Arquivos da etiqueta: Horacio
“Ourense esquece ao seu poeta oficial cando se cumpre o 150 aniversario da morte de José García Mosquera”
Desde La Voz de Galicia:
“A historia ten un pouso amargo que vai deixando no esquecemento aos que a protagonizaron cando as follas anuais se van amoreando. E pode ocorrer, e pasa, que nin as institucións que promoveron os recoñecementos pasados nin os pobos, as vilas e as cidades garden memoria daqueles a quen antes puxeron na gloria. O luns cumprirase o 150 aniversario do pasamento de José García Mosquera (Castro de Escuadro, Maceda, 1817 – Ourense, 1868), quen fora poeta oficial da cidade de Ourense, e a data pasará sen máis porque ninguén -agás algún investigador ou profesor- reivindicará a memoria do docente e escritor. Como pasou a celebración do douscentos aniversario no seu nacemento en Castro de Escuadro.
Aínda que haberá quen lembre e defenda a memoria de García Mosquera, como fai de cando en vez o expresidente da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero, e mesmo quen dea ao prelo un seu traballo de investigación, demorado no tempo, sobre o poeta de delicada saúde.
Un dos precursores
O que asinará a publicación será o investigador e profesor Santiago Prol, quen xa en 1995 promovera a campaña para que a vila de Maceda lle adicara unha rúa a Xosé García Mosquera. Prol lembraba onte a condición de adiantado do poeta. «Foi un dos precursores, e como tal figura recoñecido. Na antoloxía de Varela Jácome aparecen como os precursores do galego, antes do Rexurdimento, Añón, Pintos, García Mosquera e Alberto Camino. O poeta de Maceda, e profesor do que na actualidade é o IES Otero Pedrayo, publica en galego en 1858, antes que Rosalía de Castro», lembra o investigador.
Autor de obra en galego, castelán e latín, García Mosquera foi recoñecido por figuras como Lamas Carvajal -que foi o que promoveu que se lle adicase unha rúa na cidade e se puxese unha placa na casa na que viviu en Hernán Cortés- ou Saco e Arce, entre moitos outros.
Adaptación do Beatus ille
A obra que fixo pasar a García Mosquera á historia da literatura galega, e que o fai ter presenza en antoloxías internacionais, foi a adaptación -máis que tradución- que fixo do Beatus ille, de Horacio. O poema A vida d’o campo, que figura na Gramática Galega de Saco, converteu a súa versión da oda de Horacio «nunha peza maxistral que se considera case orixinal», como lembra Santiago Prol. Para este, a data do 19 de novembro sería a acaída para, o mesmo que se fan roteiros con outros autores, ler a peza xunto á placa da praza de San Marcial que lembra ao poeta oficial de Ourense.”