Arquivos da etiqueta: Francisco Ferreira
Gondomar: entrega do IX Premio de Poesía Victoriano Taibo a Xosé Iglesias
Desde o IEM:
“O xurado do IX Premio de Poesía Victoriano Taibo, formado polos profesores e escritores Xulián Maure, Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Iñaki Varela e Miguel Anxo Mouriño, acordou concederlle o galardón ao poeta de Cee Xosé Iglesias Lamela polo poemario titulado A relixión do mar. Trátase dun libro que, sen abandonar a linguaxe poética, constitúe un auténtico tratado sobre a vida en e relacionada co mar. Desfilan por estas páxinas aparellos, artes de pesca, coñecementos de navegación, embarcacións, carpintería de ribeira, lugares, sucesos e un grande etcétera que o autor aproveita habilmente rebordando a súa intención didáctica e presentándonos, a través de imaxes ricas e suxestivas, un proxecto de vida na que cicela a súa propia identidade. Versos con recendo a marusía que evidencian coñecemento profundo e vivencia delongada do mundo mariño nesta “homenaxe á fe infinita que teñen os nosos mariñeiros por este anaco de océano. Unha fe a se representar en distintos rituais que van converxendo ao longo da costa e do tempo”, en palabras do autor. O premio está dotado con 3000€ e unha peza escultórica da autoría de Fino Lorenzo. O acto de entrega, conducido por Marta Dacosta, terá lugar o próximo sábado día 10 de decembro ás 19:30 horas no auditorio municipal Lois Tobío, co seguinte programa:
– A banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns, abre o acto.
– Marta Dacosta fai unha breve lembranza da figura de Victoriano Taibo e recorda tamén a recente publicación da súa obra inédita Contos pequenos.
– O CEP Neira Vilas, de Peitieiros, interpreta dous destes contos.
– Xosé Lois Vilar fará un breve comentario sobre o libro premiado.
– O autor recibe o galardón da man do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e recita algúns poemas da súa obra.
– Actuación da banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns.
– Despois da quenda de agradecementos clausurará o acto o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.
– Á saída, no vestíbulo, estará agardando un albaroque de confraternización durante o cal o autor asinará libros para quen o desexe.”