Vigo: homenaxe a Francisco Fernández del Riego

O venres 14 de xaneiro, ás 19:30 h, na sala de conferencias do Centro Social Novacaixagalicia (Rúa Policarpo Sanz, 24-26) de Vigo, terá lugar unha homenaxe a Francisco Fernández del Riego, organizada pola Fundación Penzol e a Editorial Galaxia. Participarán na homenaxe, para a que se están a recibir numerosas adhesións, Ramón Villares, Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Bragado, os académicos Xosé Luís Franco Grande e Xesús Alonso Montero, a filóloga e investigadora Malores Villanueva, Marián Vidal, directora técnica da biblioteca e arquivo Penzol, Benxamín Casal e Alfonso Zulueta de Haz (vicepresidente da Fundación Penzol). Antón Pulido entregaralle á Fundación Penzol unha copia do retrato de don Paco que no seu día o pintor realizou para a Real Academia Galega. Tamén se proxectará un vídeo de carácter biográfico realizado por Félix Vidal, mentres que Rosa Aneiros, premio de xornalismo Fernández del Riego, escribiu Unha Alba de Gloria para Fernández del Riego. O acto estará conducido por Víctor Freixanes. Crónica posterior en Galicia Hoxe e La Voz de Galicia.

Homenaxe a Francisco Fernández del Riego no seu domicilio

Amigos e responsables da Fundación Penzol e de Galaxia, acompañados do Presidente da Real Academia Galega, homenaxearon o pasado venres 23 de xullo a Francisco Fernández del Riego, visitándoo na súa casa para, nun acto sinxelo pero pleno de emotividade, entregarlle unha placa pero, sobre todo, para entregarlle o agarimo, as apertas de todo un país e, moi en especial, para facerlle saber do profundo agradecemento que todos sentimos pola súa vida, exemplar, ao servizo do noso país e da nosa cultura. Durante todo o acto, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, mantívose ao carón de don Paco, nunha xornada que o protagonista definiu como “inesquencible” e como “un agasallo”. Nun discurso pleno de emoción explicou como durante estes anos xa fora receptor de moitas homenaxes, pero que aquela, dos seus amigos, era sen dúbida a máis importante e a que máis dentro lle chegara. Máis información aquí.