Entrevista de Montse Dopico a Carme Adán en Praza:
““Coñecer algo tan complexo como a violencia que se exerce sobre as mulleres é unha forma clara de tomar partido”. Así o di Carme Adán, autora de Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión, un dos libros que abren a colección de Galaxia sobre feminismos. Falamos con Carme Adán deste libro en conexión con moitos debates actuais arredor da violencia de xénero.
– Praza (P): Este libro nace para axudar a coñecer, a comprender, a violencia de xénero. O cal xa implica “tomar partido: é unha acción política”, segundo explica o limiar. En concreto, como xorde o libro?
– Carme Adán (CA): Coñecer nunca é un acto neutro, ningunha acción humana o é. Coñecer implica situarse nun marco de referencia, partir dunhas hipóteses, primar máis uns valores ca outros… Coñecer algo tan complexo como a violencia que se exerce sobre as mulleres é unha forma de tomar partido clara. Pensa como a extrema dereita pelexa polas palabras, sabe perfectamente que reducir a unha cuestión privada e doméstica a violencia contra as mulleres é involucionar décadas na conquista dos nosos dereitos. Por iso é tan importante chamala violencia doméstica para eles.
Sobre como xorde este libro é difícil responder… Non sei, décadas lendo teoría feminista, o traballo cando nova nas comisión feministas do BNG, o contacto directo coa violencia na Secretaría de Igualdade, a redacción da lei galega no 2006 e posta en marcha a partir do 2007, os debates parlamentarios, as vivencias con moitas mulleres que sufriron violencia, a experiencia propia, debates, charlas…
Mais a idea central xurdiu nun debate en setembro de 2015 no Parlamento mentres defendía a incorporación do termo feminicidio e de súpeto entroume a dúbida “filosófica” de “que é a violencia contra as mulleres?”… Foi como se despois de tantos anos as palabras encolleran e non foran quen de dicir ou explicar que é a violencia. Comecei a cavilar que a violencia non é unha mostra da desigualdade, senón que é o elemento fundante da mesma… Sobre esa idea comecei o traballo de relecturas e lectura novas e logo o da escrita.
– P: A epistemoloxía feminista, explicas, cuestiona as ideas de “neutralidade” e “obxectividade” do coñecemento desa ciencia occidental que durante tanto tempo xustificou a discriminación das mulleres. Por que é tan relevante ese cuestionamento?
– CA: O coñecemento é un proceso sempre inacabado e permeado de valores. Cando non recoñecemos os valores e pensamos que unha especie de “ollo divino” ve a realidade desde todos os puntos de vista… malo. A ciencia ten aspectos enormemente liberadores e tamén puntos cegos nos que contribuíu a manter e reproducir os prexuízos sobre as mulleres.
A posta en cuestión de nocións como o de obxectividade é algo que neste momento podemos dicir comeza a ser asumido por unha parte importante diso denominado comunidade científica. A obxectividade é unha convención máis, non unha calquera por suposto, e eu non creo que poidamos prescindir da materialidade do mundo. Porén, a idea dunha ciencia que descobre a verdade do mundo é algo xa superado. No referido en concreto ás mulleres, unha parte dos discursos científicos contribuíron a reproducir e perpetuar moitos dos estereotipos e prexuízos sobre nós. Sobre a nosa debilidade ou menor capacidade. Aínda hoxe perviven algún deles na teoría da medicina, a psicoloxía ou a bioloxía. (…)”