A Coruña: entrega do Premio Repsol a Marcos Calveiro

OMarcos Calveiro martes 17 de novembro, ás 20:30 horas, na sede da Fundación Paideia Galiza (Praza de María Pita, 17), na Coruña, Marcos Calveiro recibirá o Premio Repsol de Narrativa Breve outorgado á súa novela Fontán, publicada por Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Román Rodríguez González, Ignacio Egea Kraul, Víctor F. Freixanes e Loreto Silvoso. Ao final haberá un recital a cargo dos membros do Coro Novo da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Marcos Calveiro: “Fontán foi un protonacionalista; sempre tivo Galicia por diante de calquera interese”

EntrevistaMarcos Calveiro de Alberto Ramos a Marcos Calveiro en Praza:
“(…) – Praza (P): Vén de ser galardoado por unha novela na que percorre a vida de Domingo Fontán, un personaxe do que confesa sentirse obsesionado dende fai anos. De onde nace o seu interese?
– Marcos Calveiro (MC): O interese vén da primeira vez que atopo o seu nome e sei da historia da carta xeográfica do mapa. Debín ler con 16 ou 17 anos Arredor de si, de Otero Pedrayo. Nese libro hai unha escena mítica na que Adrián Solovio queda marabillado diante do mapa de Fontán. Pouco despois vin un artigo de Cunqueiro dedicado ao mapa de Fontán e practicamente vén dende aquela. Levo toda a vida lendo todo o que atopo sobre Fontán. Paréceme un tipo extraordinario, un tipo que sobe a un burro e que durante 17 anos viaxa só e, con moi poucos medios técnicos, traza unha marabilla científica de Galicia. Un adiantado do seu tempo. De aí vén a obsesión. É un deses galegos practicamente descoñecidos que conseguiron grandes logros e que hoxe están aí esquecidos por todo mundo. Como el, hai moitos. (…)
– P: Leva dende moi novo furando na historia de Fontán. Cando decidiu poñerse a escribila finalmente? Como foi o proceso de documentación?
– MC: Levo anos cunha carpeta no ordenador que se chama Domingo onde fun vertendo toda a información que atopei sobre el. Aí teño que destacar o traballo fundamental dunha fundación, da fundación da súa familia, que se chama Fundación Domingo Fontán e que ten moitos dos seus documentos persoais dixitalizados e á disposición a través da rede. Penso que é unha documentación bibliográfica impresionante, que debería estar nunha institución pública galega e a disposición de todo o mundo.
Realmente, o proceso de escrita durou todos estes anos. Estes anos eu viaxei moito visitando centros de ensino. Cada vez que ía algún lugar e cadraba preto algún dos lugares de referencia para Fontán, achegábame. Subín moitas curotas de montes que el visitou para trazar o mapa, visitei a súa casa en Porta do Conde que aínda existe, agora ocupada por outra familia… É dicir, visitei moitos lugares nos que el estivo. Tamén a primeira recta que mediu, en Santiago, pola zona de Boisaca; a recta que logo mide no Corgo para a triangulación do mapa… Foi un traballo de moitos anos. A novela leva escrita un par de anos e neste tempo, como non escribín ningunha cousa nova, pois funa reescribindo, adaptándoa e mudándoa até esta versión definitiva que foi premiada co Repsol. (…)”

Entrevista con Marcos Calveiro, gañador do Premio Repsol 2015

DesdeMarcos Calveiro Galaxia:
“(…) – Editorial Galaxia (EG): Un premio sempre é unha inxección de enerxía, non si?
– Marcos Calveiro (MC): Por suposto e máis para min que levo de seca cretiva dous anos, agardo que o Repsol me dea pulos para retomar a escrita.
– EG: Se tivese que resumir Fontán en cinco liñas, que nos diría?
– MC: A medida do Mundo, Galicia, a tenacidade, a honradez intelectual e idielóxica. Fontán é un galego esquecido polo gran público que precisamos reivindicar polo orgullo do noso país e da ciencia galega que sempre estivo en primeira liña. Un adiantado ao seu tempo.
– EG: Por que escolleu un personaxe como Domingo Fontán para a súa historia?
– MC: É unha figura que me obsesiona dende que na adolescencia lin a Pedrayo: Eu, coma Adrian Solovio quedei deslumbrado polo seu mapa e pola súa figura, levo moitos anos tras a súa sombra.
– EG: A novela histórica non é algo que non teña tratado con anterioridade. Tenlle querenza ao xénero…
– MC: Teñolle querenza ao meu país a sacar á luz aquela parte da nosa historia que foi agochada polo poder e polos vencedores. Reinvidicar o pasado do noso país para darnos azos para mirar cara adiante, cara ao futuro con orgullo e afouteza.”

Unha obra sobre Domingo Fontán de Marcos Calveiro gaña o Premio Repsol

DesdeMarcos-Calveiro-150x150 Sermos Galiza:
“O vilagarcián Marcos Calveiro vén de gañar a IX edición do Premio de Narrativa Breve Repsol en lingua galega grazas a unha novela biográfica de fondo histórico que ten como protagonista ao ilustrado galego Domingo Fontán.
Trátase dunha novela biográfica de fondo histórico que se basea na vida de Domingo Fontán (1788-1866), autor do primeiro mapa topográfico e científico de Galicia, a Carta Xeométrica de Galicia. O xurado destacou da obra que “relata con sinxeleza e bo estilo uns feitos da historia científica galega pouco coñecidos”.
En Fontán xúntase a peripecia vital dun liberal galego que loitou polo espallamento das ideas da Ilustración no noso país co relato dun tempo convulso —a primeira metade do século XIX— no que a ciencia comeza a abrirse camiño fronte á sociedade do Antigo Réxime.
Novela histórica e, ao tempo, novela de formación, Calveiro consegue un equilibrio perfecto entre a recreación histórica e o retrato da personalidade extraordinaria dun científico que participou na loita polo progreso. O autor consegue transmitir a quen le a paixón polo coñecemento e pola liberdade que move o seu protagonista, quen compartía con outros científicos europeos as ideas máis adiantadas do seu tempo.
O xurado estivo formado por Santiago Lopo, gañador da edición anterior, Olivia Rodríguez González, en representación da Real Academia Galega, Mercedes Queixas, como representante da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Dolores Vilavedra, nomeada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, Isabel San Juan, en representación de Repsol como secretaria con voz e sen voto, e Carlos Lema, en representación de Editorial Galaxia. (…)”