María Concepción Álvarez Lebredo gaña o V Premio Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns, con Distancias e simetrías

“O xurado do V Premio de Poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns acordou declarar gañadora da convocatoria deste ano o poemario Distancias e Simetrías, do que é autora María Concepción Álvarez Lebredo. O premio, dotado con 3000 €, escultura conmemorativa da autoría de Fino Lorenzo e publicación do libro polo Instituto de Estudos Miñoranos na colección Victoriano Taibo, será entregado no transcurso dun acto cultural que se celebrará na Escola de Guillufe de Morgadáns, sede do Premio, no mes de novembro.
“É un libro que toca á lectora, ao lector, cun estilo sinxelo, nada pretensioso, mais -se cadra precisamente por iso- tremendamente efectivo a nivel emocional”, fundamentou o xurado na súa acta final. “Fala de realidades, desexos e temores moi íntimos, dun xeito directo que consegue facernos partícipes”, agrega. “Os poemas visibilízanse ante nós, como se cada un se convertese nunha pequena curtametraxe”, afírmase no escrito. O xurado que estivo integrado polos escritores Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Araceli Gonda, Carlos Negro e Miguel Anxo Mouriño, este último como secretario, sinalou que “O libro vaise construíndo como a casa que habita o eu poético observando todo o que está ao seu redor nos distintos momentos do día. Soidade, desexo de amor, entrega á enfermidade, son os muros que erguen a casa en que a luz é imprescindíbel para frear a cegueira dos seus habitantes”.
María Concepción Álvarez Lebredo é profesora de Lingua Castelá e Literatura. Naceu en Vigo no ano 1970. Estudou Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela e acadou a licenciatura no ano 1993.” Vía Instituto de Estudos Miñoranos.

Coñécense os tres finalistas do V Premio de Poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns

“Dos cincuenta e un orixinais enviados ao V Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns, organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos, foron elixidas finalmente 3 obras finalistas, cos títulos Mensaxe para Siria, Distancia e Simetrías e Oso, mama, si? O xurado deliberou o pasado xoves 30 de agosto de 2012 e estivo integrado polos escritores Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Araceli Gonda, Carlos Negro e Miguel Anxo Mouriño, este último como secretario.”

Cincuenta e un orixinais concorren ao V Premio de Poesía Victoriano Taibo

Cincuenta e un orixinais concorren ao V Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns, organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos.
O pasado 31 de xullo rematou o prazo para a recepción de orixinais para participar no V Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns. O xurado reuniuse para recoller os traballos presentados, nun total de cincuenta e unha obras, cifra algo superior á das anteriores convocatorias. O fallo farase público nos primeiros días de setembro, en data que se anunciará nos medios de comunicación.
O premio dotado con 3.000 €, peza conmemorativa e a publicación da obra premiada está sufragado pola Entidade Local Menor de Morgadáns e xestionado polo Instituto de Estudos Miñoranos e será entregado nun acto a celebrar no edificio das Escolas de Guillufe (Morgadáns) na 2ª semana de novembro.

Gondomar: presentación de Historia das Mulleres de Galicia

O mércores 21 de marzo, ás 20:00 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, preséntase os catro volumes de Historia das Mulleres en Galicia, publicados por Nigra Trea. No acto, que remata o ciclo Mulleres na Historia organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos e a Asociación de Mulleres do Val Miñor Area Loura, participan Ofelia Rey Castelao, María del Mar Llinares García e Milagres Chapela Iglesias.

Gondomar: presentación de Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello

O xoves 15 de marzo, ás 20:00 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, dentro do ciclo Tertulias do Instituto de Estudos Miñoranos, preséntase a novela Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, publicada en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participa María Luísa Varela.

Convocado o V Premio Victoriano Taibo

A Entidade Local de Morgadáns en colaboración co Instituto de Estudos Miñoranos convocan o V Certame de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns, dotado con 3000 euros que se rexerá polas seguintes bases:

1. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, de temática libre, escritos en lingua galega e non poderán ser adaptacións.
2. Cada traballo consistirá nun ou varios textos poéticos, cunha extensión non inferior a 300 versos, que constitúan un conxunto.
3. De cada obra presentarase orixinal e catro fotocopias. Os autores ou autoras concursarán polo sistema de plica. Os traballos faranse chegar por correo ao seguinte enderezo:

Apartado 30
36380, Gondomar (Pontevedra)

4. Os traballos presentados conservaranse durante un mes a partir da data de publicación da resolución do xurado e logo destruiranse os que non fosen solicitados polos seus autores ou autoras.
5. O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 31 de xullo de 2012.
6. O xurado estará presidido polo Presidente da Entidade Local de Morgadáns, ou persoa na que delegue, e actuará como secretario o Director do IEM, ou persoa na que delegue, ambos con voz pero sen voto. Estará constituído, ademais, por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario.
7. A obra premiada será publicada polo IEM na colección Victoriano Taibo e non xerará dereitos de autor nesta primeira edición.
8. O premio outorgado será único e indivisible. O xurado poderá declaralo deserto se estima que a calidade das obras presentadas así o aconsella.
9. Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.
10. O feito de participar supón a aceptación destas bases.

Máis información sobre o certame aquí.

Gondomar: tertulia con Aurora Marco, sobre Mulleres na guerrilla antifranquista galega

O venres 9 de marzo, ás 20:30 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, dentro do ciclo Tertulias do Instituto de Estudos Miñoranos, Aurora Marco falará de Mulleres na guerrilla antifranquista galega, presentada por Pilar Barreiro.

Gondomar: faladoiro Galicia: país sen santas, por Ofelia Rey Castelao

O venres 17 de febreiro, ás 20:30 horas, na sede do Instituto de Estudos Miñoranos, na Aula de Cultura Ponte das Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, terá lugar unha nova Tertulia do IEM coa catedrática de Historia Moderna da Universidade de Santiago, Ofelia Rey Castelao. O faladoiro terá por título Galicia, país sen santas: Monxas e beatas na Idade Moderna, sendo presentada por Xosé Lois Vilar.

Gondomar: presentación de Valentín Paz Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo

O venres 27 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, preséntase o libro Valentín Paz Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo, reedición, corrixida e aumentada, editada nesta ocasión por Biblos, a editorial que dirixe Tucho Calvo. No acto, organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos, participan o fillo de Valentín Paz Andrade, Alfonso Paz Andrade, e Marta Dacosta.

Morgadáns: acto de entrega do Premio Victoriano Taibo e presentación do libro gañador, Holocausto Zocae, de Calros Solla

O sábado 12 de novembro, ás 19:00 horas, na Escla de Guillufe en Morgadáns, terá lugar o acto de entrega do IV Premio de poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns, que este ano gañou Calros Solla co seu poemario Holocausto Zacoe. No acto, conducido por Marta Dacosta, presentarase o libro premiado, e contará coa presenza de Miguel Anxo Mouriño, quen lembrará a figura de Victoriano Taibo, Gonzalo Navaza, Fernando Guitián, Urbano Esmerode, Carlos Méixome e o autor premiado, quen recitará fragmentos da obra gañadora, xunto á actuación musical do grupo de gaitas Balcón do Miño.