Monforte: actividades máis destacadas do mércores 24 na Feira do Libro

A XIV edición da Feira do Libro de Monforte desenvolverase do mércores 24 ao sábado 27 de agosto, na rúa Cardeal, con horarios entre as 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas. Os actos máis destacados do mércores 24 son os seguintes:

19:30 h. Pregón da Feira a cargo de Marcos Calveiro.
20:30 h. Mesa redonda sobre Lois Pereiro, coa participación de Xosé Manuel Pereiro, Manuel Bragado, Jacobo Fernández Serrano, Iago Martínez e Marcos Calveiro.

A Coruña: actividades do martes 2 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas dentro das previstas para o martes 2 de agosto na 40º edición da Feira do Libro da Coruña, aberta nos Xardíns de Méndez Núñez até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

19:00 h. O escritor Francisco Castro presentará o seu libro In vino veritas, publicado por Galaxia. Xunto co autor, participan no acto Víctor F. Freixanes e Mercedes Queixas.
20:00 h. Conversa con Agustín Fernández Paz, Óscar Sánchez e Iago Martínez arredor da novela Non hai noite tan longa, publicada en Xerais.
20:30 h. O ilustrador David Pintor e o autor Carlos López (Pinto e Chinto), asinarán exemplares das súas obras.

‘A xeración Lamote ou cando a LIX galega se fixo por fin maior’

Artigo de Iago Martínez en Xornal:
“Hai traxectos que se asocian a u­nha lectura e quedan aí para sempre. A Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) pasoulle cando marchou a Gernika en 1976. Ensinante antes que Premio Nacional de Literatura, o vilalbés pagou no País Vasco unha das peaxes –”feliz”, matiza– que impoñía a carreira docente. Naquel tren que o levaba para alá, recorda agora, ía lendo No cadeixo, un dos primeiros títulos de Paco Martín (Lugo, 1940). Aínda quedaban moitos anos para que Fernández Paz debutase como narrador e moitos máis para que Manuel Bragado, vendo unha foto de Xurxo Lobato na que os dous escritores aparecían xunto a Xabier P. DoCampo (Rábade, 1946), os alcumase como a xeración Lamote. Para que existise a “feliz creación” do editor vigués era necesario que Ramón Lamote, o personaxe creado por Paco Martín en 1985, se instalase na historiografía como un sinónimo –ou metáfora– da maioría de idade da literatura infantil e xuvenil galega. Nun tempo no que as comunicacións en Galicia eran africanas, bromea Fernández Paz, a renovación pedagóxica era unha tarefa titánica na que traballaban grupos illados de docentes por todo o país. Nun determinado momento, alguén propuxo sumar eses esforzos e centralizar en Santiago o traballo do que logo sería Nova Escola Galega. Verse periodicamente e organizar o ensino progresista daquel presente, aínda máis largo do que a Transición acabaría consentindo. Así empezaron a tratarse Agustín Fernández Paz e Xabier P. DoCampo, amigos de antes e compañeiros de traballo, con Paco Martín. Para o que ía ser e non foi a Revista Galega de Educación –que sería, pero con outro formato e outros presupostos–, Agustín fíxolle unha longuísima entrevista a Paco Martín. Calquera a atopa agora, resígnase o autor de Cartas de inverno, entre o mundo de casetes que gardan a memoria daquela época no local onde lle fixo sitio en Vigo á súa biblioteca. Son o testemuño, non só da prehistoria da literatura infantil e xuvenil tal e como a coñecemos agora, senón da época en que a renovación pedagóxica intentou tomar as escolas. Das cousas de Ramón Lamote (1985), gravado a lume na memoria infantil de varias xeracións de escolares, ten algo de libro fundacional. Para Agustín Fernández Paz, que tamén acabaría galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, como DoCampo e Martín, obviamente en anos diferentes, é a primeira vez que na literatura galega se ensaia o que máis alá dos Pireneos había tempo que se facía. “Era o que nós descubríramos cando en España se empezaran a editar os libros de Michael Ende, Gianni Rodari, Ursula Wölfel ou Roald Dahl”, recorda agora o autor de Non hai noite tan longa. “Paco Martín fixo en Das cousas de Ramón Lamote unha novela galega pero tamén universal. Era o que buscabamos”. A crítica, non só a académica, e os lectores, acabarían dándolle a razón a ese pálpito, tanto polo número de exemplares vendidos como pola proxección internacional e o prestixio crítico da literatura infantil e xuvenil galega. (…)”

A Coruña: representación de Corporal (je t’aime) e Contra a morte

O martes Canción do náufrago 3 Lois Pereiro Apuntamentos17 de maio, ás 20:00 horas, no Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n. Ao lado do IES Agra do Orzán) da Coruña, preséntanse dous proxectos en proceso: por unha banda Carlos Neira e Antía Otero están a desenvolver con actores (Roi Fernández, Laura Fandiño, Olaia Tesouro e Estevo González) un exercicio escénico e performático titulado Corporal (je t’aime) partindo de textos e da figura do autor monfortino; e, por outra banda, Iago Martínez e Alexandre Cancelo realizaron un documental sobre Lois Pereiro titulado Contra a morte. O dito documental está en proceso de finalización pero será presentado polos autores proxectando unha serie de fragmentos e de partes do documental.

Gondomar: Iago Martínez e Alexandre Cancelo falan de Lois Pereiro e da súa obra

O próximo martes 10 de maio, ás 20:00 h. na Aula de Cultura Ponte de Rosas de Gondomar, sede do Instituto de Estudos Miñoranos, o xornalista Iago Martínez, xefe de Cultura de Xornal de Galicia, presentará o seu libro Lois Pereiro. Vida e obra, publicado en Xerais, e o guionista e director Alexandre Cancelo falará do documental Contra a morte. Unha aproximación a Lois Pereiro que escribiu e dirixiu xunto a Iago Martínez.

A Coruña: charla de Iago Martínez sobre Lois Pereiro: amor e resistencia

O venres 1 de abril, a partir das 20:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña, e dentro do Ciclo Escrita(s) 2011. Circunvolucións, Iago Martínez falará sobre Lois Pereiro: amor e resistencia: “Modesta proposición para ler politicamente a Lois Pereiro. Porque a morte era o enésimo disfraz do poder. Porque escribir era un incendio. Porque as vítimas eran as vítimas de sempre. Porque había que loitar polo evidente. Porque vida e obra eran as armas para tomar as selvas lacandonas do que nos foi prohibido.”

Xabier P. DoCampo e Agustín Fernández Paz, amigos por palabras

Iago Martínez conversou cos escritores Xabier P. DoCampo e Agustín Fernández Paz para un artigo do suplemento Contexto de Xornal de Galicia:

“Don Francisco parece bo tipo. Disque tamén é da Terra Chá, coma min, e anda rillando na idea de investigar as escolas de emigrantes na zona. Paréceme un proxecto caralludo”. Máis ou menos iso era o que dicía o diario que Agustín empezou a escribir cando puxo o seu primeiro pé nas aulas como aspirante a profesor, hai case catro décadas. Tiña vinte e seis anos e iniciaba as prácticas, acabado o Maxisterio como número un da súa promoción, no Fogar de Santa Margarita da Coruña. O diario, como os que escribían os mestres rurais do Movimento di Cooperatzione Educativa italiano, afín aos comunistas, debía servir para reflexionar sobre o traballo docente e testemuñar a descuberta do oficio daquel mozo de Vilalba. Era lóxico que o seu titor asomase no caderno. Francisco, como intuía o seu pupilo, viña en efecto da Terra Chá, non de Vilalba senón de Rábade, e malia a que era case do seu tempo, apenas un ano máis grande, acertara antes coa vocación e daquela xa ensinaba matemáticas. Iso foi en 1973. Hoxe, os dous son escritores, en ambos casos distinguidos co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Agustín converteuse en Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) e Francisco, que nunca chegou a investigar as escolas de emigrantes na Terra Chá, é ben máis coñecido como Xabier P. DoCampo (Rábade, 1946). Deixaron a docencia, pero non a literatura nin a amizade. Para iso, de momento, non hai xubilación. [Ler texto completo]