Xan Fernández: “O Anllóns foi fonte de enerxía, pero tamén de alimentación”

Entrevista a Xan Fernández en La Voz de Galicia:
“O Instituto de Estudos Bergantiñáns vén de publicar o volume O río Anllóns, arteria principal de Bergantiños, un texto obra de Fernando Cabeza Quiles, Evaristo Domínguez Rial, Xan Fernández Carrera, Antón García Losada e Luis Giadás Álvarez e no que colaboraron ducias de persoas aportando datos e informacións que foron minuciosamente recollidas nesta monografía. Nela recóllense datos como a descrición do propio río, mapas do seu curso e das parroquias polas que pasa, un estudo da flora e da fauna, outro de aves escrito por José Luis Rabuñal, o aproveitamento que se fixo, sobre todo, da súa desembocadura… «Non había un estudo tan amplo sobre o río e cremos que era necesario para coñecelo, protexelo e quizais poñelo en valor a nivel turístico», dixo o presidente, Xan Fernández en RadioVoz Bergantiños.
– La Voz de Galicia (LVG): Foi escrito a cinco mans.
– Xan Fernández Carrera (XFC): Exactamente, a cinco mans aínda que coa axuda de moita máis xente. Queriamos que fose un libro colectivo cun estudo integral do río, e para iso precísase de moita información e moi diversa. Este grupo de persoas fomos os autores do texto e tamén recollemos toda o material dos informantes. Ao mesmo tempo, queriamos festexar o vixésimo aniversario da entidade -que foi en 2019- sacando este novo libro, que nun inicio estaba previsto para inicios deste ano.
– LVG: O propio formato é bastante diferente a outros proxectos publicados anteriormente.
– XFC: A nosa intención xa era sacar un traballo moi diferente aos cadernos que viñamos facendo, que eran propostas máis sinxelas e concretas para, por exemplo, facer rutas. Este queriamos que fose un traballo extraordinario, como pensamos que así acabou sendo, que nos levou case dous anos de traballo percorrendo partes do río e entrevistándonos con moita xente. Con todo iso saíu este libro, destinado sobre todo aos bergantiñáns que teñan interese por saber máis do río, pero que tamén sexa útil. O Anllóns é o elemento natural máis importante que ten a comarca e, ademais, defínea totalmente, pois nace e desemboca nela: atravesa de leste a oeste todo Bergantiños e dálle moita personalidade.
– LVG: Dá vida á comarca.
– XFC: Exactamente. Este río foi fonte de enerxía para mover muíños, centrais eléctricas e mesmo outro tipo de industrias; pero tamén foi fonte de alimentación, xa que había salmóns en abundancia, reos, anguías, lampreas, troitas… Hai unha anécdota que di que os xornaleiros que traballaban no Anllóns protestaban porque lles daban salmón moitos días á semana. (…)”

Carballo: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O venres 19 de abril, ás 20:30 horas, no Casino de Carballo (Rúa Vázquez de Parga, 1), preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, coorganizado pola editorial e o Instituto de Estudos Bergantiñáns, coa colaboración da Libraría Brañas, participan, xunto ao autor, Xan Fernández Carrera, Xosé Manuel Varela e Manuel Bragado.