Reportaxe de Carme Vidal en Sermos Galiza:
“Representantes da comisión promotora entregaron esta terza feira no rexistro do Parlamento Galego máis de 11.000 sinaturas que avalan a Iniciativa Lexislativa Popular “sobre o dereito ao coñecemento e a contemplación da obra de Castelao polo pobo galego”.
A presidenta de Galiza Cultura -entidade que agrupa as asociacións culturais-, María Pilar García Negro, o secretario xeral de CIG-Ensino, Anxo Louzao, o presidente da Mesa pola Normalización Marcos Maceira, e membros de asociacións culturais como Mª Antonia Pérez, de O Galo, Alberte Ansede, da Fundación Manuel María, ou Xoán Carlos Garrido, de Vagalumes, entregaron no rexistro do Pazo do Hórreo as sinaturas que permitirán que Castelao sexa o protagonista dun debate parlamentario sobre a necesidade de visibilizar a súa obra e a súa biografía.
“A tres semanas de seren entregadas as medallas que levan o seu nome podemos dicir que Castelao continúa estando duplamente enterrado para a poboación galega. Queremos que se se utiliza o seu nome non sexa en van”, explicou María Pilar García Negro ao tempo que defendeu a urxencia de mostrar a súa obra ara que sexa coñecida e apreciada.
“Cómpre sacalo do enterramento duplo ao que está a ser sometido e ter en conta a actualidade do seu pensamento xa que o debate político que está a haber agora está perfectamente guionizado en moitas das páxinas que el escribiu”, engadiu García Negro que lamentou que boa parte da súa obra non estea exhibida nin ao dispor do pobo galego. En especial, citou a obra “A derradeira lición do mestre”, que se atopa en Arxentina e da que se pide o retorno na propia ILP. (…)
García Negro lembrou que Castelao é un dos impulsores das Irmandades da Fala polo que reclamou tamén para el unha maior atención de cara ao vindeiro ano, no que se conmemora o centenario da súa creación.
A ILP demanda o “acceso público e aberto a través da rede de Internet a toda a súa obra dixitalizada para coñecemento e uso de todo o pobo galego” das case 4.000 obras da súa autoría. Desde a súa presentación pública, desde Galiza Cultura e as outras entidades promotoras desenvolvéronse actos por todo o país para buscar apoios e difundir o contido da ILP e, alén diso, a propia obra e figura de Castelao. (…)”