Santiago: homenaxe a Isaac Díaz Pardo

Desde Praza:
“En 1954 Lorenzo Varela, grande amigo de Isaac Díaz Pardo e homenaxeado nas Letras Galegas de 2005, publicou un poema no seu libro Lonxe titulado Compañeiros da miña xeneración mortos ou asasinados. Nel, Varela escribe que “gardo, coma un morto, no centro do silenzo, da sede, da agonía, o día que vos poda levar á sepultura unha cesta de pombas e mazás”.
Iso é o que un grupo de amigos e admiradores de Isaac queren facer este sábado 5 de xaneiro a partir das 12:30 h. do mediodía no cemiterio compostelán de Boisaca, onde Díaz Pardo foi soterrado hai agora un ano. O acto cívico, organizado pola Academia Real Isaac Díaz Pardo, contará coa participación de poetas, escritores e outras figuras destacadas, unidas pola estreita relación que tiñan co intelectual. Falarán Carmen Blanco, David Otero, Laura Pérez Landeira, Luz Pozo, Julián Rodríguez, Claudio Rodríguez Fer, Helena Villar Janeiro, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís AxeitosXosé María Dobarro PazInma López Silva, Martiño Noriega, Charo Portela, Xesús Redondo Abuín ou Fernando Salgado. E porán a música A Quenlla, as gaitas de Manuel Castro Basteiro e Elisardo González López e os violins de Laura e Marina Quintillán.
O poema de Lorenzo Varela será recitado por Xosé Ramón Fandiño. E como afirma Xesús Alonso Montero “morrese Díaz Pardo de morte morrida ou de morte matada, Lorenzo Varela non lle furtaría o agasallo das mazás e das pombas”. E Alonso Montero conclúe “nese intre as pombas recuperarán a liberdade e as mazás, co seu recendo, traducirán , ao seu xeito, o agarimo e a admiración dos asistentes ó acto. Valle Inclán, soterrado a poucos metros, aplaudirá sen reservas a nosa admiración e o noso agarimo, que serán perpetuos”.”

Vigo: presentación do número 193 da revista Grial

O xoves 3 de maio, ás 20:00 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, preséntase o número 193 da revista Grial, que xira sobre Valentín Paz-Andrade, Isaac Díaz Pardo, emprendedores. Participan Víctor F. Freixanes, Ramón Villares, Uxío Labarta, Fernando Salgado e Alfonso Paz-Andrade.

Quiosco: Grial 193

“O traballo de Valentín Paz Andrade e mais de Isaac Díaz Pardo como emprendedores galeguistas centran o número 193 da revista Grial, que acaba de saír do prelo. Textos dos dous persoeiros, artigos sobre o seu traballo da man de Xoán López Facal, Uxío Labarta ou Fernando Salgado, así como lembranzas de Alonso Montero e Neira Vilas sobre a figura do fundador de Sargadelos ocupan boa parte desta entrega. Canda a isto, un artigo sobre as posibilidades de Galicia como parte da Lusofonía, da man de Henrique Monteagudo e Serafín Alonso Pintos, ou unha análise sobre xornalismo e novos medios da man de Carlos G. Reigosa son outros dos contidos que se poden atopar no número.” Vía Cultura Galega.