 30 puntos en xogo. Neste caso, as probas dividiranse en dúas partes: unha primeira de audición oral/avaliación lingüística e unha segunda de interpretación.
Os textos e indicacións para esta valoración estarán dispoñibles en www.agadic.gal con tempo suficiente para a súa preparación por parte dos actores e actrices que accedan á segunda fase.
As diferentes etapas deste proceso faranse públicas no web da Agadic e no taboleiro das súas dependencias: http://www.agadic.gal/Avisos/detalles/558.”