Gondomar: O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro, en Espazo Lectura

“O sábado 22 de decembro, ás 12:00 horas, a Biblioteca de Gondomar acolle a derradeira sesión do ano 2012 do club de lectura compartida Lendo Contigo, que celebra ademais o seu quinto aniversario. Moitos dos nenos e nenas que ao longo destes cinco anos participaron nesta actividade, son agora membros do recentemente inaugurado Comando Le. Por iso, para celebrar cinco anos lendo xuntos e atravesando etapas lectoras, o sábado terá lugar unha sesión conxunta do Lendo Contigo e mais do Comando Le que xirará arredor da lectura do libro O neno can (Galaxia, 2012) de Fina Casalderrey e Francisco Castro. Os autores acompañarannos na sesión, pero esta non será a única sorpresa da mañá…” Desde Espazo Lectura.

Betanzos: presentación de Cando Artur non era rei, de Xabier López

O venres 30 de novembro, ás 20:30 horas, na Sala Azul do Edificio Liceo de Betanzos, preséntase a última obra de Xabier López, Cando Artur non era rei, publicada en Galaxia. No acto acompañan ao autor Gabriela Rodríguez, presidenta da A. C. Eira Vella, e Francisco Castro.

Bilbao: participación de Francisco Castro nas xornadas LiburuTekia

O martes 13 de novembro, ás 17:30 horas, na Biblioteca Foral de Bilbao, Francisco Castro participará nas xornadas LiburuTekia de Bilbao, na mesa redonda titulada Lenguas minoritarias en la red: reto/oportunidad. El idioma desde el punto de vista del libro. Euskera, catalán y gallego. No acto participan tamén Jorge Giménez e Carles Cortès.

Fene: tertulia de Francisco Castro con Carlos Negro, no Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor

O xoves 8 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Fene, continúan os faladoiros do Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor, organizado pola Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Nesta ocasión, Francisco Castro, gañador do Premio Blanco Amor organizado polo concello de Neda en 2005, coa novela Spam, falará sobre esta obra nun acto conducido por Carlos Negro.

Santiago: presentación de A verdadeira historia da mosca da tele, de María Solar

O martes 6 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, María Solar presenta o seu novo libro, A verdadeira historia da mosca da tele, publicado en Galaxia. No acto estará acompañada polo seu editor, Francisco Castro.

Santiago: II Xornadas de Literatura e Ensino, Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá, o 9 e 10 de novembro

O venres 9 e sábado 10 de novembro, no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), (Rúa San Lázaro, 107) de Santiago de Compostela, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio do Centro Español de Derechos Reprográficos, organiza as II Xornadas de Literatura e Ensino, baixo o lema Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá.

O programa, que pode ser descargado aquí, é o seguinte:

Venres, 9 de novembro
16:30 h. Conferencia: Literatura digital e ensino criativo: a escrileitura como ferramenta de releitura crítica da tradição, por Rui Torres.
17:30 h. Mesa redonda: Eu son do Club de Lectura, e ti?, con Joseph Ghanime Lopes, Concha Costas, Miguel Ríos e María José Díaz Pinheiro.
19:00 h. Espectáculo poético: Con dez poemas por barba, con María Lado e Lucía Aldao.

Sábado 10 de novembro
10:00 h. Conferencia: Literatura infanto-xuvenil: unha clave literaria con función competencial normalizadora?, por Agustín Fernández Paz.
11:00 h. Conferencia: Celso Emilio Ferreiro no seu centenario: voz dun tempo e dunha terra, por Ramón Nicolás.
12:15 h. Mesa redonda: Xoga a literatura infanto-xuvenil na 1ª ou na 2ª división?, con Francisco Castro, Fina Casalderrey e María Reimóndez.
16:30 h. Mesa redonda: Coloca as túas mans sobre a poesía, con Ledicia Costas, Ángel Núñez Ramos e Dores Tembrás.
18:00 h. Espectáculo poético: A hostia en verso, con Lucía Aldao, Daniel Landesa, Lorena Souto, Xabier Xil Xardón, Ledicia Costas e o músico Mig Seoane.

A entrada é de balde.