Arquivos da etiqueta: Fernando Suárez Barcia
O escritor na súa terra: Xavier R. Baixeras. Ribadeo, 2012, o sábado 2 de xuño
A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, que cada ano impulsa a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega neste 2012 a súa XVIII Edición recaendo, por decisión da Asemblea de Socias e Socios, na figura de Xavier Rodríguez Baixeras.
Celebraremos esta XVIII edición o vindeiro sábado, 02 de xuño, na vila de Ribadeo, que con nós colabora. A partir das 11:30 horas desenvolverase o programa de actos que se detalla máis abaixo. Como é habitual, remataremos a homenaxe cun xantar de confraternidade que celebraremos no Restaurante “O Cabazo” e cuxo prezo por persoa é de 32 euros.
De estardes interesados/as en asistir ao xantar confirmádenolo chamando, até o vindeiro luns 28 de maio –inclusive– ao teléfono 981 133 233 (de luns a xoves, de 08:00 a 14:30 e de 15:30 a 17:30; venres de 08:00 a 14:30); ou enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org. Poremos á vosa disposición un autobús que sairá de Vigo e fará unha parada en Santiago de Compostela e outro autobús que sairá dende A Coruña. Este servizo de autobuses farase sempre e cando haxa un mínimo suficiente de peticións.
Programa de actos
– 11:30 horas. Parque “Os Canapés” (O Xardín). Plantación da palmeira (árbore simbólica do escritor) e descubrimento do Monólito conmemorativo dedicado ao homenaxeado. Interveñen:
• Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
• Mari Luz Álvarez Lastra, Concelleira de Cultura, Educación e Igualdade.
• Xavier Rodríguez Baixeras.
– 12:30 horas. Salón de Plenos da Casa do Concello de Ribadeo, rúa Praza de España, 1. Acto de entrega da letra E. Interveñen:
• Fernando Suárez Barcia, Alcalde de Ribadeo.
• Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
• Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
• Xosé María Álvarez Cáccamo. Laudatio.
• Entrega da peza escultórica de Silverio Rivas.
• Intervención do homenaxeado: resposta á laudatio por parte de Xavier Rodríguez Baixeras.
– 13:45 horas. Visita ao Parque Xavier Rodríguez Baixeras (zona do Cargadeiro).
– 14:30 horas. Restaurante “O Cabazo”, rúa Río do Amalló, 1. Xantar de Confraternidade. Aberto aos socios/as da AELG, á veciñanza de Ribadeo e demais persoas interesadas.
Vexa aquí o cartel e o programa en pdf.
A biografía nómade de Xavier Rodríguez Baixeras (Tarragona, 1945), o seu tránsito de habitante en diferentes cidades e países, a procura do centro estábel nalgún punto da rosa dos ventos –maiormente a Beira Norte, a Mariña, de Ribadeo a Nois–, conforman constantes existenciais que alicerzan o edificio da súa escrita, asentada sobre os símbolos da Viaxe e a Casa, arquetipos dinámicos en constante interacción complementaria.
Desde os seus inicios foi construíndo o poeta un código de singular estilo, caracterizado pola tensión das solucións formais, a perspectiva interrogante e asombrada, o exercicio dunha ollada simbólica e arquetípica que se expresa en pronuncia natural, certo efecto de estrañeza producido polo equilibrio entre a visión onírica e o deseño figurativo e o dominio absoluto das técnicas rítmicas e musicais. Xavier Rodríguez Baixeras, figura máxima da xeración poética dos 80, poeta fundamental na historia completa da Poesía, mestre de coetáneos e herdeiros, foi labrando na súa obra un dos discursos máis transcendentes e reveladores da contemporaneidade.
A singularidade da súa voz e do seu estilo procede da actitude ética e temperamental de quen mantén unha moi consciente orientación de independencia, moi afastado sempre da norma gregaria, aínda que comprometido tamén coas causas colectivas da xustiza e a fraternidade, desde a esquerda, desde o nacionalismo, sen deixarse seducir nunca polo engado do poder.