Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Supoño que nun futuro non moi lonxano cumprirá revisar a achega literaria -nomeadamente narrativa, ensaísta e dramatúrxica- de Daniel Cortezón (1927-2009). A súa traxectoria vital é ben merecente de atención como, sobre todo, o seu perifl creador marcado, como el deixou dito, polo devezo de saber: “Eu son absolutamente autodidacta. Apenas fun á escola para aprender as primeiras letras. Da biblioteca de Ribadeo lin, ao longo de vinte e tantos anos, no mostrador da farmacia, os máis de 3000 volumes cos que contaba”.
Deixo aquí unha mostra dun manuscrito seu pertencente a unha carta que lle enviou, desde o seu Ribadeo natal, a Ramón Piñeiro, o 4 de outubro de 1953 (a miña gratitude á Fundación Penzol pola colaboración).
Arquivos da etiqueta: Fundación Penzol
Vigo: inauguración da exposición Centenario de Xosé María Álvarez Blázquez
Manuscritos: Ricardo Carvalho Calero
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Hai datas que, sen saber na realidade a razón, quedan gravadas na mente. Este foi o meu caso co pasamento de Carvalho Calero acontecido un día coma hoxe hai vinte e cinco anos e a quen lembraba como unha figura familiar na antiga Facultade de Filoloxía da Praza de Mazarelos a finais dos anos oitenta.
Para lembrar este cabodano, e por cortesía da Fundación Penzol, tiradas concretamente dun dossier existente nos fondos da Biblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego, exhúmanse catro páxinas dunha recensión centrada conxuntamente na tradución dos Carmina (1950) de Horacio, a cargo de Aquilino Iglesia Alvariño, e a tradución do Cancioeiro da poesía céltiga (1951), de Julius Pokorny, que realizaron Ramón Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega. O texto de Carvalho levaba por título “Celtas e románs cantan en galego” e viu a luz, cando menos, no número 466 (ano 1952) das páxinas de Galicia. Revista del Centro Gallego de Buenos Aires. Velaquí o modesto recoñecemento do Caderno da crítica ao polígrafo ferrolán.”
#EuSonRosalía: Fundación Penzol
Co
cancelo #EuSonRosalía a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega propón celebrar o Día de Rosalía de Castro 2015 convidando os centros escolares, institucións, movemento asociativo, persoeiros da cultura galega e a todos os particulares que se quixeren sumar, a realizaren actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana, de modo que cada persoa descubra con cal das múltiples sensibilidades da autora se sente máis identificada, e así poder comunicárnolo gravando en vídeo unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…”
A idea é que os lugares nos que se filme esa breve declaración, de contido libre e persoal, sexan escenarios da vida cotiá, de ser posíbel, especialmente os ámbitos laborais, en conexión con boa parte da poesía rosaliana, vinculada ao traballo e á vida diaria.
Envíanos o teu vídeo ou a ligazón ao mesmo a oficina@aelg.org!
Este é o vídeo da Fundación Penzol.
Celebrando a Xosé Mª Álvarez Blázquez
Desde
Galaxia:
“Nun salón ateigado con case medio cento de mozos e mozas do Instituto Alexandre Bóveda de Vigo, o xoves 5 de febreiro, ás doce da mañá, na Casa Galega da Cultura, tivo lugar un acto académico-escolar organizado pola Fundación Penzol para conmemorar o centenario do nacemento de Xosé Mª Álvarez Blázquez (Tui, 1915-Vigo, 1985).
No mesmo contouse coa colaboración e presenza de tres dos seus fillos: Xosé Mª, que fixo unha breve semblanza do pai e mais da súa obra; Alfonso, autor dunha cronobiografía do homenaxeado que se repartiu ao remate, e Berta, que agasallou aos asistentes cunha serie de poemas do escritor ilustrados por ela. Pola súa banda, o alumnado do Departamento de Música do citado centro, Alexandre Bóveda, pechou o acto interpretando tres fermosas cancións compostas por eles e baseadas en senllos poemas de Álvarez Blázquez. Antes, o alcalde de Vigo Abel Caballero, que asistiu acompañado de tres dos seus concelleiros, glosou brevemente a figura do egrexio galeguista, e puxo en valor a súa relación e querencia pola cidade olívica, na que viviu durante moitos anos ata o seu falecemento, e da que foi Cronista Oficial.
Como complemento a este acto, nunha pequena exposición podían verse e consultarse unha ampla selección de libros da autoría de Álvarez Blázquez, así como outros sobre el, editados maiormente no 2008, co gallo do seu nomeamento como persoeiro do Día das Letras Galegas. Os tres expositores das paredes amosaban material documental vario dos ricos e importantes fondos doados á Penzol no 2012 polos seus heredeiros.
A imaxe que acompaña este artigo é de Noel Queipo.”
Vigo: presentación do número 203 da revista Grial
A Fundación Penzol recibe dous poemas autografados de Xosé Velo Mosquera
Desde Galaxia:
“A Fundación Penzol recibiu de Hixinio Araúxo Feijóo a doazón de dous poemas autógrafos de Xosé Velo Mosquera. Tratase da «Canzón dá Carceleiriña» e «Confirmación de fe».
Xosé Velo Mosquera foi un dos galeguistas encargados de organizar as Mocidades Galeguistas en Celanova durante a II República e, durante a ditadura de Franco, participou no histórico secuestro do transatlántico portugués Santa María (Santa Liberdade) xunto con Henrique Galvao.
Xosé Velo estivo agochado na casa da nai de Hixinio Araúxo Feijóo, quen fai a doazón, nos anos 45/46 do século pasado, perseguido pola policía franquista. María Rosa Feijóo, Maruxiña (’A Carceleiriña’ dun dos documentos), quen ou acolleu na súa casa, era filla de Roberto Feijóo, a quen Xosé Velo dedica un dous poemas, alcalde de Celanova asasinado polos fascistas non 1936. Á familia non se lle permitiu enterralo no camposanto de San Amaro de Celanova, e tivo que facelo, como foi tan frecuente naquela época escura, nunha tomba extramuros.”
Caligrafía rosaliana ao fío duns apuntamentos con glosas do Cancioneiro Popular Galego
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
O que vén en 2014 (efemérides literarias), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Non é difícil conxecturar que boa parte da actualidade cultural do 2014 estará ocupada por dous escritores que, sen dúbida, suscitarán unha abondosa atención mediática en forma de actualización e posta ao día da súa obra literaria. Eles son Xosé María Díaz Castro e Eduardo Blanco-Amor, mais talvez non sería desaxeitado atender aniversarios e datas simbólicas doutras voces, igualmente significativas para a nosa cultura.
Son dúas as
circunstancias que este 2014 ofrece en relación ao poeta de Guitiriz. Por un lado a celebración, o 19 de febreiro, do centenario do seu nacemento e, polo outro, a decisión da Real Academia Galega para que protagonice o Día das Letras Galegas.
Díaz Castro ben merecía este recoñecemento, malia ser un autor dun único libro publicado en vida ou mesmo talvez por esa mesma razón pois Nimbos é deses poemarios que honran e dan brillo a unha literatura. O mesmo ocorreu con autores que faleceron cun único libro publicado, véxase De catro a catro de Manuel Antonio, Fírgoas de Manuel Luís Acuña ou Proel de Luís Amado Carballo. Neste ronsel é onde, ao meu xuízo, cómpre situar a Díaz Castro: o que quixo dicir deixóunolo nun excelente poemario e logo calou, ou gardou silencio. É evidente que este ano traeranos necesarias biografías, a edición do resto da súa obra literaria que sospeito abondosa e interesante e outras iniciativas. Benvido, pois, este 2014, ano Díaz Castro para a cultura galega.
Tamén a RAG dispón xa diversas
actividades que se vincularán co 35 aniversario da morte do autor de A esmorga; o mesmo aniversario, por certo, que lle corresponde a Celso Emilio Ferreiro ou Luís Seoane.
Respecto a Eduardo Blanco-Amor xa se programan tanto a celebración dun plenario extraordinario na cidade de Ourense como un simposio que afonde en diversos aspectos da súa produción literaria. O perfil do escritor ourensán cómpre evocalo sempre, entre outras causas porque viviu moitos anos como un outsider, ignorado e maltratado tantas veces polo oficialismo. Gústame esta homenaxe porque posibilitará outra nova ollada á súa biografía –insuperable a que nos deixou Gonzalo Allegue co título EBA diante dun xuíz ausente– e, asemade, á súa obra.
Descoñezo se algunha institución pública ou asociación privada planifica algunha actividade ao fío das posibles celebracións que as circunstancias cronolóxicas fan cadrar, mais así debía ser. Entre elas salienta a do cincuenta aniversario do falecemento tanto do político sadense Ramón Suárez Picallo, que viviu axitadamente entre Galicia e América toda a súa vida, como do político e arquitecto vigués Manuel Gómez Román, que desenvolveu un labor aínda hoxe escasamente recoñecido tanto no ámbito do Partido Galeguista como, anos despois, na resistencia cultural no franquismo no seo da editorial Galaxia e da Fundación Penzol.
Por último, tamén este 2014 cumpriría cen anos o mestre, político e ensaísta Avelino Pousa Antelo, falecido hai tan só ano e medio, que foi presidente da Fundación Castelao durante moito anos e exemplar modelo de fidelidade ao seu país e á súa lingua. Neste mesmo grupo cumpriría citar a Celestino Fernández de la
Vega, outro ilustre tradutor e ensaísta, especialmente coñecido polo seu intemporal O segredo do humor (1963) e mais a Ramón de Valenzuela, quizais unha das voces narrativas máis precisadas de difusión e revisión, tamén pola dificultade de atopar libros clave como Non agardei por ninguén ou Era tempo de apandar…, obras que non deben faltar para este 2014.
Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia, o 4 de xaneiro de 2013, baixo o título de O ano de Díaz Castro e Blanco Amor.
P. D. Dous días despois da publicación infórmanme que neste 2014 hai 110 que naceu Arturo Cuadrado e cen anos do escritor murgardés Xosé Rubia Barcia. Deixo constancia aquí deles. Grazas.”
Noia: mesa redonda Francisco Fernández del Riego. Camiño (ben) andado
O
venres 15 de novembro, a partir das 20:30 horas, na Casa da Cultura de Noia, terá lugar unha mesa redonda cos seguintes participantes:
– Mª Dolores Cabrera, padroeira da Fundación Penzol. Presentación e coordinación.
– Francisco Domínguez, director da Fundación Penzol. Relatorio: Francisco Fernández del Riego e a Penzol e outras institucións.
– Víctor F. Freixanes, director da Editorial Galaxia. Relatorio: Francisco Fernández del Riego, Galaxia e a revista Grial.
– Xurxo Martínez, escritor e investigador. Relatorio: Don Paco e a mocidade.
Ao longo do acto proxectarase o vídeo Francisco Fernández del Riego. No río do tempo (1913-2010) de Félix Vidal.









