Arquivos da etiqueta: Héctor Carré
Xavier Queipo, Héctor Carré e Anxo Fariña son os gañadores dos Premios Xerais 2011
Na illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 11 de xuño, ditamináronse a XXVIIIª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros, a XXVIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e a Vª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros.
– O xurado da XXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e seis obras, formado por Rodrigo Chao Blanco (ilustrador), Julia González González (mestra de Primaria e bibliotecaria), Antonio Reigosa Carreiras (escritor e gañador do Premio Merlín, 1998), Ángeles Roca López (bibliotecaria), Gracia Santorum López (profesora de Secundaria e blogueira), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas O carreiro das formigas, Prometeo e Trampa de luz. Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema Prometeo, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Anxo Fariña (1977) e corresponde ao título A chave da Atlántida, novela de ciencia ficción na que a un ritmo trepidante se mesturan os mitos dunha civilización antiga coas posibilidades ofrecidas polas biotecnoloxías e da robótica do futuro. Unha aventura que non dá tregua, onde non falta nin o amor nin as persecucións nin as probas fantásticas, na que se somete a indagación dos lectores e lectoras novos un dos tópicos da mitoloxía clásica. O autor premiado declarou cando coñeceu a noticia da concesión do Premio Merlín que cando era un neno duns cinco anos tiña bastante claro que quería ser de maior: pirata. No seu sexto aniversario, o seu soño mudou, quería viaxar ás estrelas. “Ser astronauta semellaba unha incrible ocupación para cando fose grande. Aos poucos meses, acadei a solución definitiva: pirata espacial. Co paso do tempo, pódese pensar que non cumprín os meus soños infantís, mais todo o contrario. Podo ser pirata espacial e moito máis. Grazas aos libros. Agora me conceden o Premio Merlín, e o único que podo dicir é que este galardón supón un marabilloso impulso para ese foguete co que atravesar o espazo e vivir mil aventuras.”
– O xurado da Vª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron vinte e tres obras formado por Isabel Bilbao Freire (representante da Fundación Caixa Galicia), Susana Piñeiro Paz (profesora de Secundaria), María Dolores Tobío Iglesias (profesora de Secundaria), Sabela Vilar Estévez (estudante de 4º da ESO), Andrea Ramos Queixas (estudante de 3º da ESO) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas Ánxela, Gabirro e Pelouro. Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema Pelouro, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Héctor Carré (1960) e corresponde ao título Febre, obra que relata un episodio, localizado na vila de Noia, daquela febre do volframio, o ouro negro extraído de forma clandestina, durante os anos corenta, xusto despois da Guerra Civil e en plena II Guerra Mundial. O autor comentou que Febre naceu dos seus recordos. “Cando era rapaz escoitei moitas historias que comezaban dicindo ‘nos tempos do volframio…’ Eran como o “érase unha vez nun país de moi lonxe” dos contos de fadas, a diferenza estaba en que esas historias pasaran aquí mesmo. Eu non sabía moi ben o que pasara naqueles tempos do volframio, pero escoitaba fascinado por un mundo que me parecía completamente diferente ao que eu coñecía, un mundo de aventureiros que andaba na procura dun ouro negro, de xente que andaba armada pola rúa, que arriscaba a vida por unha beta de mineral. A min parecíame unha película do oeste. Decidín escribir esta historia deixándome levar por ese estilo das películas do oeste, un estilo épico que encaixaba perfectamente na loita do personaxe central, Carmucha, unha rapaza que ten que enfrontarse a un inimigo infinitamente máis forte na procura da súa liberdade.”
– O xurado da XXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorreron corenta obras formado por Francisco Pérez Lorenzo (xornalista), Pemón Bouzas (escritor e xornalista), Paula Gómez del Valle (fotógrafa e profesora), Jorge da Cunha (notario), Berta Dávila (escritora) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas Extramunde, O caso Ocaso e Todo home é coma a lúa. Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema Extramunde que, despois de aberta a plica, resultou ser de Xavier Queipo e corresponde ao título Extramunde. O autor declarou cando coñeceu a noticia da concesión do Premio Xerais declarou que este galardón supoñía unha feliz confluencia coa da edición de Ártico 2.0, que revisa o seu primeiro libro. Entremedias 20 anos pasados de dedicación constante, de persistencia na escrita e, dalgún xeito de resistencia contra a ignominia. Extramunde é unha novela de aventuras, onde unha pléiade de personaxes alucinados embarcan nunha viaxe a bordo dunha nave de tolos, que no fin, constitúe a personaxe central da novela. Mais non é só iso, senón unha reflexión sobre o papel esmagador da ideoloxía oficial, a represión das minorías, o poder omnímodo da igrexa, a exploración do mundo e a procura da liberdade. Extramunde, admite, pois, variadas lecturas, con distintos planos de profundidade, coma se un fose debullando unha a unha as capas dunha cebola, ate atopar o seu núcleo central e, no camiño, rir e soñar, anoxarse e sufrir, evadirse e finalmente, se cadra, chorar.”
A festa literaria da entrega dos premios Xerais consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón, ao que seguiu unha cea ao aire libre nos xardíns da illa. Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada lembrando uns versos optimistas de Lois Pereiro, para logo dar paso a primeira das intervencións de O Leo i Arremecághona, que se ocupou do apartado musical deste serán musical e literario. María Xosé Queizán, como mantedora literaria desta velada, rememorou no seu discurso: Escribir en nome propio, as trobairitz, as donas occitanas que no s. XII compuxeron cantigas na lírica medieval, unha xoia literaria que tería repercusión na cantiga de amor galega. A autora sinalou que “o asombroso da lírica occitana é que haxa estas mulleres compositoras. Produce estrañeza porque o Parnaso, dirixido polo patriarcado, está ocupado por homes que consideraron o Falo e o Logos como indicadores fundamentais da cultura universal. Negadas como suxeitas, as mulleres foron obxectas da literatura, e a fantasía masculina. Os poetas e escritores crearon o imaxinario. Por iso, que as mulleres deixen de ser obxectas de adoración do trobador e cheguen a tomar a palabra é, non so unha ousadía, senón un cambio radical na concepción de si mesmas. Abonda con asomarse á historia da literatura galega para ver a escaseza de escritoras até a época actual.” Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que agradeceu a axuda proporcionada pola Fundación Illa de San Simón, a Consellaría de Cultura e Turismo, a Fundación Caixa Galicia e Ámbito Cultural El Corte Inglés, entidades que apoiaron a celebración destes premios, e reclamou nestes tempos de recurtes a maior atención para o mundo do libro e da cultura.
Recollido tamén en Cultura Galega, Asociación Galega de Editores, Fervenzas Literarias, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Xornal, Galicia Hoxe, El Correo Gallego, El País, Diario de Pontevedra, El Progreso, A Nosa Terra e Europa Press.
Na rede tamén se poden consultar as repercusións en diversos blogs e varias fotogalerías, como a de Manuel G. Vicente.
A Coruña: XXVII edición de Galeusca, do 29 de outubro ao 1 de novembro
Organizados pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, os encontros Galeusca chegan á súa XXVII edición, congregando na cidade da Coruña, entre os días 29, 30 e 31 de outubro e o 1 de novembro, a escritores e escritoras da AELG, da Euskal Idazleen Elkartea e da Associació d´Escriptors en Llengua Catalana.
As sesións da XXVII Congreso Galeusca celebraranse na Biblioteca de Estudos Locais (rúa Durán Loriga s/n.) da Coruña, baixo o epígrafe Literatura en galego, éuscaro e catalán: unha viaxe con futuro.
O XXVII Congreso Galeusca promoverá neste 2010 o debate ao redor da importancia das nosas literaturas en lingua propia como subministradoras de contidos para unha fértil industria cultural que a todos e todas sen excepción preocupa e interesa, pois na lingua e na literatura susténtase a identidade senlleira dun pobo, unha historia pensada e debuxada tamén polos seus escritores e escritoras, voces reveladoras dunha viaxe colectiva cara un país con futuro propio. Para falar destes aspectos e doutros puntos de vista que o tema suxira, distribúese o programa:
Venres, 29 de outubro:
Chegada das delegacións
22:00 Cea (Restaurante A Penela –Praza de María Pita, 12–).
Sábado 30 de outubro
10:00-11:30 Mesa redonda: A literatura como fornecedora de contidos da industria cultural: a literatura e o audiovisual, coordinada por Raúl Veiga:
• Héctor Carré
• Harkaitz Cano (elaboración do relatorio) | Ander Iturriotz (relator)
• Manel Bonany
11:30-12:00 Pausa café
12:00-13:30 Mesa redonda: As viaxes na literatura, coordinada por Xulio L. Valcárcel:
• Anxo Angueira
• Urtzi Urrutikoetxea
• Ignasi Riera
14:15 Xantar (Restaurante A Penela –Praza de María Pita, 12–).
17.00: Percorrido Rosaliano pola Coruña, por Diego Pardo Amado (con saída na Rúa do Príncipe,3 –Cidade Vella–).
18.30: Recepción na Casa do Concello da Coruña (Praza de María Pita, 1).
22.00 Cea (Restaurante A Penela –Praza de María Pita, 12–).
Domingo 31 de outubro
10:00-11:30 Asemblea da Federación Galeusca.
11:30-12:00 Pausa café.
12:00-13:30 Mesa redonda: A literatura como fornecedora de contidos da industria cultural: a literatura como modelo de convivencia de vellos e novos soportes, coordinada por Tati Mancebo:
• Marcos S. Calveiro
• Nikolas Zimarro
• Guillem-Jordi Graells
14.15 Xantar (Restaurante Ruído en la cocina –Praza de María Pita, 1B–).
19:00-20:00 Recitado/Lectura de textos + Música:
• Olalla Cociña e Dores Tembrás
• Nikolas Zimarro
• Miquel Bezares
• Xabier Díaz (música).
22.00 Cea (Restaurante Ruído en la cocina –Praza de María Pita, 1B–).
O luns 1 de novembro regresarán as delegacións invitadas.