Marilar Aleixandre nomeada para o Comité Executivo do IBBY

A Asemblea Xeral do 32 Congreso Internacional do IBBY en Compostela non podía rematar cunha nova mellor: acordou nomear a escritora Marilar Aleixandre como membro do Comité Executivo desta organización internacional. Grazas a este nomeamento a lingua, a literatura e a cultura galega medrarán en visibilidade a nivel internacional. As actuacións e programas de IBBY son definidas polo Comité Executivo, composto por dez persoas de distintos países e elexidas bianualmente polas seccións nacionais na Asamblea Xeral. Nesta asamblea tamén se destacou o grande éxito deste congreso felicitando a GALIX, sección en Galicia de OEPLI, pola boa organización do mesmo. Por outra banda, nomeouse na mesma asamblea a editora española María Jesús Gil como nova presidenta do xurado dos premios Hans Christian Andersen.

A AELG apoia aos once escritores galardoados co Premio Nacional

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, agrupada na actualidade entorno a un colectivo de 381 autoras e autores, representantes da creación literaria en lingua galega, expresa o seu apoio aos once escritores galardoados no seu día co Premio Nacional, nas modalidades de narrativa, teatro, ensaio, tradución e literatura infantil e xuvenil, e comparte o seu reclamo da necesaria valoración responsábel e obxectiva para a cultura galega, pensada e (re)creada en galego, entendéndoa sempre integrada nun escenario permeábel e aberto ao mundo desde a procura da necesaria reatroalimentación que comeza polo coñecemento, apreciación e dignificación do propio.

A concesión dos Premios Nacionais aos escritores e á escritora en lingua galega asinantes, por parte do Ministerio de Cultura do Estado español, desde o ano 1985, ratifica a capacidade de os nosos creadores e creadoras seren autores dunha creación literaria exportábel alén das nosas fronteiras que nos enche de orgullo e admiración, e que só require destinatarios e receptores con vontade de se aproximar a ela e interpretala como un legado senlleiro dentro doutros parámetros globais.

Coñecer e recoñecer publicamente a cultura galega en xeral, e a literatura galega dos nosos escritores en particular, é o primeiro paso necesario para superar tópicos arcaicos e caducos e acreditar definitivamente na capacidade, valía e potencial enriquecedor da súa divulgación, materia pendente aínda de abranguer cun proxecto contundente e de futuro.

Actualización: a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) informou do seu apoio ao texto da AELG.

Baiona: xornada de actividades arredor d’O libro das viaxes imaxinarias

Organizada polo club de lectura Gálix. Tendendo redes, o sábado 26 de setembro desenvolverase en Baiona e arredores unha xornada de actividades que baixo o lema de Por mares de tinta e cantos de serea xirará arredor da obra O libro das viaxes imaxinarias de Xabier Docampo e Xosé Cobas. A xornada está organizada por Gálix, coa colaboración do Instituto de Estudos Miñoranos e de Xerais. O prezo por persoa é de 44 euros, incluíndo a viaxe na goleta, picnic e participación nos talleres. As persoas interesadas en participar na xornada poden solicitar a súa inscrición no correo electrónico coa secretaría de Gálix ou chamando aos teléfonos 650 93 89 72 ou 981 58 98 83. A data límite de inscrición é o 21 de setembro. [Vía Xeraisblog]

Santiago: mesa redonda sobre novela histórica xuvenil

O club de lectura Gálix Tendendo Redes organiza mañá xoves día 4 de xuño de 17 a 19 horas no Consello da Cultura Galega unha mesa redonda que leva por título Narrar a historia, sobre as claves da novela histórica xuvenil e o seu tratamento na literatura para adultos. Participarán Marilar Aleixandre, Xosé A. Neira Cruz e Marcos S. Calveiro, todos eles autores de obras seleccionadas para a súa lectura polo club, así como a crítica literaria e doutora da Universidade de Santiago de Compostela Dolores Vilavedra. A entrada é libre.

Santiago: encontro con Agustín Fernández Paz

Un mes máis o Club de lectura Gálix Tendendo redes convoca aos interesados na literatura infantil e xuvenil a un encontro cun escritor, desta volta Agustín Fernández Paz, o próximo mércores día 27 de maio de 17.00 a 19.00 horas no Consello da Cultura Galega. No acto participará tamén o escritor e amigo persoal do autor Miguel Vázquez Freire, que presentará a obra de Agustín e conducirá un diálogo que nos levará a discernir as claves da novela de misterio. A sesión xirará arredor de Aire Negro, novela que constrúe un universo autónomo forxado no esvaradío terreo do terror psicolóxico con elementos de carácter mítico e fantástico a partir de claves tiradas do común, do cotián, da vida de dous seres que coñeceron o amor.

Santiago: encontro con Xosé A. Neira Cruz

O primeiro encontro do Club de Lectura Galix Tendendo Redes terá lugar os días 4 e 5 de marzo na Biblioteca do Consello da Cultura Galega de 17 a 19 horas e contará coa presenza do escritor Xosé A. Neira Cruz, que reflexionará sobre as relacións entre literatura e arte que subxacen na obra O armiño dorme, novela seleccionada como unha das máis representativas e mellor resoltas dentro do subxénero da novela histórica xuvenil galega. A Editorial Galaxia puxo á disposición dos asistentes exemplares gratuítos da novela para abordar esta primeira sesión dun ciclo que amosará unha escolla selecta de libros e unha panorámica teórica respecto do corpus, temáticas e liñas da literatura xuvenil galega dos últimos 30 anos.

Gálix presenta o Club de lectura “Tendendo Redes”

Mañá xoves 26 de febreiro ás 17:30 preséntase no salón de actos do Consello
da Cultura Galega (praza do Obradoiro, Santiago de Compostela) o Clube de Lectura “Tendendo Redes”, organizado pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Gálix coa colaboración da Dirección Xeral de Difusión e Promoción Cultural da Consellería de Cultura e do Consello da Cultura Galega. Entre outras accións, o Club de Lectura promoverá encontros con autores como Xosé A. Neira Cruz, Fran Alonso, Agustín Fernández Paz, Marilar Aleixandre, Miguel Vázquez Freire, An Alfaya, Marcos Calveiro ou Fina Casalderrey, que descubrirán os segredos que se agochan detrás de cada libro, os escenarios xeográficos que serviron de inspiración aos autores, as lecturas que os foron construíndo ou as propostas fílmicas e musicais que serviron de punto de partida para o nacemento da escrita. Tendendo Redes conta ademais cun blog propio no que se poderá seguir a dinámica do club e botar man de diversos recursos teóricos (estudo da obra, lecturas críticas, miradas de críticos de renome, como foi abordada esta temática por outros escritores, actividades transversais, un foro de debate, etc.) que permitirán un achegamento máis profundo ao texto e ao autor ou autora.